sábado, 20 de junio de 2020

DÍA INTERNACIONAL DOS ASTEROIDES: RECURSOS EDUCATIVOS

Unha das temáticas que, curso tras curso, máis atraen a curiosidade dos nosos estudantes é a referida ao Universo, os planetas, as estrelas, o sistema solar, as diferentes galaxias... Así, cada ano os libros relacionados co espazo son dos máis demandados na biblioteca. 

Agora que se achega o Día Internacional dos Asteroides (30 de xuño), e porque sabemos o moito que desfrutades aprendendo cousas novas sobre este tema, vos convidamos a visitar Space Place, unha web creada pola NASA para que o alumnado dos diferentes cursos de Primaria poida encontrar toda a información que desexe sobre a Terra, o sistema solar, o Sol, a tecnoloxía espacial...




Se queredes coñecer se existe xeo noutros planetas, que é un cráter de impacto, que é un asteroide, onde se encontra o espazo interestelar, que é un ano luz ou como se comunica a NASA cunha nave espacial, non tedes máis que picar aquí.

Agardamos que desfrutedes moito con todo o material que atoparedes aí: artigos, xogos interactivos, actividades, manualidades, vídeos...




Un saúdo desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz e felices vacacións!



miércoles, 3 de junio de 2020

CELEBRAMOS O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Esta semana, o 5 de xuño, celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972, coincidindo co primeiro cume mundial sobre esta temática: a Conferencia de Estocolmo sobre Medio Ambiente Humano. Esta data, que se vén celebrando desde 1974, busca concienciar  á sociedade sobre a necesidade de amar, coidar e respectar o noso planeta. 

Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz queremos convidarvos a celebrar este día, polo que vos deixamos aquí unha serie de recursos para que o alumnado e as familias aprendades e desfrutedes a partes iguais:


Contemplando a beleza da natureza: apetécevos mergullarvos entre quenllas en Fiji?, gustaríavos desfrutar da fermosura da Reserva Natural Kronotsky?, ou quizais preferides gozar observando a fauna das Illas Galápagos? Agora podedes viaxar até estes lugares, e moitos máis, sen movervos da casa grazas à páxina AirPano.com, unha web que vos permitirá desfrutar de espectaculares  panorámicas 360º a vista de paxaro de máis de 300 lugares do mundo. Moitas das fotos 360º e dos vídeos permíntennos achegarnos á grandeza da natureza.


Agardamos que todos desfrutedes enormemente con estas marabillosas viaxes virtuais.



Consumópolis: portal promovido polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social, no que podedes atopar actividades moi diversas para aprender sobre temas como a reciclaxe ou para reflexionar sobre como as accións cotiás poden axudar a aforrar enerxía e a cuidar o medio ambiente. 

Cómpre destacar a sección de xogos, na que se inclúen algúns tan divertidos como o "Selector de residuos", que ensina a reciclar nos distintos contedores, ou o "Apagaluces", co que aprenderemos a aforrar enerxía na casa. 
Igualmente interesante é a sección de fichas pedagóxicas, na que encontraredes materiais sobre temas tan diversos como o consumo sostible, a contaminación, o cambio climático ou a prevención de residuos no fogar.



Un paseo en barco polo pulmón do mundo: grazas a este proxecto de Google Street View, agora todos podemos realizar un tranquilo paseo en barco polo río máis longo e caudaloso do mundo, o Amazonas, polo cal poderes ir avanzando empregando o cursor e as frechas.


Agardamos que desfrutedes da beleza da Amazonia, o máis extraordinario exemplo de biodiversidade e auténtico pulmón do planeta, que absorve millóns de toneladas de dióxido de carbono presente na atmosfera, contribuíndo a frear o cambio climático



Queredes medir a vosa pegada ecolóxica?: deixámosvos aquí unha iniciativa da Diputación Foral de Bizcaia, Fundación Vida Sostenible e Global Action Plan, que nos permite coñecer o impacto ecolóxico do noso comportamento en relación coa enerxía que gastamos, a auga que consumimos, o lixo que xeramos... 


En función das respostas, o portal ofrece unha serie de recomendacións para rebaixar o impacto medioambiental.

Agardamos que todos desfrutedes destes recursos e que vos resulten interesantes.



viernes, 29 de mayo de 2020

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA "GALICIA MÁXICA"


Malia que a parte final da actividade quedou interrompida no mes de marzo, queremos lembrar con todos vós un dos nosos concursos favoritos. Por sétimo curso consecutivo, celebramos o tradicional certame de fotografía, que nesta ocasión levou por título "Galicia máxica". 

Nel puido participar todo o alumnado de Primaria, que debía enviar unha fotografía relacionada con algunha tradición galega. Precisamente este, as nosas tradicións, foi o escollido como tema central do curso 2019-2020 desde o Plan Lector.

Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz queremos dar os parabéns a todos os participantes por enviarnos unhas fotografías tan fermosas.

Ademais, queremos compartir con vós a ledicia dos finalistas e dos gañadores, que xa recibiron nas súas casas cadanseu diploma.

-CATEGORÍA 1º E 2º EPO:



-CATEGORÍA 3º E 4º EPO:


-CATEGORÍA 5º E 6º EPO:

        


Todos aqueles que desexedes coñecer máis sobre o concurso e ver algunhas das magníficas fotos recibidas, non tedes máis que visitar a web do colexio picando aquí.

Non queremos despedirnos sen dar as grazas a todos os que fixestes posible o desenvolvemento desta actividade: estudantes, familias e profesorado de Educación Primaria. A todos: parabéns e grazas polo esforzo! É un pracer compartir colexio con cada un de vós.



sábado, 16 de mayo de 2020

O FOGAR DESÉXAVOS UN FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Con motivo do Día das Letras Galegas, desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz quixemos realizar a nosa particular celebración.

Moitas grazas a todos os que fixestes posible esta humilde homenaxe ás nosas letras. Esperamos que todos desfrutedes deste vídeo, con música da nosa exalumna Icía Varela Gómez, á que tamén lle agradecemos a cesión da peza.



OS ENCONTROS LITERARIOS CHEGAN ÁS NOSAS CASAS

Nestes días nos que as grandes xuntanzas aínda non son posibles, a cultura ábrese camiño a través das novas tecnoloxías, que permiten iniciativas como os encontros literarios con autores de todos os rincóns do mundo.

Unha das propostas máis interesantes para este mes de maio ofrécenola a Editorial Edebé, que a través da súa conta de Instagram nos dá a oportunidade de asistir a diferentes encontros e presentacións. 



Aquí vos deixamos a información e vos animamos a achegarvos a algúns autores tan destacados como David Lozano, co que xa tivemos o pracer de manter un encontro no noso colexio, no que todos, estudantes e profesores, desfrutamos enormemente escoitando a un dos grandes escritores da actualidade, que transmite amor pola literatura en cada unha das súas palabras.










sábado, 9 de mayo de 2020

CATRO INTERESANTES INICIATIVAS DE LITERATURA DIXITAL

Nuns tempos nos que os libros dixitais están a adquirir un enorme protagonismo, aquí vos deixamos catro iniciativas nas que vos podedes mergullar todos aqueles que desexedes acceder, desde casa e de maneira gratuita, a unha inxente cantidade de títulos de calidade.

GaliciaLe: a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. Proporciona un servizo de préstamo temporal de obras  para todas as idades en formato dixital, en galego e en castelán, que poderedes visionar na vosa tableta, no voso teléfono móbil, no voso ordenador ou nun lector de libro electrónico.


Para facer uso desta plataforma é necesario ser usuario con carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, porén, a día de hoxe e até que remate a corentena, poderase empregar o servizo de préstamo rexistrándose e introducindo as claves que se recibirán.
Aquí vos deixamos o video de presentación da plataforma:





Elejandria: é un portal web para descargar libros gratis en español baixo dominio público ou licencia aberta.

Poderedes encontrar os libros por títulos, autores, categorías ou coleccións. 
Esta web será útil, principalmente, para os papás e as mamás, e mesmo para o alumnado de Bacharelato, que poderedes atopar aquí obras de grandes autores, como Jane Austen, Verne, Virginia Woolf, Bram Stoker, Mary Shelley, Charles Dickens, Victor Hugo ou Agatha Christie.
Porén, este espazo conta tamén cunha colección de clásicos da literatura infantil, con obras como El PrincipitoPinochoPeter PanHansel y Gretel, ou El libro de la selva; e con outra de literatura xuvenil, con títulos que a bo seguro farán desfrutar ao alumnado da ESO, como Robinson Crusoe, Moby Dick, Mujercitas, El fantasma de Canterville, Las aventuras de Sherlock Holmes, La isla del tesoro ou Los viajes de Gulliver.


Libros y casas: é unha biblioteca de libros dixitais gratuitos para todas as idades, que conta cun catálogo accesible e diverso composto por máis de 150 títulos de autores arxentinos. Trátase dun programa da Secretaría de Gestión Cultural del Ministerio de Cultura de la Nación Argentina, cuxo obxectivo é achegar os libros aos fogares e democratizar o acceso á lectura.



A colección contén contos fantásticos e policiais, títulos para nenos e nenas, libros ilustrados, recopilacións de crónicas e moito material que busca promover a lectura e a historia, e dar a coñecer novos autores.


Ganso y pulpo: os papás e as mamás podedes achegarvos a este interesante proxecto editorial independente sen ánimo de lucro que ofrece, de maneira gratuita, libros descatalogados ou olvidados, aos que agora é posible acceder en formato dixital.


Os lectores curiosos desfrutaredes seguro mergullándovos entre estes títulos, todos eles moi difíciles de encontrar hoxe en día, e que percorren diferentes xéneros, que van desde a ficción científica e o terror, até a ficción histórica, a ficción satírica ou a poesía.







jueves, 7 de mayo de 2020

CHEGOU O MES DAS LETRAS GALEGAS!

Chegou maio, e con el o Día das Letras Galegas, que este ano ten como protagonista ao escritor e docente ferrolán Ricardo Carvalho Calero, autor dunha notable obra literaria que abrangue a narrativa, o ensaio, a poesía e o teatro.



Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz vos convidamos a todos a que estes días vos acheguedes a esta figura fundamental da nosa cultura, que chegou a manter unha relación moi estreita con persoeiros da talla de Castelao, Risco ou Otero Pedrayo, así como con outros intelectuais destacados da Xeración Nós. 

Para aqueles que desexedes coñecer máis sobre o protagonista do Días das Letras Galegas 2020, aquí vos deixamos varios recursos que nos chegaron desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.




- Os estudantes de Secundaria e Bacharelato poderedes encontrar aquí abundante información sobre Carvalho Calero, con interesantes vídeos sobre esta figura:




Sete palabras do teatro de Carvalho - Portal das Palabras

A poesía de Carvalho Calero en sete palabras - Portal das Palabras

O Portal da Lingua Galega

Carvalho Calero 2020 - AGAL




-  Ao alumnado de Infantil e Primaria vos deixamos aquí unha serie de divertidas actividades que podedes realizar en familia, e que van acompañadas de interesantes datos sobre o autor homenaxeado :

Primavera das Letras - Real Academia Galega

Seminario Galán

Agardamos que todos desfrutedes aprendendo moitas cousas sobre unha das figuras fundamentais das nosas letras.