jueves, 25 de junio de 2015

OS LIBROS MÁIS LIDOS DO CURSO 2014-2015


Agora que terminou o curso, chega a hora de anunciar cales foron os libros máis prestados da biblioteca. Aquí tedes o top ten:

10. As bruxas (Roald Dahl): trátase dun libro cheo de humor, no que asistimos á historia dun rapaz e maila súa avoa, que se enfrontan á terrible Asociación de Bruxas de Inglaterra, mentres estas, baixo a apariencia de mulleres correntes, celebran a súa convención anual nun hotel. Ninguén cre nas bruxas, mais haber hainas. E estas das que fala Roald Dahl posúen poderosísimos nenicidas. Os nenos para unha bruxa son sucios e fedorentos, o inimigo que hai que exterminar... E non son esas vellas feísimas de voz renxente, traxes negros, sombreiros picudos e vasoiras aerodinámicas. Do que se fala aquí é das bruxas verdadeiras, das que fan traballos normais, levan unha vida normal e adoitan levar luvas porque, na realidade, teñen gadoupas por mans, pés cadrados sen dedas e utilizan caramelos e chocolates como engano para destruir nenos.


9. Diario de un gato asesino (Anne Fine): en forma de diario, o gato Rasputín conta aquí a que se arma na súa casa cando aparece cun paxaro morto na boca. Despois diso, todos cren que foi tamén el quen matou o coello dos veciños e todo se lía aínda máis. Será Rasputín un verdadeiro gato asasino? Todos os que vos animedes a mergullarvos nas páxinas desta obra atoparedes unha divertida historia na que se demostra que, moitas veces, as cousas non son o que parecen

8. El Superzorro (Roald Dahl): nesta obra encontrámonos con tres granxeiros, Benito, Buñuelo e Bufón, símbolo da glotonería, da suciedade e da fealdade, os cales viven nun fermoso val. Moi preto deles, viven un raposo e a súa familia, no burato dunha enorme árbore. Os tres granxeiros queren acabar co raposo, para que non lles roube galiñas. Dado que o listísimo raposo logra escapar sempre, os granxeiros irán empregando trampas cada vez máis violentas para darlle caza. Conseguirán finalmente atrapalo?
Este relato constitúe unha fermosa defensa da bondade e o inxenio fronte a maldade e a violencia.




7. ¡Jorge habla! (Dick King-Smith): neste libro vemos como, cando Jorge ten tan só catro semanas, a súa irmá Laura descobre que non é un bebé corrente. Jorge sabe moitas cousas e pódellas ensinar a Laura. Porén, Jorge pídelle que garde o seu segredo até que el considere que os seus pais están preparados para recibir esa impactante nova.

6. A escola dos piratas (Agustín Fernández Paz): vemos nestas páxinas como, nun inverno de chuvia interminable, a escola de Marta, construída no cume dun outeiro, comeza a deslizarse pola aba do monte até chegar ao río e, máis tarde, ao mar, navegando coma un verdadeiro barco. Malia as prohibicións da estrita directora e do xefe de estudos, Marta e os seus compañeiros, coa axuda de Ana, a profesora da clase, conseguen converter a experiencia en toda unha aventura pirata, onde as únicas leis son as das persoas que aman a liberdade. Estamos perante unha novela que realiza unha férrea defensa da imaxinación como única forza capaz de mudar o mundo, especialmente cando se actúa de forma conxunta.


5. El misterioso manuscrito de Nostrarratus (Gerónimo Stilton): esta foi a obra máis prestada de todas as protagonizadas por Gerónimo Stilton, o famoso editor de El Eco del Roedor, o xornal máis lido da Illa dos Ratos. Nesta aventura encontrámonos con que Gerónimo estaba convencido de que o Manuscrito de Nostrarratus sería todo un éxito de ventas. Este libro predixera todo, até a data da fin do mundo! Mais Gerónimo non era o único editor interesado neste manuscrito e así, cando menos o esperaba, a súa vil competidora, Sally Ratonen, rouboullo. E oxalá fose esta a única preocupación de Gerónimo! Antes de recuperar o manuscrito deberá sobrevivir a unha importante viaxe a Ratonkfurt, organizada pola súa divertida secretaria Pinky.


4. Diario de Greg. Un pringao total (Jeff Kinney): esta obra está protagonizada por Greg, un dos rapaces menos populares do instituto. Aínda que el e o seu amigo Rowley non paran de intentar destacar mediante algunha das súas "fazañas", ningunha das que planean xuntos semella triunfar. Porén, pouco a pouco, a noxenta valentía de Rowley parece ter certo éxito, até o punto de que ao final será nomeado pola revista do instituto o alumno máis divertido do ano. Nesta novela o autor leva ao extremo, incluso ridiculizándoas, as eternas rivalidades adolescentes, que fan que a miúdo se traizoe os amigos no afán por ser os máis populares do instituto.


3. Los Futbolísimos. El misterio del portero fantasma (Roberto Santiago): asistimos aquí ao comezo do curso e, tamén, da Liga para os futbolísimos. Moi pronto, as cousas se complican: a súa praza na Liga Intercentros depende de que gañen dous partidos e, ademais, entra en escea un neno chinés que parece que para os goles coa mente...

2. Frederick (Leo Lionni): o protagonista deste fermoso clásico da literatura infantil é un rato chamado Frederick. Mentres o resto de ratos traballan recollendo provisións para o inverno, Frederick, que aparenta non facer nada, garda raios de sol, palabras e cores, que serán imprescindibles para todos no duro inverno. Frederick é un poeta e sabe da importancia de alimentarse de algo máis que de palla e noces.

1. El pez Arcoiris (Marcus Pfister): encontrámonos aquí con Arcoiris, quen, coas súas preciosas escamas de mil cores, é o peixe máis fermoso do océano. Porén, malia súa beleza, síntese moi só. Por que os demais peixes non queren xogar con el? Un libro fermosamente ilustrado que nos ensina a importancia de saber compartir.
E para que todos poidades desfrutar do libro máis prestado ao longo deste curso, aquí vos deixamos este agasallo: 



No hay comentarios:

Publicar un comentario