sábado, 24 de marzo de 2018

VOLVEMOS DESFRUTAR COA ESCRITORA BERTA ROCA

Logo do encontro que a escritora Berta Roca mantivo con nenos de Infantil hai unhas semanas, este mércores volveu visitarnos para facer desfrutar aos pícaros de 1ºC de Primaria co mundo dos contos.



Ao igual que na anterior visita, Berta leunos a súa obra Luisito zurdo, publicada por Beginbook Ediciones, con ilustracións de Nuria Santana Sanjurjo.



Os nenos e as nenas de 1ºC desfrutaron co contacontos que nos regalou Rosa, que, logo da lectura, respondeu pacientemente a todas as preguntas que lle fomos realizando.



Grazas, Berta, unha vez máis, por agasallarnos coa túa arte, coa túa amabilidade e co teu sentido do humor. E grazas, como non, Teresa, por facilitar este encontro, polo teu compromiso coas actividades do colexio, por involucrarte tanto e con tanta paixón nos diferentes proxectos que imos levando a cabo, e polas mil ideas que nos regalas.



viernes, 23 de marzo de 2018

VISITAMOS COLOMBIA CON LUZ

Hai uns días visitounos Luz, mamá de Naiala, que pasou pola biblioteca para falarnos do seu país natal, Colombia, o cal andamos a estudar en 1ºC de Primaria dentro do proxecto deste curso.





Con Luz achegámonos á bandeira do país:



Às súas principais cidades:


Bogotà

Medellín

Cali

Á súa gastronomía, dentro da cal destacan pratos como as arepas ou o sancocho:

Arepas

Sancocho

E, como non, á súa música, como o merengue e a cumbia, danzas que bailamos ao final da sesión.

Queremos agradecer enormemente a Luz que nos regalase o seu tempo e que nos ensinase tantas cousas de Colombia.


jueves, 22 de marzo de 2018

ACHEGÁMONOS Á FIGURA DE PABLO PINEDA

Con motivo do Día Mundial do Síndrome de Down (21 de marzo), desde a materia de Relixión decidimos achegarnos á figura de Pablo Pineda, mestre, psicopedagogo, conferenciante, escritor, actor,  presentador e, sobre todo, un exemplo para todos pola súa loita contra os prexuizos en relación ás persoas con Síndrome de Down. Un grupo formado por Rodrigo, Paula Tieso, Nerea, Paula Sanchís e Sabrina, de 4ºC de Primaria, encargouse de realizar un traballo de investigación sobre esta figura. Logo de varias semanas de busca e selección de información, presentaron o traballo diante dos seus compañeiros.



Grazas a este grupo de investigadores de 4º, agora xa coñecemos algo máis sobre Pablo Pineda, primeiro cidadán europeo con Síndrome de Down en conseguir un título universitario, gañador da Concha de Plata do Festival de Cine de San Sebastián e loitador incansable na súa batalla a prol de que as persoas con Síndrome de Down formen parte da sociedade dunha maneira normalizada.





miércoles, 21 de marzo de 2018

CON YSAURA, ACHEGÁMONOS A MARÍA PARADO DE BELLIDO, UNHA DAS GRANDES HEROINAS DA HISTORIA DO PERÚ

Hai uns días recibimos a visita de Ysaura, mamá de Kealan, de 5ºInf. C. Ysaura, natural do Perú, pasou pola biblioteca con motivo do Día Internacional da Muller para falarnos dunha das grandes mulleres da historia peruana: María Parado de Bellido.



Con ela, achegámonos á figura desta heroína, mártir da independencia do Perú, que expoñendo o seu propio benestar, sacrificou a súa vida antes de delatar a outros patriotas que, coma ela, servían á causa da liberdade.


O alumnado de 5º de Infantil seguiu, moi atento, a historia desta muller valente:



Queremos dar as grazas a Ysaura por regalarnos o seu tempo e por ensinarnos tantas cousas.


martes, 20 de marzo de 2018

CON NAYARA, COÑECEMOS A FRANCES BUSS E A EMILY DAVIES

Este curso andamos a viaxar polos países do mundo a través das distintas nacionalidades presentes no noso cole, polo que con motivo do Día Internacional da Muller traballamos diferentes figuras femininas relevantes nalgúns dos países que andamos a estudar. Nayara, con raíces en Inglaterra, visitounos para manter un encontro co seu fillo Thiago e os seus compañeiros de 5ºInf. B, no que se detivo en dúas mulleres inglesas destacadas: Frances Buss e Emily Davies



Tal e como nos contou Nayara, estas dúas mulleres son un exemplo na loita a prol dos dereitos da muller. Frances Buss foi unha educadora británica, pioneira na defensa do dereito da muller á educación. Esta loita foi compartida tamén por Emily Davies, unha das primeiras defensoras do dereito da muller a entrar na universidade, cofundadora e primeira directora do Girton College, un dos 31 colexios universitarios da Universidade de Cambridge, primeiro colexio feminino de Inglaterra e modelo de igualdade e inclusión desde os seus inicios.

Frances Buss


Emily Davies

Encantounos coñecer a estas dúas mulleres xeniais, polo que mentres escoitabamos a Nayara, estivemos así de atentos:





Queremos dar as grazas a Nayara por dedicarnos o seu tempo e por achegarnos a estas dúas grandes mulleres.


lunes, 19 de marzo de 2018

VISITAMOS DE NOVO INGLATERRA CON CHRIS

Se hai unhas semanas Chris nos visitou para manter un encontro co seu fillo Mario e os seus compañeiros de 2ºB, nesta ocasión volveu para levar de viaxe até Inglaterra, o seu país natal, ao seu outro fillo, Félix, e os seus compañeiros de 5ºC.



Nesta visita, Chris contounos moitas cousas de Inglaterra, e un dos momentos que máis nos gustou foi cando nos falou dos deportes máis populares na súa terra. Así de atentos estivemos á súa explicación:




Chamáronnos especialmente a atención dous deportes como o criquet e o croquet. Grazas a el, agora xa coñecemos as diferenzas entre un e outro.

Criquet

Croquet

Mais o momento máis emocionante foi, sen dúbida, cando Chris nos falou sobre diferentes xogos populares ingleses e mesmo nos puxo a practicalos:


 


O noso xogo favorito foi aquel no que, cada final de curso, os alumnos tiran esponxas molladas á cara do seu profesor.



Logo de practicar coa cara de diferentes personaxes, a profe María permitiu aos seus alumnos cumprir o soño de moitos estudantes e animouse a poñerse na diana:




Queremos dar as grazas a Chris por achegarnos ao seu país, Inglaterra, dunha forma tan divertida.




viernes, 16 de marzo de 2018

COÑECENDO KENIA CON KEVIN

Este curso temos o pracer de ter entre nós a Kevin, que nos está a axudar a mellorar o noso inglés exercendo como auxiliar de conversa co alumnado dos distintos niveis. Xa que este curso andamos cun proxecto no que estamos a estudar as distintas culturas e os diferentes paises do mundo, decidimos pedirlle que nos falase do seu país: Kenia. 









Aquí vos deixamos unhas fotos dunha destas sesións, en concreto a celebrada con 5º Inf. B.





Neste encontro, Kevin amosounos a bandeira de Kenia:



Falounos das cidades máis importantes do país, como a capital, Nairobi:



Unha cidade na que se poden ver imaxes tan fermosas como esta:




Kevin tamén nos falou da flora e da fauna de Kenia, e dos impresionantes parques naturais, como o Parque Nacional de Tsavo:



Outro dos momentos que máis nos gustou, foi cando nos presentou persoas destacadas do país. A que máis nos impresionou foi Wangari Maathai, activista política e ecoloxista, que se converteu na primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz no 2004.



Ao longo dos vindeiros meses continuaremos a coñecer máis cousas sobre Kenia con Kevin.

miércoles, 14 de marzo de 2018

CELEBRANDO A PAZ CON NEGROS E BRANCOS

O pasado 30 de xaneiro celebrouse o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, unha data que nós quixemos festexar achegándonos a un álbum imprescindible, Negros e brancos, de David McKee, publicado en galego por Xerais. Un grupo de actores e actrices de 3ºC de Primaria, composto por Rodrigo, Mateo, Irene, Carlota, Silvia, Nico e Alba, prepararon unha dramatización deste fermoso conto. Logo de moito ensaiar, representaron a obra para diferentes grupos de Infantil e Primaria. Aquí vos deixamos unhas fotos da primeira das actuacións, desenvolvida ante os pícaros de 5º Inf. A.



Primeiro representamos a obra:









Despois falamos sobre ela e sobre a mensaxe de tolerancia e respecto que nos transmite e, finalmente, elaboramos as nosas propias máscaras de elefantes, protagonistas do álbum:








Queremos das as grazas a este fantástico grupo de 3ºC por ensinarnos tantas cousas e por facérnolo pasar tan ben!



E vos recomendamos a todos este álbum do xenial David McKee, ideal para falar cos pequenos sobre temas como as relacións sociais, a convivencia e a tolerancia.