miércoles, 18 de diciembre de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: ENCONTRO CON MANEL CRÁNEO

Onte, no Club de Banda Deseñada, tivemos o pracer de recibir a visita dun dos nosos artistas favoritos, o coruñés Manel Cráneo, co que mantivemos un encontro-xantar no que nos achegamos ás súas facetas de ilustrador e de editor.




Así, hai varias semanas comezamos a achegarnos ao seu traballo, lendo e comentando as súas obras:


Entre as que máis nos gustaron, sen dúbida, está Destino Herguss, unha apaixonante novela gráfica de ciencia-ficción, con grandes doses de acción, misterio, aventura, humor e crítica social, que nos descubriu un universo sorprendente creado por Cráneo: o Planeta Mincha.




Ademais de achegarnos ás súas obras, durante estas semanas nos mergullamos tamén no seu proxecto Demo Editorial, o principal referente dentro da edición de banda deseñada en lingua galega, e que a día de hoxe conta entre o seu catálogo con obras de autores da categoría de David Rubín, de Inacio Vilariño, de Jano, de Tokio ou do propio Manel Cráneo.

E por fin chegou o momento tan desexado: o encontro con Cráneo. Un encontro que só podemos definir como extraordinario, e no que desfrutamos desde o primeiro minuto. Entre petiscos, tortilla e empanada, Cráneo falounos do seu labor como artista gráfico, dos seus inicios neste eido, das súas diferentes obras, do proceso creativo, do seu proxecto editorial, do traballo dun editor, da situación actual da banda deseñada galega, e de mil e unha cousas máis, nunha conversa na que Manel, un dos grandes do cómic galego, destacou pola súa humildade e cercanía.










Desde o Club de Banda Deseñada queremos darche as grazas, Manel, por todo o que nos ensinaches na tarde de onte e por todo o respecto e cariño que amosaches cara ao traballo dos rapaces. Queda pendente a visita ás instalacións de Demo Editorial, experiencia da que desfrutaremos no segundo trimestre.

E todos aqueles que desexedes coñecer algo máis sobre Cráneo e sobre o seu proxecto editorial, non tedes máis que picar aquí.



No hay comentarios:

Publicar un comentario