domingo, 16 de abril de 2017

UN MARZO DE FAMILIAS E DE GRANDES MULLERES

Desde comezos de curso estamos levando a cabo diferentes actividades destinadas a poñer en valor o papel da muller na sociedade. Nesta liña de traballo, ao longo deste mes de marzo que acaba de rematar recibímosvos na biblioteca a vós, as familias, que nos visitastes para presentarnos mulleres que considerastes relevantes en campos tan diferentes como a literatura, a investigación científica ou a danza. A todos os que participastes: moitas grazas. Aquí vos deixamos algunhas fotos destes encontros, que resultaron tan enriquecedores como divertidos.

Bárbara, tía de Martín, alumno de 5ºC, visitounos para falarnos dunha das persoas máis influintes na historia da danza: Isadora Duncan, bailarina e coreógrafa estadounidense, considerada por moitos como a creadora da danza moderna. Bárbara e Martín leron para os compañeiros de 5ºC a obra Isadora Duncan. La bailarina del mar (Hotel papel), con texto de Patricia Alonso de Agustín e ilustracións de Antonia Santolaya















Outra das figuras que nos visitou estes días foi María Pita, heroína galega que defendeu con valentía a cidade da Coruña fronte ao ataque da Armada Británica, acontecido no ano 1589. Teresa, nai de Paula (1ºC), Sofía, tía de Carla (4ºA), e Felicidad, nai de Isabel (5ºB), foron as encargadas de falarnos desta muller valorosa.









Unha das mulleres máis relevantes da nosa literatura, Rosalía de Castro, foi outra das figuras escollidas por vós para esta actividade. Miriam, nai de Aroa (4ºC) e Joaquín, avó de Estela (3ºB), achegáronnos a unha das galegas máis ilustres, considerada como a figura máis importante do Primeiro Renacimento galego.






Outra das figuras que nos visitou foi Agatha Christie, a escritora máis lida de todos os tempos, cuxas obras foron traducidas a máis de cen idiomas. Begoña, nai de Rodrigo (2ºC), presentounos a esta mestra do xénero policiaco a través da lectura de Agatha Christie, de Elisa Munsó e María Isabel Sánchez Vegara, un dos libros da colección Pequeña y Grande, de Alba Editorial.





E en marzo tamén viaxamos até México, para coñecer a Frida Kahlo, considerada como a pintora máis importante da historia da arte mexicana e unha das grandes iconas artísticas do século XX. Anabel, nai de Lia (4ºA) e Marta, nai de Antía (2ºB), presentáronnos a esta muller, exemplo de tesón, loita e valentía, a través da lectura de Frida Kahlo, de Gee Fan Eng e María Isabel Sánchez Vegara, obra pertencente á colección Pequeña y Grande, de Alba Editorial.






Outra das grandes mulleres á que nos achegamos foi Teresa de Calcuta, unha relixiosa albanesa coñecida polo seu labor humanitario na India. O seu esforzo a prol dos máis necesitados a levou a ser galardoada co Premio Nobel da Paz en 1979. Jorge, avó de Jorge (4ºA), e Francisco, pai de Candela (6ºA), foron os encargados de falarnos desta loitadora incansable.









Unha das figuras que máis chamou a atención dos pícaros foi Amelia Earhart, unha valente e intrépida aviadora norteamericana, cuxo espírito de aventura a levou a se converter na primeira muller en realizar a travesía en solitario do Atlántico, en 1932, ou o primeiro voo exitoso entre a illa de Hawai e o territorio continental dos Estados Unidos, en 1935. Victor, pai de Pepe (4ºInf.C), Ana, nai de Daniela García (3ºA), Cristina, nai de Daniela Ouréns (6ºInf.A), e Bárbara, nai de Inés (1ºB), faláronnos desta valente aviadora a través da lectura de diferentes obras, como Amelia Earhart, de Mariadiamantes e María Isabel Sánchez Vegara, pertencente a unha colección coa que traballamos moito no cole: Pequeña y GRANDE, de Alba Editorial.






Nalgunha destas sesións sobre Amelia Earhart, mesmo elaboramos as nosas propias avionetas:









E, incluso, voamos na nosa avioneta particular até diferentes lugares do noso planeta, algúns tan distantes como a China. En cada país que aterramos, nos familiarizamos coas danzas típicas do lugar.









E se houbo unha figura que nos emocionou de todas as que vimos estes días, esa foi a de Irena Sendler, coñecida como "O Anxo do Gueto de Varsovia". Irena foi unha enfermeira polaca que durante a II Guerra Mundial salvou a vida de máis de dous mil cincocentos nenos xudeus condenados a ser vítimas do Holocausto.



Como adoita acontecer moitas veces con historias coma esta, a fazaña de Irena ficou no esquecemento durante moitos anos. Só en 1999 volveu saír á luz grazas a un grupo de estudantes de Kansas (Estados Unidos) que, mentres estaban a realizar un traballo sobre o Holocausto atoparon, por casualidade, o nome desta muller valente que chegou a ser encarcerada e condenada a morte polo réxime nazi. Malia as torturas que padeceu, nunca desvelou os nomes nin o paradoiro dos nenos que salvara. Milagrosamente, Irena logrou salvar tamén a súa vida, que se prolongaría até o 2008, cando finou aos 98 anos na súa querida Varsovia.


Queremos dar as grazas a Vanessa, nai de Isaac (5ºInf.C) por achegarnos a esta interesante figura:


"A razón pola que rescatei os nenos ten a súa orixe no meu fogar, na miña infancia. Fun educada na crenza de que a unha persoa necesitada haina que axudar de corazón, sen mirar a súa relixión nin a súa nacionalidade".

Todos os que queirades coñecer máis acerca de Irena, encontraredes máis información picando aquí.


E entre todas estas mulleres valorosas, non podía faltar Malala, unha figura que xa levamos traballando desde comezos de curso con diferentes grupos, e que Rosalía, nai de Meron (5ºA), presentou ante os compañeiros da súa filla. Malala, estudante e activista paquistaní, estivo a piques de perder a vida pola súa loita a prol da educación das nenas.



Candela e Inés, dúas das nosas contacontos habituais de 5ºC, levan desde comezos de curso achegándonos a figuras como Frida Kahlo, Marie Curie ou Amelia Earhart. Elas tamén quixeron sumarse a esta actividade do mes de marzo e ao longo de varias semanas levaron a cabo para diferentes grupos de Primaria unha serie de sesións dedicadas a traballar coa obra Las chicas son guerreras (Montena), de Irene Cívico e Sergio Parra. Este libro serviu a Inés e a Candela para presentarnos unha serie de mulleres que acadaron logros incribles, mais que polo feito de seren mulleres non lograron o recoñecemento que merecían. Así, nestas sesións foi como coñecemos a Alice Guy, a primeira persoa que dirixiu cine de ficción (malia que este fito se lle adxudicou durante décadas, de maneira errada, a Georges Méliés), autora de mil películas, mais borrada da historia polo feito de ser muller; ou a Clara Campoamor, política española e defensora dos dereitos da muller, que loitou incansablemente por algo que hoxe nos parece tan normal como o feito de que as mulleres puidesen votar; ou a Valentina Tereshkova, a primeira muller en permanecer en órbita no espazo exterior; ou a unha galega que a día de hoxe segue a ser unha gran descoñecida para moitos, malia ser a auténtica precursora do libro electrónico: Ángela Ruiz Robles, mestra, escritora e inventora, que nos anos 40 do pasado século XX xa adiantou a era dixital que estaba por vir.










Outra das grandes mulleres ás que nos achegamos estes días foi Marie Curie, unha científica polaca pioneira no campo da radiactividade. Foi, ademais, a primeira persoa que recibiu dous premios Nobel, e a primeira muller que ocupou o posto de profesora na Universidade de París. Aquí podedes ver os alumnos de 6ºA presentándonos a historia desta científica xenial, á que tamén nos acercaron Carmen, nai de Félix (4ºC), Alicia, nai de Manuel (5º Inf. C), Laura, nai de Inés (1ºB) e Fátima, nai de Iago e de Brais (4ºInf. B). Nestas sesións puidemos desfrutar, ademais, de diferentes experimentos científicos, grazas ao esforzo destas mamás xeniais.












Fostes moitos os que nos visitastes ao longo do mes de marzo para participar nesta actividade, pensada para traballar o Día Internacional da Muller. Ante o esforzo que realizastes non podemos máis que darvos as grazas por dedicar o voso tempo aos vosos/nosos nenos. Nos vindeiros días continuaremos resumindo no blog o que deron de si estas semanas de encontros na biblioteca.