martes, 8 de junio de 2021

HOXE FALAMOS DE LIBROS CON... CLARA VIDAL

Hoxe temos o inmenso pracer de falar de libros coa nosa compañeira Clara Vidal, profesora de Lingua Galega e Literatura na ESO e en FPB2 no noso colexio. Clara, unha das creadoras máis destacadas da poesía galega actual, amosa en cada palabra o amor que profesa por un xénero que comezou a cultivar con apenas seis anos. Pilar Pallarés, Olga Novo, María Lado, Estíbaliz Espinosa ou María do Cebreiro constitúen algúns dos seus referentes, entre os que sobresae o poeta ourensán José Ángel Valente. Aquí vos deixamos con Clara:



1.O libro da túa infancia… 

Sen dúbida, o libro da miña infancia foron as Rimas y leyendas, de Bécquer. Había un tomo na casa e o meu avó conservara un libriño ilustrado só coas rimas, que eran en realidade as que eu lin e relín mil veces até sabelas de memoria. Son poemas de amor que me prenderon ao xénero. Non tanto polo gusto especial desa temática ou forma estilística, senón porque non había moita poesía na miña casa; si había moitísimos libros, mais case todo era narrativa e os meus gustos estaban claramente orientados ao verso.


2.Cales son os xéneros que máis che fan desfrutar? 

Son unha amante incondicional da poesía e non o podo ocultar. Non podería quedar só cun par de poemarios, mais interésame especialmente a poesía actual feminina en galego. Coido que na Galiza se está escribindo dende hai uns anos marabillas en verso, que gañan en calidade –por moita distancia– a outras literaturas estatais ou internacionais. E, para dicir máis, case todas estas voces poéticas persoais e con peso no panorama histórico-literario creo que son mulleres. Algo, por outra banda, súper necesario neste panorama cultural que (por non variar) está tamén protagonizado case sempre por homes. Algúns libros esenciais deste xénero minoritario nunha lingua minorizada poderían ser: Tempo fósil, de Pilar Pallarés; A cousa vermella, de Olga Novo; Amantes, de María Lado; Curiosidade, de Estíbaliz Espinosa; O estadio do espello, de María do Cebreiro... Para min, son libros de cabeceira. Se alguén se anima, recomendo dous súper doados de ler entre estes que acabo de mencionar: o de María do Cebreiro é o seu primeiro poemario, así que resulta moi xuvenil, fresco e entendíbel; o de Estíbaliz Espinosa faille un pulso á ciencia, algo propio da autora, quen sempre traballa a literatura (poesía) da man da ciencia. Outra opción é descubrir mediante YouTube ao grupo Aldaolado, formado polas dúas poetas referentes María Lado e Lucía Aldao. Con elas, dá igual se no computador ou nun pub, entenderedes por que me gusta a poesía. Choraredes da risa!

Tamén me gusta bastante o ensaio. E o ensaio-poético xa nin vos conto! Recomendo encarecidísimamente (repeat to face), de Rebeca Baceiredo. Peguei tantos adhesivos con anotacións nas páxinas deste libriño que apenas se pode ler!


3.Se puideses coñecer a un escritor ou escritora, a quen escollerías? 

Reviviría a José Ángel Valente e diríalle: «buah..., buah...» –o silencio faría o resto–. Ou a Pizarnik para preguntarlle que farei eu co medo. Por contestar algo máis accesíbel, talvez conversar con Pilar Pallarés sobre o movemento dos gatos, con María do Cebreiro sobre teoría literaria ou con algún alumno que aínda non se animou a escribilo, mais leva os poemas dentro.


4.O teu libro favorito… 

O meu libro favorito é difícil de elixir. Poderíase dicir que non teño. Hai demasiados que considero indispensábeis. Si teño claro o poema que máis me marcou na vida: «Mandorla», que aparece no poemario homónimo (Mandorla), de José Ángel Valente. Cheguei a este autor na universidade, grazas a unha materia optativa do último ano. Dende ese momento, obsesioneime con Valente e comecei a traballalo decontino. En galego, outro libro que me marcou bastante foi Dentro, de Berta Dávila; ou o xa citado primeiro poemario de María do Cebreiro, polo que percorrín Galiza enteira para ter un exemplar. Calquera destes tres caberían, polo que para min representan, no andel dos favoritos.


5.Se tiveses o poder de converterte nunha personaxe literaria, cal elixirías? 

Non me entusiasma a idea, mais se teño que escoller, podería decidirme por dous. O primeiro, o principiño de Le Petit Prince (de Antoine de Saint-Exupéry), porque non todo é o que parece e debemos cuestionar sempre as cousas, mesmo cando os nosos sentidos nos informan moi claramente da suposta realidade que nos arrodea. O segundo, Pancho ou Elsa, os bonecos de Valente e a súa muller, que permanecen expostos nunha vidreira da biblioteca que o autor deixou que se custodiase na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela tras a súa morte. Estes eran sempre postos sobre a cama cando a facían cada día e, agora, continúan vivos entre libros, xuntos, coma sempre estiveron, porque Elsa non quixo quedar soa sen Pancho, aínda que sexa Pancho quen é protagonista duns poemas.


6.Unha obra para tremer de medo… 

Medo non, mais moito misterio, por exemplo, en O misterio das badaladas, de Xabier Docampo. Tamén nalgún contiño de Méndez Ferrín, como o «O Suso» (recollido en O crepúsculo e as formigas) ou o conto «O xogo da guerra», de Carlos Casares, que se aparece en Vento ferido.


7.Un libro para escachar co riso… 

(repeat to face), de Rebeca Baceiredo. Ademais de ser un ensaio poético e filosófico, é gracioso. Trata códigos de comunicación que van da man da reflexión profunda que ás veces deixa ver unha luz, que, se entendes, escachas. Tamén podería caber aquí o Ninguén morreu de ler poesía, das Aldaolado, na liña que xa comentei antes.


8.Que supón para ti a lectura dun libro?

Refuxio.


9.Lectura en papel ou dixital?

Papel, sempre. Teño libro electrónico, mais non o uso máis que para cousas puntuais, por non fotocopiar.

 

10.Para despedirnos, uns versos ou un pequeno fragmento que leras nalgún libro e que che gustase especialmente:

«[...]

a t-shirt suada esquecida

no sofá

 

e um bilhete quase trivial

avisando-te que o gás tinha acabado

e que te amava

[...]», Oscar Mourave, en Suburbia.