martes, 7 de julio de 2015

SABÍAS QUE...?

Tal día como hoxe, un 7 de xullo, pero do ano 1930, morría o escritor escocés sir Arthur Conan Doyle, creador do detective máis famoso de todos os tempos: Sherlock Holmes. 




Nado en Edimburgo en 1859, Arthur Conan Doyle estudou Medicina, chegando a abrir un consultorio na famosa "Rúa dos Médicos", e dise que Sherlock Holmes naceu precisamente aí, nunha desas tardes aburridas en que o seu creador esperaba pacientes que non aparecían. Para inventar a Sherlock, inspirouse nun dos seus mestres, o Dr. Joseph Bell, unha máquina de pensar cuxo razoamento deslumbraba os seus discípulos. Sherlock Holmes, o detective observador incansable e analista xenial, conquistou rapidamente os lectores ingleses e, de historia en historia, foi conquistando a todo o mundo anglosaxón. Máis tarde pasou a outras linguas e se fixo famoso no mundo enteiro, até o punto de que cando Conan Doyle, cansado da súa personaxe, o matou nunha das súas historias, as protestas do público e dos editores foron tan grandes que se viu obrigado a resucitalo e a enfrontalo de novo ao seu implacable adversario, o Profesor Moriarty. 
Hoxe en día, o número 221B de Baker Street, dirección de Londres onde se localizaba na ficción a residencia de Sherlock Holmes, é un dos lugares máis visitados polos turistas de todo o mundo que acoden a esta cidade. Este edificio alberga un museo adicado ao famoso detective:




Ademais, son moitos os lugares de diferentes países en que podemos encontrar estatuas de Sherlock Holmes:

Meiringen (Suiza)

Moscova (Rusia)

Londres (Inglaterra)


Tanto na biblioteca do Fogar como nas Bibliotecas Municipais da Coruña, podedes atopar algunhas das máis famosas obras protagonizadas por Sherlock Holmes. Aquí vos deixamos unha pequena mostra:


Estudio en escarlata: esta novela, que como obra independente non aparecería publicada até 1888, supuxo a primeira aventura de Sherlock Holmes. O autor escribiuna aos 27 anos, mentres traballaba como médico en Southsea (Portsmouth), e cobrou 25 libras polo seus dereitos. Nela asistimos ao primeiro encontro entre Holmes e o seu inseparable amigo, o Dr. Watson, que deberán resolver un estraño crime: malia que na habitación na que aparece o cadáver hai sangue, o corpo da vítima non presenta feridas. Ademais, no corpo aparece escrita a palabra "RACHE", que en alemán significa "vinganza".



"Meu caro Sherlock Holmes: Houbo un mal asunto anoite no número 3 de Lauriston Gardens, xunto á estrada de Brixton. O noso home de ronda na zona viu luz alí por volta das dúas da mañá e, como se trataba dunha casa baldeira, receou que pasase algo malo. Atopou a porta aberta e na habitación do frente, que está sen amoblar, descubriu o corpo dun cabaleiro ben vestido e que levaba cartóns de visita no peto co nome de "Enoch J. Drebber, Cleveland, Ohio, Estados Unidos". Non houbera roubo, nin evidencia acerca de como o home encontrara a morte. Había manchas de sangue na habitación, pero non feridas no corpo. Estamos desnorteados acerca de como entrou nesta casa baldeira; con certeza, o asunto é todo un crebacabezas.


As aventuras de Sherlock Holmes: esta obra está composta por doce relatos protagonizados por Sherlock Holmes e o seu inseparable amigo o Dr. Watson. Entre eles atopamos algunhas das historias máis emocionantes de entre todas as protagonizadas por este detective xenial, como "Escándalo en Bohemia" ou "O misterio de Cooper Beeches". Nestes relatos, Holmes e Watson deberán resolver diferentes casos: roubos de xoias, desaparicións, asasinatos, etc, facendo uso do seu extraordinario inxenio.



"El 3 de junio -es decir, el lunes pasado-, McCarthy salió de su casa de Hatherley a eso de las tres de la tarde, y fue caminando hasta el estanque de Boscombe, una especie de laguito formado por un ensanchamiento del arroyo que corre por el valle de Boscombe. Por la mañana había estado con su criado en Ross y le había dicho que tenía que darse prisa porque a las tres tenía una cita importante. Una cita de la que no regresó vivo."

O can dos Baskerville: encontramos aquí unha nova aventura de Sherlock Holmes na que o enigma, o elemento central da historia, presenta características realmente interesantes, xa que ao feito criminal vén a sumárselle unha maldición, unha lenda familiar que envolve todo nun ambiente misterioso e fantástico. Logrará o noso detective encontrar resposta para as diferentes incógnitas que se lle irán presentando?


"Lestrade ceibou un repentino berro de horror e botouse ao chan. Eu erguinme dun pulo termando da pistola na miña man inerte e coa mente paralizada pola visión da arrepiante forma que emerxía de entre as sombras da brétema. Era un can, un enorme can negro coma o carbón, un can que nunca ollos mortais teñen visto tal. Botaba lume pola boca aberta, e os ollos escintilábanlle como brasas ardentes; as fauces, as gadoupas e toda a pelaxe parecían arder en tizóns acendidos. Nin unha mente enferma no seu delirio podería imaxinar nada máis salvaxe, máis arrepiante e endiañado que aquela criatura aterradora que avanzaba cara a nós desde o banco de néboa."

Sherlock Holmes, detective: esta obra contén algúns dos relatos máis emblemáticos do detective creado por Conan Doyle, como "O ritual Musgrave", "O misterio do Val de Boscombe" ou "O rostro amarelo", auténticas obras mestras do xénero detectivesco. Nelas, como no resto de historias protagonizadas por Holmes, destacan o misterio, a tensión narrativa e o humor irónico, que sen dúbida farán desfrutar a calquera lector que se mergulle nas súas páxinas. 


"Non sei que había naquel rostro, señor Holmes, pero parecía como se me producise un arrepío polo lombo. Eu estaba un pouco arredado, de xeito que non dei percibido ben as súas faccións, pero había algo monstroso e inhumano naquela cara. Esa foi a primeira impresión que tiven, polo que axiña me adientei para ver desde máis preto aquela face que tanto me miraba. Pero en canto o fixen desapareceu de contado, e tan subitamente que mesmo parecía como se a arrincasen dun tirón para a escuridade do cuarto."

Hai que sinalar que a popularidade de Sherlock Holmes chegou a ser tan tremenda que eclipsou o resto da obra do seu creador. Porén, Conan Doyle foi tamén autor de historias tan apaixonantes como a que se nos conta na novela O mundo perdido, onde se nos relata a aventura que vive un pequeno grupo durante unha expedición a unha meseta sudamericana, onde atoparán unha terrorífica sorpresa: nese lugar aínda existen seres prehistóricos. Así, nesta viaxe, os protagonistas teranse que enfrontar a mil e un perigos, que os levarán a loitar contra un violento grupo de homínidos primitivos ou a pelexar contra terribles dinosauros. Esta emocionante obra (que podedes encontrar tanto na biblioteca do Fogar como nas Bibliotecas Municipais da Coruña) foi traducida a un gran número de linguas e desde a súa publicación en 1912, foron moitas as edicións desta novela que foron aparecendo ao longo dos anos. Aquí vos deixamos algunhas das portadas máis chamativas de diferentes edicións da obra:


         

              

          


         

                    

No hay comentarios:

Publicar un comentario