10. Os petos de Loreto (Quentin Blake): unha divertida historia publicada por Kalandraka, protagonizada por Loreto, unha personaxe que atesoura nos seus petos os obxectos máis inimaxinables: xeados, bucinas, sombreiros... Calquera cousa pode resultar útil nas súas mans. Sempre rodeada de nenas e nenos de distintas idades e razas, a señora Loreto non deixa de sorprendernos en cada páxina, ao tempo que nos axuda a estimular a imaxinación.
9. El cumpleaños de Pupi (María Menéndez-Ponte): este foi o noveno libro máis prestado este curso, protagonizado por Pupi, un simpático extraterrestre procedente do planeta Azulón, cuxas ganas de investigar e coñecer mundo o levan até a Terra, onde terá que ir á escola, deberá aprender a respectar as normas, vivirá mil e unha aventuras en lugares como museos ou supermercados... A colección protagonizada por Pupi, publicada por SM, foi unha das máis lidas polos nenos de seis e sete anos ao longo destes meses. Desde aquí vola recomendamos tamén como lectura de verán.
8. El Superzorro (Roald Dahl): un curso máis, volvemos atopar entre as obras máis lidas polo alumnado de 4º e 5º de Primaria este auténtico clásico da Literarura Infantil, creada pola mente xenial do máxico Roald Dahl. Ano tras ano, os pícaros do Fogar desfrutan coas divertidas aventuras deste astuto raposo e dos tres granxeiros Benito, Buñuelo e Bufón. Sen dúbida, un libro recomendadísimo para ler durante as vacacións de verán, publicado por Alfaguara.
7. Baroña ou morte (Pepe Carreiro): trátase da primeira entrega da saga dos Barbanzóns, unha serie de banda deseñada creada no ano 2003 polo debuxante vigués Pepe Carreiro, publicada pola editorial Toxosoutos. Esta serie, ambientada na Idade do Ferro, sitúa a trama no Castro de Baroña, e os libros nos achegan ás aventuras dos habitantes deste poboado prerromano. Na biblioteca contamos tamén con outros dous títulos dos catro que conforman a saga: No solpor da prehistoria e A noite das cacharelas.
6. O coelliño branco (Xosé Ballesteros): fermosa adaptación dun conto tradicional portugués, publicada por Kalandraka, na que un animal minúsculo lle gaña a partida ao mangallón. E é que se algo nos ensina este conto é que a valentía non é cuestión de tamaños.
5. Los Futbolísimos. El misterio del castillo embrujado (Roberto Santiago): a serie creada por Roberto Santiago, publicada por SM, foi unha das máis lidas ao longo deste curso. Entre os seus títulos tivo especial éxito El misterio del castillo embrujado, no que os Futbolísimos, capitaneados por Morley, viaxan a Escocia para participar no mítico torneo dos seis clans. Alí terán que superar probas durísimas co fin de conseguir o castelo Mac Leod.
4. Nunca juegues con una bruja y otros cuentos de terror (Manuel L. Alonso): un libro publicado por SM na colección El barco de vapor, que nos trae sete relatos terroríficos protagonizados por nenos e nenas de pouco máis de dez anos. Unha obra ideal para ler nas noites de verán, que fará desfrutar a calquera lector afeccionado ás boas historias de medo, grazas a relatos como: "La casa en el bosque", "Sé que estás ahí", "Nunca juegues con una bruja" ou "A oscuras".
3. Drácula (Dominique Marion): un álbum ilustrado publicado pola editorial Baía, baseado na famosa novela de Bram Stoker, Drácula. Cunhas fantásticas ilustracións realizadas por Jérémy Fleury, esta obra resulta ideal para que os máis novos se acheguen a un dos grandes clásicos da literatura universal.
2. A casa da mosca chosca (Eva Mejuto): adaptación dun conto popular ruso, publicado por Kalandraka baixo a forma dun relato acumulativo, cheo de rimas e repeticións, que nos achega á historia dunha mosca chosca que, farta de voar de aquí para alá, decide construír unha casa para ter onde convidar os habitantes do bosque. Rematada a construción, fai unha torta de amoras para celebralo. O arrecendo da torta esténdese polo bosque e vai atraendo diferentes animais... Un aspecto do libro que destacaron os nenos ao longo deste curso son as divertidas ilustracións, cheas de cores chamativas e de formas orixinais, creadas por Sergio Mora.
1. Niños de los cinco continentes (Laure Mistral e Anne-Sophie de Monsabert): a obra máis prestada este curso na biblioteca do Fogar foi este libro que nos amosa como viven os nenos en lugares tan afastados como os Estados Unidos, Perú ou Pakistán. Unha obra así foi posible grazas ao fotógrafo Uwe Ommer, que durante catro anos viaxou polos cinco continentes e percorreu case cen países, nos que coñeceu moitísimos nenos, algúns dos cales nos presenta aquí, nun libro cheo de fotografías e testemuños, que nos achega á vida de familias moi diferentes, de distintos recunchos do mundo. Esta obra, publicada por SM, gustou enormemente aos nenos porque os achega a outras culturas e a outras formas de vida, como o día a día nunha comunidade amish ou nunha familia de beduinos nómadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario