jueves, 20 de diciembre de 2018

COÑECEMOS O LABOR DUN FISIOTERAPEUTA CON DAVID E OS PÍCAROS DE 5ºINF.B

Como parte do proxecto sobre as profesións que se está a desenvolver en diferentes niveis, os pícaros de 5ºInf.B invitaron a visitar o noso colexio a David, fisioterapeuta na clínica Scarpa. David, converttido nun auténtico Mago Merliño,  descubriunos a "maxia das mans", nos explicou como tiñamos que facer con elas se nos dabamos un golpe, e nos amosou algunha das máquinas e dos instrumentos que emprega para curar as lesións (a máquina de ultrasóns, a lámpada de calor, o prato de Bohler, etc.). 



Con David, ademais, fomos vendo diferentes músculos e ósos do noso corpo, e falamos da importancia da columna vertebral. Tamén nos ensinou a sentarnos correctamente, co fin de evitar a dor de costas, e nos achegou á fisioterapia respiratoria, dándonos uns consellos para respirar ben.


Queremos agradecer a David a paciencia e a amabilidade que amosou na visita, respondendo as mil e unha preguntas que lle foron realizando os pícaros de 5ºInf.B. E grazas por ensinarnos tantas cousas sobre unha profesión cunha pronuncia un pouco difícil.

jueves, 13 de diciembre de 2018

CLUB DE BANDA DESEÑADA: ENCONTRO CON BEA LEMA

Esta semana tivo lugar a terceira sesión do Club de Banda Deseñada do Fogar, na que tivemos o pracer de recibir unha visita moi especial, que xa vos anunciamos no blog hai uns días. Esta visita non foi outra que a da ilustradora coruñesa Bea Lema, gañadora do prestixioso Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña.


Neste encontro-xantar ao que convidamos a Bea, falamos con ela sobre os seus comezos no mundo da ilustración, sobre o proceso de creación dunha obra, sobre os seus gustos dentro do mundo da banda deseñada e sobre os mil e un  temas que foron xurdindo ao longo da conversa. 



As preguntas dos membros do Club xogaron un papel moi importante neste encontro, e Bea respondeu a todas elas coa amabilidade que a caracteriza. 



Moitas das cuestións que xurdiron estiveron relacionadas coa súa obra O corpo de Cristo, cómic autobiográfico co que gañou o XII Premio Castelao de Banda Deseñada no 2017 e que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena. Esta foi a obra que escollemos para ler no Club neste 1º trimestre e que nos encantou a todos. 



Con Bea reflexionamos sobre o tema central da obra e sobre o papel da protagonista, unha filla que vive a patoloxía da súa nai, a cal non recoñece a enfermidade e se nega a medicarse, ao considerar que se trata dun meigallo. Un dos aspectos que máis nos impactou a todos foi a resiliencia que amosa a nena fronte aos problemas dos adultos.



Desde aquí queremos dar as grazas a Bea por regalarnos o seu tempo, por descubrirnos tantas cousas do mundo da banda deseñada, por permitirnos compartir as súas reflexións sobre o proceso creativo, e por demostrarnos que o cómic é unha ferramenta moi poderosa a través da cal podemos desenvolver calquera tema que nos interese. Todos aqueles que queirades saber máis sobre Bea e sobre a súa obra, non tedes máis que viaxar até a súa web picando aquí.



E, por suposto, grazas tamén a vós, os membros do Club de Banda Deseñada. Grazas pola ilusión que amosades en cada sesión. Vós sodes o que dá sentido ao Club.



E como despedida, non podían faltar unhas fotos do momento en que Bea nos asinou os exemplares da súa obra.




Nuns días chegan as vacacións, pero o 2019 nos traerá novas obras e novas autoras ao Club de Banda Deseñada do Fogar.


martes, 11 de diciembre de 2018

ACHEGÁMONOS AO MUNDO DA INFORMÁTICA, DA FOTOGRAFÍA E DA MÚSICA CON SINDO NOVOA

Dentro do proxecto central deste curso, dirixido como ben sabedes a traballar o tema das profesións, continuamos a recibir visitas de persoas de diferentes ámbitos laborais. Así, unha das visitas que máis nos gustou nos últimos días foi a dun home polifacético, Sindo Novoa, informático, fotógrafo e músico. Sindo, papá de Raúl, alumno de 2ºB de Primaria, mantivo un encontro co seu fillo e cos seus compañeiros de grupo, no que falou, precisamente, deses tres mundos que lle apaixonan: a informática, a fotografía e a música.



De entre as moitas cousas que Sindo nos explicou e nos ensinou, os pícaros desfrutaron de maneira especial coas fotografías que nos foi amosando, centradas en temáticas diversas, como o mundo animal, os avións, os barcos ou o deporte.




Aquí vos deixamos unha pequena mostra do traballo de Sindo que puidemos desfrutar durante a súa visita:









Desde aquí queremos dar as grazas a Sindo por compartir con nós o seu tempo e por ensinarnos que a paixón pode transformar a ilusión dun neno nunha realidade tan fermosa como as fotografías que vos acabamos de amosar. A todos aqueles que vos guste a fotografía, vos recomendamos que visitedes a páxina de Sindo. Non tedes máis que picar aquí.



lunes, 10 de diciembre de 2018

UN CURSO MÁIS, CHEGAN AS AVOAS E OS AVÓS (3º PARTE)

Foron moitos os avós e as avoas que nos visitaron no noso "Mes dos avós". Tanto é así, que a actividade, programada para o mes de outubro, prolongouse até finais de novembro. Non queriamos que ninguén quedase sen a oportunidade de compartir un momentiño co seu neto e co grupo deste. E por suposto, a todos os que fixestes posibles estes encontros, vos damos as grazas.

Grazas, Moncho, por compartir co teu neto Cristian e cos seus compañeiros de 2ºA un momento como todos os que pasamos contigo cada vez que nos visitas: divertido e cheo de bos consellos. Consellos como os que nos deches neste último encontro, mentres falabas cos pícaros sobre diferentes profesións.





Grazas a ti tamén, Paula, por facernos desfrutar coa beleza dos contos clásicos contados con esa tenrura da que só son capaces as avoas. O teu neto Edu e os seus compañeiros de 5ºInf.B pasárono en grande escoitándote.




Grazas a Chus, avoa de Enzo, que tamén nos regalou o seu tempo e pasou pola biblioteca para facer desfrutar ao seu neto e aos seus compañeiros de 4ºInf C coa maxia dos contacontos.


  

Grazas tamén a ti, Sara, por demostrarnos que un conto de monstros pode ser moi divertido. O teu neto Nico e os seus compañeiros de 6ºInf.A desfrutaron enormemente co teu bo facer como contacontos.




Grazas, Marisa, que xunto coa túa filla Sonia e a túa neta Sofía nos regalastes un dos contacontos máis divertidos e orixinais deste trimestre. Todos os compañeiros de Sofía, de 6ºInf.A, asistiron, moi atentos, ao espectáculo de monicreques que fixestes para nós. Sen dúdida, as tres, formades un equipo xenial!




Grazas tamén a ti, Lela, por achegarnos ao apaixonante mundo dos dinosauros a través da obra Gigantosaurio (Ediciones Fortuna), de Jonny Duddle. Contigo, a túa neta Carmen e os seus compañeiros de 6ºInf.B puideron desfrutar dun contacontos cheo de sorpresas, con diferentes voces, moitas gargalladas e mesmo algún susto.




Grazas, Nieves, por facer desfrutar á túa neta Carlota e aos seus compañeiros de 6ºInf.B dun "mar de contos", e por facelo con tanta paciencia e sentido do humor.




Grazas, Oliva e Santi, que nos visitastes para conversar cos vosos netos Brais e Iago, e cos seus compañeiros de 6ºInf.B sobre mil e un temas. Gustounos especialmente o momento no que nos falastes da vosa infancia, de como eran os xogos nesa época e de como era a vosa escola. Grazas por compartir eses recordos con nós.




Grazas tamén a Tato e a Tata, que falaron co seu neto Gael e cos seus compañeiros de 6ºInf.B sobre o mundo da construción e da arquitectura, un ámbito no que Tato leva traballando moitos anos. Tato nos amosou as diferentes etapas de construción dun edificio, nos falou dos diferentes profesionais que interveñen neste proceso, nos lembrou algunhas das principais máquinas e ferramentas empregadas neste ámbito, e nos mostrou algunhas das súas creacións.




Grazas a ti, Germán, por visitarnos unha vez máis para agasallarnos cunha extraordinaria sesión de contacontos arredor dunha obra que nos encanta: Corre corre, cabaciña (OQO), de Eva Mejuto e André Letria. A túa neta Leda e os seus compañeiros de 5ºInf.C riron e sufriron coas aventuras desta velliña que, de camiño ao casamento da súa neta, se atopa con tres feras. Só a astucia lle permitirá saír sa deste encontro.




Grazas, Dolores por compartir coa túa neta Sabela e cos seus compañeiros de 5ºInf.A a maxia dos contos, por lembrar con nós a túa infancia, por explicarnos como eran os xogos de cando eras nena, e por tratarnos con tanto cariño a todos.




Grazas a ti tamén, Juan, que non só nos permitiches gozar dun contacontos, senón que tamén nos descubriches unha das túas facetas: a de inventor. Encantounos escoitar como falabas das túas inxeniosas creacións, como a que lle amosaches ao teu neto Roque e aos seus compañeiros de 1ºA de Primaria.




Grazas, Carmela, por compartir con nós a túa enorme experiencia como cociñeira, por darnos a coñecer receitas tan saborosas como o mee goreng e por regalarnos valiosos consellos sobre como preparar a túa especialidade: a paella de marisco. Á túa neta Mónica e aos seus compañeiros de 3ºA de Primaria encantoulles escoitar como falabas con tanta paixón dese mundo que adoras. E grazas tamén por agasallarnos cun fantástico contacontos arredor dunha obra xenial: Axente riciños (Xerais), con texto de El Hematocrítico e ilustracións de Alberto Vázquez.




E para despedirnos, aquí vos deixamos o agasallo que elaboraron os pícaros de 1ºB de Primaria para Lurdes, avoa de Jimena, en agradecemento pola súa visita.