martes, 9 de mayo de 2017

E MARÍA VOLVEU CUN REGALO: ESTEFI, PICHICHI DA LIGA

A semana pasada, María, unha das xogadoras máis destacadas do Depor Abanca, pasou polo Fogar para manter un encontro co alumnado de 5ºB, no que nos falou dos seus comezos no fútbol na súa Ávila natal, de como é o día a día nun grande como o Depor, da súa adaptación a unha cidade como A Coruña, etc. Esta mañá, María volveu polo Centro para presentarnos a outra das integrantes do seu equipo: Estefi, máxima goleadora da pasada liga, con 30 goles. 



Nesta ocasión, foi o alumnado de 3ºB quen tivo o privilexio de conversar con estas dúas estrelas do fútbol feminino, cuxo bo facer dentro e fóra do campo é a mellor maneira de promocionar o deporte. Así, Estefi falounos de como chegou ao Depor, do que sentiu cando disputou o seu primeiro partido con esta camiseta, de cal é o seu xogador favorito, de como é o ambiente dentro do equipo...




Con moita paciencia e grandes doses de amabilidade e sentido do humor, Estefi e María contestaron unha a unha todas as preguntas que os alumnos lles ían formulando.



Unha vez máis agradecemos a Estefi, a María, a Elkin e ao R. C. Deportivo de La Coruña a súa participación nesta actividade dirixida a traballar a igualdade e a promocionar o deporte feminino, habitualmente silenciado nos medios de comunicación, onde o 92% das noticias deportivas se refiren ao deporte masculino. Todos aqueles que queirades achegarvos ao ilusionante proxecto do Depor Abanca e coñecer máis cousas acerca de Estefi, María e o resto de grandes deportistas que o conforman, non tedes máis que picar aquí. Nas vindeiras semanas continuaremos con estes encontros entre o noso alumnado e xogadoras do Depor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario