domingo, 20 de marzo de 2016

UNHA DE GRÚFALOS...

Nos últinos días recibimos a visita dun monstro moi especial: o Grúfalo! Con el desfrutamos dunha obra convertida xa nun clásico da literatura infantil: O Grúfalo, escrita por Julia Donaldson e ilustrada por Axel Scheffler. Grazas a este álbum ilustrado, publicado en galego pola editorial Patasdepeixe, gozamos cunha historia que nos fala do medo e do poder da intelixencia.


Todos os grupos de Infantil seguiron, atentos, a lectura desta obra, realizada nalgúns casos por alumnos de Secundaria, como Icía Varela Gómez, de 4ºESO A.





Mais as visitas non remataron co Grúfalo, e así, estes días tamén pasou pola biblioteca do Fogar a súa filla, protagonista doutro álbum tan divertido e entrañable como o anterior: A filla do Grúfalo (Patasdepeixe), escrito tamén por Julia Donaldson e ilustrado, novamente, por Axel Scheffler. Nesta obra volvemos atopar as mesmas personaxes: o Grúfalo, o ratiño listo, a serpe, o raposo..., ás que se suma unha filla moi curiosa e aventureira, á que os consellos do seu pai sobre non achegarse á fraga, non lle son suficientes. Ela precisa explorar o mundo por ela mesma...



Para a lectura desta obra aos nenos de Infantil volvemos contar coa axuda de alumnos de Secundaria, como Santiago Molinelli Marcote, de 1ºESO B. Especialmente divertida resultou a lectura levada a cabo por un equipo de contacontos de 3ºESO A, na que cada un dos membros do grupo puxo voz a unha personaxe. Este equipo, ao que podedes ver na foto de abaixo en plena lectura, estivo conformado por Vitor Barallobre Mata, Julián Martínez Sanjurjo, Francisco Ruiz Veleiro, Ángel Sánchez Fernández e Manuel Souto Boedo.





E logo da lectura destas obras, os nenos elaboraron cadansúa careta do Grúfalo. Aquí os podedes ver pintando as máscaras:

















Unha vez pintadas as carautas, tocaba recortalas e picarlles os ollos e a boca co punzón:







Como resultado, o Fogar encheuse de pequenos "grufaliños" tan terroríficos como divertidos:












Mais estes días, ademais das actividades realizadas arredor do Grúfalo, tamén desenvolvemos sesións centradas noutras obras, como El oso y el piano (Blume), coa que xa desfrutamos en semanas anteriores. Esta fermosa historia, escrita e ilustrada por David Litchfield, volveunos servir para tratar un tema tan importante como a amizade, e para debater sobre el.



Antía Otero Balastegui e María Señarís Pose, alumnas de 4ºESO A, actuaron, unha semana máis, como contacontos, facendo desfrutar enormemente aos nenos.



Logo da lectura, como xa fixeran outros grupos en semanas anteriores, os nenos de 2ºC e 3ºC de Primaria escolleron un dos seus amigos máis espaciais, describírono e, a continuación, o debuxaron. 







Como resultado logramos unhas fermosas fichas coas que agasallar a ese amigo tan especial.



E entre osos e grúfalos chegamos á Semana Santa. Felices vacacións a todos! Á volta, moitos máis contos e actividades...


No hay comentarios:

Publicar un comentario