lunes, 5 de junio de 2023

PRÍNCIPES, DRAGÓNS, FADAS E MASCOTAS NA BIBLIOTECA DO FOGAR

A pasada semana foron varios os contos que visitaron a biblioteca para facer desfrutar os nenos e as nenas do Fogar. Un dos que máis risos "roubou" foi Un príncipe algo rarito, un divertido álbum creado por Fernando Lalana e publicado pola editorial Bruño, que nos traslada a un mundo de príncipes, encantamentos e algunha que outra ra. Irene, de 5ºB, e Alba, Iria e Marian, de 5ºC, foron as encargadas de poñer en escena esta fermosa historia cun final sorprendente, que tanto gustou aos pícaros de 2ºB de Primaria.



E logo de asistir como público, os nenos e as nenas de 2ºB animáronse a representar eles mesmos a obra que acababan de presenciar:





Estes días tamén recibimos a visita dun pequeno dragón que, malia que escupe lume pola boca, ten un corazón bondadoso e está sempre disposto a axudar aos seus amigos. Sofía, Andrea, Irene, Marta e Sara, alumnas de 4ºA de Primaria, foron as encargadas de desenvolver un espectáculo de monicreques baseado en El dragón Simón y el hada golosa, conto escrito e ilustrado por Mercè Aránega. Este álbum, que trata dunha maneira divertida o tema da alimentación, fixo desfrutar aos pícaros de 6º de Infantil.






Igual de divertida resultou a posta en escena de Cosas que me gustan de mi mascota, álbum creado por Trace Moroney e publicado por SM, co que Pablo, Alba e Daniela falaron cos nenos e as nenas de 5º de Infantil sobre todas as cousas positivas que nos achegan eses amigos tan especiais: os nosos cans, os nosos gatos...




miércoles, 31 de mayo de 2023

RISAS E MÁIS RISAS CON NICOMEDES E AS CONTACONTOS DE 5ºB

Esta semana, Uxía A. Uxía B., Carla e Irene volveron divertir os nenos de Infantil co seu bo facer como contacontos. Nesta ocasión, a obra escollida para roubarlle a gargallada aos pícaros de 6º de Infantil foi Nicomedes o pelado, esmendrellante álbum creado por Pinto e Chinto, publicado por Kalandraka.






A todos aqueles que desexedes pasar uns momentos de risas e gargalladas cos vosos pequenos, recomendàmosvos esta divertidísima obra na que a bo seguro desfrutaredes coas insólitas alternativas que o protagonista atopa para a súa prematura calvicie.







viernes, 26 de mayo de 2023

PASÁMOLO AO GRANDE CUN COELLIÑO BRANCO E AS CONTACONTOS DE 5ºB

Estes días estreamos a dramatización dunha das nosas obras favoritas: O coelliño branco. Este álbum, creado por Xosé Ballesteros e Óscar Villán, e publicado por Kalandraka, cobrou vida a través de Irene, Carla, Uxía B. e Uxía A., alumnas de 5ºB de Primaria. Grazas a elas, os pícaros de 5ºA e 6ºC de Infantil xa puideron desfrutar dun álbum que nos vindeiros días tamén se achegará a outros grupos. 


Primeiro, as "maiores" representaron a obra para os pequenos:






Pero logo, tan ben o pasaron os pícaros, que despois de asistir á representación, aceptaron o reto que lles propuxeron as "maiores" e eles mesmos puxeron en escena a obra:






E incluso nos deu tempo para que cada un de nós debuxase aquilo que máis nos chamou a atención da obra:



Parabéns, Uxía A., Uxía B., Carla e Irene polo voso traballo! Sodes unhas contacontos de primeira! 


miércoles, 24 de mayo de 2023

FALAMOS DAS NOSAS EMOCIÓNS CON IRENE E KALSOUM

Esta semana, os nenos e as nenas de 6º de Infantil visitaron a biblioteca para falar de emocións. Irene e Kalsoum leron para eles Lágrimas bajo la cama, un fermoso álbum de Ana Meilán que, a través da historia de Simón, nos ensina o negativo que resulta reprimir as nosas emocións e o positivo que é deixalas sair, aínda que ás veces este proceso se teña que dar a través das lágrimas, por exemplo en momentos de tristeza.




Logo da lectura da obra, Kalsoum e Irene conversaron cos pícaros sobre que cousas lles fan chorar, que cousas os poñen tristes...





Desde aquí felicitamos a Irene e a Kalsoum polo bo traballo desenvolvido cos pequenos, e recomendámosvos a lectura deste conto cheo de tenrura.






viernes, 19 de mayo de 2023

O ALUMNADO DE 1º DE PRIMARIA CELEBRA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS CON ALEJANDRA E XABIER

Co gallo do 17 de maio, Alejandra e Xabier, alumnos de 5ºA de Primaria, desenvolveron diferentes sesións cos nenos e as nenas de 1º de Primaria, nas que lles falaron sobre o Día das Letras Galegas e lles explicaron as orixes desta celebración e o motivo polo que se festexa precisamente neste día do ano.



Ademais, Xabier e Alejandra quixeron aproveitar a oportunidade para achegar o alumnado de 1º á poesía de Rosalía de Castro, mediante a lectura de varios dos seus poemas máis coñecidos.




Queremos felicitar a Alejandra e a Xabier polo seu fenomenal traballo, e tamén aos nenos e as nenas de 1º, que permaneceron moi atentos durante as sesións.


lunes, 15 de mayo de 2023

PERCORREMOS AS CATRO ESTACIÓNS CON JIMENA E SOFÍA

Os nenos e as nenas de 1ºC de Primaria son uns grandes apaixonados da música. Boas sabedoras disto, Jimena e Sofía, de 5ºB, decidiron sorprendelos cunha viaxe polas catro estacións de Vivaldi, tarefa para a que empregaron un fantástico libro musical, creado por Katie Cotton e Jessica Courtney-Tickle e publicado por Bruño, que leva por título Las cuatro estaciones en un día.





Desde aquí vos recomendamos a todos este fermoso álbum no que, a través da viaxe de Anabel e o seu can Chispa, poderedes percorrer a primavera, o verán, o outono e o inverno nun só día. E, por suposto, pulsando o botonciño que aparece en cada páxina, teredes o privilexio de desfrutar da música de Vivaldi, como xa fixeron os pícaros de 1ºC.


E non queremos despedirnos sen dar os parabéns a Sofía e Jimena polo seu bo traballo e por todo o esforzo amosado durante os ensaios.


viernes, 12 de mayo de 2023

ESTA SEMANA FALAMOS DE DIFERENZAS, DE DIFICULTADES, DE SUPERACIÓN, DE MEDOS E, ATÉ, DE XENEROSIDADE

Esta semana, Noa, María e Daniela, alumnas de 4ºA de Primaria, fixeron desfrutar aos pícaros de 5ºA de Infantil con El cazo de Lorenzo, un álbum creado pola autora francesa Isabelle Carrier e publicado por Editorial Juventud. Sen dúbida, estamos perante unha obra imprescindible que nos permitiu conversar cos pequenos sobre temas como a diferenza, as dificultades ou a capacidade de superación.




Desde aquí recomendámosvos a todos este fermoso álbum:







Pero estes días tamén nos achegamos a outros temas, como a xenerosidade ou os medos, tal e como puideron comprobar os nenos e as nenas de 6º de Infantil grazas a Carlota e Belén, dúas fantásticas contacontos de 4ºB de Primaria, que leron para os pequenos Os tres bandidos, un auténtico clásico contemporáneo da literatura infantil creado polo inigualable Tomi Ungerer e traducido xa a máis de 30 linguas.




A aqueles que aínda non o lerades, recomendámosvos este fermoso conto, Premio Andersen 1998, no que se mesturan emocións como o medo e a tenrura, a través da historia de tres bandidos que non coñecen outra cousa máis que roubar e asustar, pero cuxas vidas cambiarán coa chegada dunha nena orfa que lles fará recapacitar sobre a súa actitude e, grazas a ela, entenderán que toda a riqueza que acumularon pode servir para axudar a outros nenos necesitados.