sábado, 18 de julio de 2015

UNHA VIAXE Á ÉPOCA MEDIEVAL

Esta semana que entra vai ter lugar na Coruña a XXI edición da Feira das Marabillas coa que, un ano máis, a cidade viaxará á Idade Media a través dun mercado que vos permitirá observar de preto como era a vida naquela época. Entre o olor das especias e a cor dos estandartes, poderedes mergullarvos en infinidade de postos con artigos de todo tipo e desfrutar de impresionantes exhibicións, como xustas e espectáculos con lume.






E para todos aqueles que queirades desfrutar un pouco máis da Idade Media, aquí vos deixamos algúns libros ambientados nesa época. Todos eles podedes encontralos tanto na biblioteca do Fogar como nas Bibliotecas Municipais da Coruña.

Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro, é unha apaixonante novela de aventuras ambientada na Idade Media, na que a acción, o drama, o amor e o humor se mesturan nun interesante relato que achega o lector a algunhas das claves fundamentais para entender a época medieval. A obra, está protagonizada por unha rapaza de trece anos que se ve obrigada a coidar dos seus irmáns pequenos, logo da desaparición dos seus pais. Pouco a pouco irase decatando das inxustizas que rodean a xente da súa clase e se lanzará a unha arriscada viaxe na procura dos seus pais, mergullándose así nunha aventura chea de perigos, medos, adversidades e doenzas que fará vibrar o lector que se atreva a navegar polas páxinas deste libro excepcional.




Cruzada en "jeans" é unha obra da holandesa Thea Beckman, ambientada, como o seu título indica, na época das Cruzadas. Nela atopamos a Rudolf, un rapaz do século XX que, logo de se prestar para participar nun experimento científico, viaxa no tempo até 1212. Transportado a esa época pasada, encóntrase casualmente cunha cruzada infantil que se dirixe a Terra Santa coa fin de liberar Xerusalén. Desde un primeiro momento, Rudolf centrará todos os seus esforzos en axudar os nenos a superar as numerosas dificultades que se irán encontrando no seu camiño: abusos, fame, enfermidades, guerras, secuestros..., e pouco a pouco, se irá convertendo no auténtico líder do grupo.




La espada y la rosa, de Antonio Martínez Menchén, sitúanos na Baixa Idade Media e cóntanos a historia de Moisés, fillo do barón de Forner. O neno, trala morte do seu pai nas Cruzadas, é desposuído do seu título e da súa herdanza por culpa do seu malvado tío que, ademais, pretende asasinalo. Porén, o pequeno sálvase da morte grazas á intervención dun criado que o ata a un escudo e o pon a salvo por medio da corrente dun río. Un monxe, o irmán Martín, será quen o encontre e quen se ocupará de educalo entre as ruinas dun convento abandoado. Alí permanecerá Moisés até a chegada dun estraño peregrino, cuxa aparición lle permitirá ao noso protagonista iniciar unha emocionante aventura que non só o levará a coñecer mundo, senón que tamén lle permitirá descubrir un importante segredo relacionado coas súas orixes.




En Finis Mundi, a autora, Laura Gallego, nos leva até a Francia do ano 997 da nosa era, onde Michel, un monxe cluniacense, decide embarcarse nunha misión imposible co obxectivo de salvar o mundo. A orixe desta viaxe serán as revelacións do ermitán Bernardo de Turinxia, nas que se anuncia que a fin do mundo é inminente e que só existe unha maneira de salvar a humanidade: invocar o Espírito do Tempo. Porén, antes é preciso recuperar os tres eixes sobre os que se sostenta a Roda do Tempo. Nesta busca, a Michel se lle unirán un xograr chamado Mattius e unha xoven aspirante a xograresa, Lucía, que terá que demostrar que pode ser tan boa no oficio coma calquera home. Este curioso trío vivirá unha aventura chea de perigos e intrigas que os levará a percorrer a Europa de finais do primeiro milenio.




La catedral, de César Mallorquí, é unha historia ambientada no s.XIII e protagonizada por Telmo Yáñez, un xoven artesán que parte cara a Gran Bretaña para participar na construción dunha catedral, porén, esta estraña e colosal edificación alberga segredos terribles. Poderá Telmo superar as dificultades que encerra esta apaixonante aventura? Para saber a resposta deberás mergullarte nas páxinas desta novela de misterio que se adentra no mundo dos artesáns libres, dos templarios e das cruzadas.



viernes, 17 de julio de 2015

E NO VERÁN... MÁIS DOAZÓNS!

Desde o Plan Lector sempre nos gusta lembrar que a biblioteca do Colexio a construimos entre todos os que formamos parte desta pequena-gran familia que é o Fogar: traballadores do Centro, alumnos, familias dos estudantes... E é grazas a este esforzo conxunto como a biblioteca vai mellorando un pouquiño cada día. Dentro deste esforzo, é destacable unha acción solidaria como a doazón de libros. Se ao longo deste curso familias como a Arrojo Casal, a Rey Valiño ou a Roca Capdevila demostraron a súa xenerosidade doando diferentes documentos para os fondos da biblioteca, estes días foi a familia Paadín Barco quen nos fixo chegar un lote de libros que de seguro fará desfrutar a máis de un. Desde aquí agradecemos enormemente o xesto, especialmente a Laura e a Antonio.

De entre todos os libros doados pola familia Paadín Barco fíxonos especial ilusión atopar dúas obras mestras da Literatura Infantil, como son: A que sabe a lúa, de Michael Grejniec e James y el melocotón gigante, de Roald Dahl.


A que sabe a lúa (Kalandraka), un libro no que os animais da selva nos amosan que as cousas compartidas saben moito mellor.
Aquí vos deixamos o comezo da obra:

"Había moito tempo que os animais
andaban a matinar a que sabía a lúa.
Era doce ou salgada?
Só querían probar un anaco pequeno.
Polas noites, miraban ansiosos para o ceo.
Estarricábanse e estiraban o pescozo,
as pernas e os brazos, tentando collela.
Era todo en balde, e mesmo o animal máis grande
non foi quen de tocala."


James y el melocotón gigante (Alfaguara), unha obra na que a ilimitada imaxinación de Dahl nos conta a  historia de James Henry Trotter, un neno que vive coas súas malvadas tías logo da morte dos seus pais. Unha misteriosa poción, porén, vai cambiar a súa vida por completo, e o levará a participar nunha emocionante viaxe a bordo dun melocotón xigante, no que coñecerá amigos extraordinarios e verá cousas incribles.
Aquí vos queda un fragmento do libro:

"Casi sin saber lo que hacía, como atraído por un potentísimo imán, James Henry Trotter empezó a caminar lentamente hacia el melocotón gigante. Saltó la valla que lo rodeaba y se quedó inmóvil a su lado, contemplando sus enormes curvas. Levantó una mano y lo tocó suavemente con la punta de los dedos. Era suave, cálido y delicado, como la piel de un ratoncillo recién nacido. Se adelantó otro paso y rozó su cara contra la suave piel. Y entonces, mientras estaba haciendo aquello, percibió que justo debajo de él, cerca del suelo, el melocotón tenía un agujero."


Estas dúas obras xa están agardando por vós na biblioteca do Fogar para que as leades á volta das vacacións. Porén, se vos apetece ler algunha delas durante o verán podedes collela en préstamo nas bibliotecas municipais da Coruña.

lunes, 13 de julio de 2015

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN (1ªPARTE)

Algúns dos vosos compañeiros non quixeron marchar de vacacións sen recomendarvos unhas lecturas para o verán. 


Por iso, antes de acabar o curso gravaron uns vídeos para compartir con vós as suxestións que cren que non debedes esquecer. 
Aquí tedes unhas cantas:




martes, 7 de julio de 2015

SABÍAS QUE...?

Tal día como hoxe, un 7 de xullo, pero do ano 1930, morría o escritor escocés sir Arthur Conan Doyle, creador do detective máis famoso de todos os tempos: Sherlock Holmes. 




Nado en Edimburgo en 1859, Arthur Conan Doyle estudou Medicina, chegando a abrir un consultorio na famosa "Rúa dos Médicos", e dise que Sherlock Holmes naceu precisamente aí, nunha desas tardes aburridas en que o seu creador esperaba pacientes que non aparecían. Para inventar a Sherlock, inspirouse nun dos seus mestres, o Dr. Joseph Bell, unha máquina de pensar cuxo razoamento deslumbraba os seus discípulos. Sherlock Holmes, o detective observador incansable e analista xenial, conquistou rapidamente os lectores ingleses e, de historia en historia, foi conquistando a todo o mundo anglosaxón. Máis tarde pasou a outras linguas e se fixo famoso no mundo enteiro, até o punto de que cando Conan Doyle, cansado da súa personaxe, o matou nunha das súas historias, as protestas do público e dos editores foron tan grandes que se viu obrigado a resucitalo e a enfrontalo de novo ao seu implacable adversario, o Profesor Moriarty. 
Hoxe en día, o número 221B de Baker Street, dirección de Londres onde se localizaba na ficción a residencia de Sherlock Holmes, é un dos lugares máis visitados polos turistas de todo o mundo que acoden a esta cidade. Este edificio alberga un museo adicado ao famoso detective:




Ademais, son moitos os lugares de diferentes países en que podemos encontrar estatuas de Sherlock Holmes:

Meiringen (Suiza)

Moscova (Rusia)

Londres (Inglaterra)


Tanto na biblioteca do Fogar como nas Bibliotecas Municipais da Coruña, podedes atopar algunhas das máis famosas obras protagonizadas por Sherlock Holmes. Aquí vos deixamos unha pequena mostra:


Estudio en escarlata: esta novela, que como obra independente non aparecería publicada até 1888, supuxo a primeira aventura de Sherlock Holmes. O autor escribiuna aos 27 anos, mentres traballaba como médico en Southsea (Portsmouth), e cobrou 25 libras polo seus dereitos. Nela asistimos ao primeiro encontro entre Holmes e o seu inseparable amigo, o Dr. Watson, que deberán resolver un estraño crime: malia que na habitación na que aparece o cadáver hai sangue, o corpo da vítima non presenta feridas. Ademais, no corpo aparece escrita a palabra "RACHE", que en alemán significa "vinganza".



"Meu caro Sherlock Holmes: Houbo un mal asunto anoite no número 3 de Lauriston Gardens, xunto á estrada de Brixton. O noso home de ronda na zona viu luz alí por volta das dúas da mañá e, como se trataba dunha casa baldeira, receou que pasase algo malo. Atopou a porta aberta e na habitación do frente, que está sen amoblar, descubriu o corpo dun cabaleiro ben vestido e que levaba cartóns de visita no peto co nome de "Enoch J. Drebber, Cleveland, Ohio, Estados Unidos". Non houbera roubo, nin evidencia acerca de como o home encontrara a morte. Había manchas de sangue na habitación, pero non feridas no corpo. Estamos desnorteados acerca de como entrou nesta casa baldeira; con certeza, o asunto é todo un crebacabezas.


As aventuras de Sherlock Holmes: esta obra está composta por doce relatos protagonizados por Sherlock Holmes e o seu inseparable amigo o Dr. Watson. Entre eles atopamos algunhas das historias máis emocionantes de entre todas as protagonizadas por este detective xenial, como "Escándalo en Bohemia" ou "O misterio de Cooper Beeches". Nestes relatos, Holmes e Watson deberán resolver diferentes casos: roubos de xoias, desaparicións, asasinatos, etc, facendo uso do seu extraordinario inxenio.



"El 3 de junio -es decir, el lunes pasado-, McCarthy salió de su casa de Hatherley a eso de las tres de la tarde, y fue caminando hasta el estanque de Boscombe, una especie de laguito formado por un ensanchamiento del arroyo que corre por el valle de Boscombe. Por la mañana había estado con su criado en Ross y le había dicho que tenía que darse prisa porque a las tres tenía una cita importante. Una cita de la que no regresó vivo."

O can dos Baskerville: encontramos aquí unha nova aventura de Sherlock Holmes na que o enigma, o elemento central da historia, presenta características realmente interesantes, xa que ao feito criminal vén a sumárselle unha maldición, unha lenda familiar que envolve todo nun ambiente misterioso e fantástico. Logrará o noso detective encontrar resposta para as diferentes incógnitas que se lle irán presentando?


"Lestrade ceibou un repentino berro de horror e botouse ao chan. Eu erguinme dun pulo termando da pistola na miña man inerte e coa mente paralizada pola visión da arrepiante forma que emerxía de entre as sombras da brétema. Era un can, un enorme can negro coma o carbón, un can que nunca ollos mortais teñen visto tal. Botaba lume pola boca aberta, e os ollos escintilábanlle como brasas ardentes; as fauces, as gadoupas e toda a pelaxe parecían arder en tizóns acendidos. Nin unha mente enferma no seu delirio podería imaxinar nada máis salvaxe, máis arrepiante e endiañado que aquela criatura aterradora que avanzaba cara a nós desde o banco de néboa."

Sherlock Holmes, detective: esta obra contén algúns dos relatos máis emblemáticos do detective creado por Conan Doyle, como "O ritual Musgrave", "O misterio do Val de Boscombe" ou "O rostro amarelo", auténticas obras mestras do xénero detectivesco. Nelas, como no resto de historias protagonizadas por Holmes, destacan o misterio, a tensión narrativa e o humor irónico, que sen dúbida farán desfrutar a calquera lector que se mergulle nas súas páxinas. 


"Non sei que había naquel rostro, señor Holmes, pero parecía como se me producise un arrepío polo lombo. Eu estaba un pouco arredado, de xeito que non dei percibido ben as súas faccións, pero había algo monstroso e inhumano naquela cara. Esa foi a primeira impresión que tiven, polo que axiña me adientei para ver desde máis preto aquela face que tanto me miraba. Pero en canto o fixen desapareceu de contado, e tan subitamente que mesmo parecía como se a arrincasen dun tirón para a escuridade do cuarto."

Hai que sinalar que a popularidade de Sherlock Holmes chegou a ser tan tremenda que eclipsou o resto da obra do seu creador. Porén, Conan Doyle foi tamén autor de historias tan apaixonantes como a que se nos conta na novela O mundo perdido, onde se nos relata a aventura que vive un pequeno grupo durante unha expedición a unha meseta sudamericana, onde atoparán unha terrorífica sorpresa: nese lugar aínda existen seres prehistóricos. Así, nesta viaxe, os protagonistas teranse que enfrontar a mil e un perigos, que os levarán a loitar contra un violento grupo de homínidos primitivos ou a pelexar contra terribles dinosauros. Esta emocionante obra (que podedes encontrar tanto na biblioteca do Fogar como nas Bibliotecas Municipais da Coruña) foi traducida a un gran número de linguas e desde a súa publicación en 1912, foron moitas as edicións desta novela que foron aparecendo ao longo dos anos. Aquí vos deixamos algunhas das portadas máis chamativas de diferentes edicións da obra:


         

              

          


         

                    

sábado, 4 de julio de 2015

PREMIOS PARA OS MÁIS LECTORES

Para celebrar o gran número de préstamos deste curso na biblioteca, desde o Plan Lector decidimos premiar os máis lectores cun agasallo feito á súa medida: libros. Estas obras foron un obsequio da Editorial SM, á cal, desde o blog, lle agradecemos enormemente a súa xenerosidade. 
Aquí vos deixamos unhas fotos con algúns dos rapaces posando cos seus premios:










viernes, 3 de julio de 2015

UNHA NOITE DE MISTERIO...

Pode que para esta noite teñas pensado baixar dar un paseo cos teus amigos, ou quizais ir ao cine ou a un concerto. Se é así, esperamos que te divirtas por todo o alto. Porén, se vas pasar o día na praia ou xogando ao fútbol e o que realmente che vai apetecer facer pola noite é descansar un pouco na casa, desde o blog propoñémosche un plan: unha noite de misterio da man de Laura Gallego e a súa obra La hija de la noche



E: por que ía ler esta obra?, estaraste a preguntar... Pois a resposta é doada: porque nas súas páxinas poderás mergullarte no misterio que invade a vida dunha tranquila aldea francesa, Beaufort, cuxa paz se ve repentinamente alterada por un feito que, a priori, semella carecer dunha explicación razoable: o granxeiro Henri Morillon encontrou unha das súas vacas morta en extrañas circunstancias, completamente desangrada. Algúns habitantes da aldea, como o xoven Jerome, cren que a mansión Grisard garda certa relación co suceso. O vello caserón permanecera deshabitado e abandoado durante moitos anos, até que se instala nel a fermosa e enigmática Isabelle, que regresa á localidade que a viu nacer e da que fuxiu tempo atrás. O misterio que rodea a esta muller espertará as sospeitas dos seus veciños, e Max, o xendarme do lugar, decide comezar a investigar. Por se estas liñas aínda non te convenceron, aquí che deixamos un booktrailer da obra:




Xa te decidiches? Pois adiante! Bule até as Bibliotecas Municipais da Coruña e leva en préstamo un exemplar desta obra!