Unha mañá na biblioteca do Fogar, un venres calquera, pode dar para a representación de varias obras de teatro e para recibir a visita de dúas nais xeniais, mais tamén para desenvolver unha sesión de contacontos arredor dun tema tan serio como o bullyng. Xoel Calvo Seijo e Iván Otero Fernández leron a obra Rojo o por qué el bullyng no es divertido (Tramuntana) aos seus compañeiros de 5ºA, que seguiron a lectura moi atentos.
Unha vez rematada a lectura, conversamos sobre o acoso escolar, un mal que, segundo a organización británica contra o acoso xuvenil "Beat bullying" padecen ao ano 24 millóns de nenos e xoves na Unión Europea.
Os nenos participaron intensamente na actividade, preguntando e achegando interesantísimas reflexións sobre o tema:
Sen dúbida, a obra de Jan De Kinder, Rojo o por qué el bullyng no es divertido, constitúe unha lectura fundamental para achegar os nenos a esta realidade e para invitalos a reflexionar sobre estes conflitos.
No Fogar traballamos duramente para concienciar os nenos acerca deste tema, razón pola que este curso que acaba de rematar o Departamento de Orientación botou a andar en Secundaria un ilusionante proxecto de formación de alumnos como mediadores escolares. Así, ao longo destes meses diferentes estudantes recibiron formación relativa a resolución de conflitos, a técnicas de comunicación, a expresión de emocións e sentimentos, ás diferentes fases da mediación, ás funcións dun mediador... Finalmente, 19 dos 31 estudantes cos que se veu traballando acadaron os obxectivos marcados para este curso e, polo tanto, recibiron o correspondente diploma que os acredita como mediadores.
Aquí vos deixamos algunha foto da cerimonia de entrega, na que participaron, entre outros, Marcos Díaz, Director Pedagóxico do Fogar, as especialistas en Pedagoxía Terapéutica de Secundaria, Andrea Valcárcel e Paula García, e Reyes García, Coordinadora do Departamento de Orientación.
O curso que vén, seguiranse formando de modo máis específico en habilidades sociopersoais, porán en práctica todo o aprendido este ano, tomando parte nas mediacións que estimen convenientes, e participarán en actividades dirixidas a fomentar a "boa saúde" nas relacións de convivencia dentro do Fogar, a previr a violencia de xénero, a potenciar o diálogo respectuoso, etc.
Desde aquí queremos dar os parabéns a este grupo de mediadores, polo esforzo realizado ao longo destes meses, e tamén a Reyes, Andrea e Paula, responsables do proxecto, pola súa implicación co alumnado.
Os parabéns son dobres para Andrea, pois aproveitamos para felicitala tamén polo sobresaliente cum laude, co que este pasado mes de abril acadou o grao de doutora en Pedagoxía coa súa tese de apoio a rapaces acosados e con problemas. O xornal Faro de Vigo fíxose eco desta noticia. Se queredes lela non tedes máis que picar aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario