viernes, 25 de noviembre de 2022

VISITAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, POLA IGUALDADE, POLO PLANETA...

Estes días a biblioteca do Fogar volveu ser escenario dunha chea de visitas nas que, grazas a vós, os pícaros puideron desfrutar de contos sobre diferentes temas. Coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, esta temática foi a que ocupou a maior parte das sesións. 

Fostes moitas as mamás e os papás que nos visitastes para achegarnos a figuras femininas da relevancia de Marie Curie, Amelia Earhart, Dian Fossey ou Agatha Christie, e tamén a lecturas fundamentais como O libro dos porcos (Kalandraka), Maruxa (OQO), Até as princesas soltan peidos (Algar), A historia dos bonobos con lentes (Kalandraka) ou Unha feliz catástrofe (Kalandraka), moitas das cales continúan a percorrer as clases baixo a forma de libros viaxeiros.

E se todas e cada unha das visitas que recibimos na biblioteca son para nós máxicas, houbo unha que nos emocionou especialmente. Estamos a referirnos á visita de Puri, unha das profesoras máis queridas do noso colexio. Logo de toda unha vida educando nenas e nenos desde as aulas de Infantil, esta súper muller decidíu interromper por uns momentos a súa merecida xubilación para agasallarnos cunha sesión de contacontos que nos fixo desfrutar a todos. Desde aquí agradecémoslle enormemente que nos regalase este tempiño no regreso ao que é a súa casa. 


As visitas continuarán durante os vindeiros días, nas que as mamás e os papás que o desexedes podedes seguir vindo pola biblioteca a achegar os pícaros a algunha figura feminina que consideredes de relevancia. Estamos especialmente impacientes por coñecer a Isabel Zendal, a enfermeira galega que protagonizará unha das visitas confirmadas da próxima semana con 4ºB e 5ºB de Primaria.





miércoles, 23 de noviembre de 2022

DÍA EUROPEO DAS PERSOAS SEN TEITO

Hoxe, 23 de novembro, celébrase o Día Europeo das Persoas Sen Teito, co que se pretende dar visibilidade ás condicións de extrema pobreza e de exclusión social na que viven  as persoas sen fogar. Co obxectivo de sensibilizar o noso alumnado a respecto deste tema, estes días está a percorrer as aulas de terceiro ciclo de Primaria un libro viaxeiro creado especificamente por Kirsten Boie e Jutta Bauer para achegar esta realidade aos nenos e ás nenas. Esta interesante obra non é outra que Una vida cualquiera, publicada por Lóguez.



Esta actividade dos libros viaxeiros está dirixida a traballar co alumnado valores fundamentais como o respecto, a solidariedade ou a tolerancia a través da lectura dunha serie de obras que viaxarán polas clases durante todo o curso.


jueves, 17 de noviembre de 2022

AS FAMILIAS CONTADES

Un dos pilares fundamentais da biblioteca do Fogar constituídelo vós, as familias. Por esta razón sempre nos gusta propoñervos actividades nas que poidades visitarnos, pasar un tempiño cos vosos fillos e o seu grupo, e coñecernos de maneira máis cercana a nós, os diferentes profesionais que, no día a día, pasamos tantas horas cos vosos pícaros.

Así, ao longo do curso irémosvos convidando a que veñades pola biblioteca a traballar con nós diferentes temáticas. Logo de desfrutar cos vosos contos de Samaín, nesta segunda quincena de novembro invitámosvos ás mamás e aos papás de Infantil e de 4º, 5º e 6º de Primaria a que nos visitedes para falarnos de grandes mulleres. Só tedes que pensar nalgunha figura feminina que vos pareza especialmente relevante no ámbito da ciencia, da arte, dos dereitos humanos, etc., e vir pola biblioteca a falar sobre ela co grupo dos vosos fillos, avisando previamente ao titor para fixar o momento da visita.

Esta actividade, destinada a traballar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, pretende poñer en valor o papel da muller na sociedade.

Desde aquí animámosvos a participar e aproveitamos para darvos as grazas a todos aqueles que xa pasastes este curso pola biblioteca. Grazas por regalarnos o voso tempo.







E aqueles que non poidades vir pola bibloteca nesta ocasión, non vos preocupedes. En decembro teredes a oportunidade de visitar a biblioteca para lernos contos sobre o Nadal e para explicarnos como celebrades nas vosas casas esas datas.


martes, 15 de noviembre de 2022

EXPOSICIÓN "O HARDWARE"

Coincidindo coa celebración da XXII Semana da Ciencia e a Innovación, desde o Departamento de Informática decidiron crear unha exposición que permitise ao alumnado achegarse aos diferentes compoñentes dun ordenador. 







Durante estes días, distintos grupos de Primaria, ESO e FP pasarán pola biblioteca a desfrutar desta interesante iniciativa.






jueves, 10 de noviembre de 2022

CATRO CONTACONTOS DE PRIMEIRA

Onte vivimos unha xornada máxica na biblioteca do Fogar. Logo de varias semanas ensaiando durante os recreos, Daniela, Alba, Iria e Sofía, alumnas de 5ºC de Primaria, agasallaron aos pícaros de 4ºB e 5ºC de Infantil cunha magnífica sesión de contacontos na que puxeron en escena A ratiña presumida


Empregando a versión deste conto clásico que José Antonio López Parreño e Pablo Mestre elaboraron para Kalandraka, estas catro contacontos de primeira fixeron desfrutar enormemente aos pequenos.

Nun primeiro pase, foron os pícaros de 4ºB os que gozaron co seu bo facer:






E logo chegou o turno dos pequenos de 5ºC, que tanto desfrutaron coa obra que, unha vez finalizada, tamén eles quixeron poñela en escena.







Desde aquí queremos dar as grazas a Daniela, Sofía, Iria e Alba polo esforzo amosado nos ensaios e por todo o cariño que regalaron onte aos pequenos de Infantil.




miércoles, 9 de noviembre de 2022

VISITAS, CONCURSOS E CONTOS DE MEDO PARA CELEBRAR O SAMAÍN

Os últimos días de outubro no Fogar estiveron cheos de actividades relacionadas co Samaín. A biblioteca foi escenario de contacontos nos que os grupos de Infantil puideron desfrutar de Corre corre, cabaciña, A figueira de Pelostortos, A bruxa regañadentes, El banquete de los monstruos, Los miedos del capitán Cacurcias, A miña amiga a escuridade, Un pesadelo no meu armario e moitos máis. 

Pero, sen dúbida, unha das actividades que máis nos gustou a todos foi o concurso de monstros, no que os pícaros deixaron voar a súa imaxinación para elaborar criaturas terrorificamente divertidas. Desde aquí queremos agradecer enormemente a implicación das familias nesta actividade.





De entre todos estes monstros, resultaron especialmente estarrecedores os de Gabriel, Fabián e Gael, de 6º de Infantil, cada un dos cales recibiu como premio polo seu traballo e esforzo un libro dos Bolechas, do xenial Pepe Carreiro. 


En 1º ciclo de Primaria, os pícaros tamén crearon monstros magníficos, como o de Yulia, de 1ºC, que tamén recibiu un merecido agasallo polo seu esforzo.


Ou o de Teo, de 2ºC:


En 2º ciclo de Primaria tamén desfrutaron elaborando terroríficas criaturas, como a de Lucía, de 3º C:


Ou a de Pepe, de 4ºA:


Todos eles recibiron o premio pola súa creatividade.


E, por suposto, este Samaín non tería sido tan divertido sen todas as mamás e os papás que pasastes pola biblioteca ao longo destas semanas para agasallar cunha sesión de contacontos de medo aos vosos fillos e aos seus compañeiros de grupo. A todos vós, dámosvos as grazas.






E agora toca deixar atrás as bruxas, os monstros e as pantasmas para centrarnos noutras temáticas.

   
                


Deste xeito, rematado o Samaín, na biblioteca a literatura de terror deixará paso este mes de novembro aos libros pola igualdade.