sábado, 28 de enero de 2017

VENTO EN POPA, A TODA VELA

Esta semana recibimos unha visita moi especial, e é que Jorge, o pai de Isabel, alumna de 5ºB de Primaria, pasou pola biblioteca para achegarnos a un mundo apaixonante: o do mar. Os nenos e as nenas da 3ºA pasárono en grande neste encontro, no que todo un Oficial da Mariña nos falou da vida no mar, dos diferentes tipos de embarcacións, das partes dun barco, etc.



Jorge comezou falándonos do seu día a día no mar, onde el pasa meses embarcado nun gran petroleiro, no cal é Oficial.



Aquí tedes un barco como o de Jorge:



Ao describirnos o barco no que traballa, todos ficamos moi atentos. Cociñeiros, mecánicos, Oficiais... Son moitas as persoas que conviven cada día no seu petroleiro, e ademais, son de nacionalidades moi diversas, polo que resulta de enorme importancia o coñecemento de idiomas, en especial do inglés.



Logo desta presentación, que logrou captar a atención de todos nós desde o primeiro intre, Jorge e Isabel nos fixeron desfrutar coa lectura dunha obra moi relacionada co mar: O pescador e a súa muller (Kalandraka), de Manuela Rodríguez.






Despois da lectura da obra, falamos de diferentes tipos de embarcacións, desde a nosa dorna, até uns xigantes dos mares: os enormes portaavións, que contan con tripulacións de até cuatro mil persoas. Aquí vos deixamos algunhas das embarcación das que nos falou Jorge:

Dorna: embarcación de pesca típica das Rías Baixas, que segundo algunhas teorías, podería ter procedencia viquinga.


Kayak: variedade de piragua de un, dous ou tres tripulantes, cuxo uso é fundamentalmente deportivo.


Iate: embarcación de recreo, a motor ou a vela.


Portaavións: barcos de guerra de grandes dimensións, que contan cunha cuberta disposta para o transporte de avións e provista dunha pista de aterraxe.


Transatlántico: barco de gran tonelaxe, especialmente de pasaxeiros, que fai longas viaxes a través dos océanos.


Jorge tamén nos explicou as diferentes partes dun barco, e algo que interesou moito aos pícaros: os diferentes tipos de áncoras, como o rizón ou a pousada.







Jorge e Isabel tamén nos ensinaron a facer diferentes nós mariñeiros, como o ás de guía:









Desde aquí queremos agradecerche enormemente, Jorge, todo o que nos ensinaches sobre a vida no mar, así como as mil e unha anécdotas que nos contaches, como o día no que, sen querelo, pescastes unha quenlla, ou a vez na que gañaches, xunto con outros compañeiros, unha competición marítima malia ter que ir achicando auga por mor dun burato na nave. Grazas tamén por responder con tanta paciencia todas as preguntas que te fixemos. Agardamos que en maio, xa de volta, saques un momentiño para visitarnos de novo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario