Estes días continuamos a desfrutar de auténticos libros andantes, como son as avoas e os avós, que nos visitaron para manter un encontro co grupo dos seus netos. Unha das visitas que máis nos emocionou foi a de María, avoa de Paula, de 2ºA de Primaria, que, acompañada da súa filla Teresa, nos falou da súa infancia nunha pequena aldea de cinco casiñas. Uns anos felices nos que, xunto cos outros nenos do lugar, ía á escola andando por camiños e corredoiras, enfrontándose ao frío con zocos ou botas de goma. Esta viaxe á escola os facía vivir aventuras como a de atravesar o río en egua nos días en que a chuvia traía a subida das augas. Todos desfrutamos coas mil e unha lembranzas que nos contou María, recordos dun tempo no que, como lle aclarou aos nenos, as tablets e Internet aínda non existían, e a televisión e a radio aínda non chegaran a unha aldea na que a xente vivía feliz, malia non ter nin electricidade nin auga corrente.
Aquí vos deixamos algunhas fotos da sesión, nas que María nos está a ensinar uns pequenos-grandes tesouros cos que nos sorprendeu na súa visita: a pequena pizarra e os libros que empregaba na escola.
Outro dos momentos máis especiais da semana o vivimos coa visita de Margarita, avoa de Dani, de 2ºB de Primaria, que nos falou dos seus anos nunha pequena escola da cidade da Coruña. Uns anos que, ao igual que María, lembra con ledicia, recordando as anécdotas vividas coas súas amigas e o amor duns pais marabillosos.
Tamén os avós de Antón, de 4º Inf. C se animaron a vir pasar un tempiño co seu neto e cos seus compañeiros. Ángel abraiounos a todos cun divertidísimo espectáculo de maxia, no que fermosas plantas xurdían da nada e no que libros en branco se enchían de cor.
Sara, pola súa banda, fíxonos desfrutar cun emocionante conto sobre os animais de granxa, que todos escoitamos atentos.
Marisa, avoa de Sofía, de 5º Inf. A, tamén nos agasallou cunha historia, neste caso Los siete cabritillos, que escoitamos desfrutando dos contos populares contados como só o saben facer as avoas:
María, avoa de Sabela, de 4º Inf. A, tamén nos fixo desfrutar cun conto moi propio destas datas: Corre corre, Cabaciña, un dos nosos álbumes favoritos, publicado por OQO con texto de Eva Mejuto e ilustracións de André Letria.
Merchi avoa de Pepe, de 5º Inf. C, nos achegou a unha historia como a de Os tres porquiños, un dos contos favoritos do seu neto. Este conto popular o escoitamos na versión de Kalandraka, con texto de Xosé Ballesteros e ilustracións de Marco Somá.
Isabel, avoa de Miguel, de 5º Inf. B, tampouco quixo perder a ocasión de pasar un tempiño con nós, e nos contou o apaixonante álbum de Michael Rosen e Helen Oxenbury Imos cazar un oso, publicado por Kalandraka, e o divertido Corre corre, Cabaciña, citado liñas atrás.
Élida, avoa de Mateo, de 1ºA, tamén veu visitarnos e, ademais de contos e historias, respondeu co seu eterno sorriso as mil e unha preguntas que este grupo de pequenos xornalistas lle fixeron.
Joaquín, que xa nos visitara hai uns días para manter un encontro co seu neto Martín e os seus compañeiros de 1ºB, volveu pasar pola biblioteca para ler un conto á súa neta Estela e aos seus compañeiros de 4ºC. O conto que escolleu foi ¿Qué es el amor?, de Davide Cali e Anna Laura Cantone, publicado por Edelvives.
Joaquín compartiu sesión con Ana, avoa de Sara, que leu para a súa neta e para os sus compañeros de 4ºA El diente de Rosalía, un divertidísimo libro escrito por Eva Eriksson e publicado por Austral.
Ás avoas e aos avós que nos visitastes estes días, só podemos darvos as grazas por regalarnos o voso tempo, por ensinarmos tantísimas cousas e por permitirnos desfrutar da amabilidade e do sentido do humor cos que pasastes pola biblioteca. Aos que aínda non vos decidistes a visitarnos, vos animamos a facelo. As vosas netas e os vosos netos están a agardar por vós!