lunes, 29 de mayo de 2017

O TEATRO FAILLE FRONTE AO PARKINSON

Hai uns meses recibimos a visita de Eva, nai de Enma, alumna de 6º de Infantil A, que nos fixo desfrutar cunha fantástica sesión de contacontos. Ademais desta divertida actividade, a visita tamén nos serviu para falar con Eva do seu labor na Asociación Parkinson Galicia-Coruña. Froito desta conversa xurdiu unha actividade de colaboración entre os nenos do Fogar e os pacientes desa asociación: os alumnos de 6º prepararían unha obra de teatro e os membros da asociación elaborarían o decorado para dita obra. Logo, adornariamos a biblioteca con dito decorado e os nenos de 6º representarían a obra ante os pacientes da Asociación Parkinson Galicia-Coruña. 

Lucía Pérez, Andrea, Laura, Sofía, Uxía, Jaime, Abraham, Noel, Simón, Ainhoa, Shaila, Lucía Lariño, Joana e Candela, e os seus profesores Carola, Miguel e María, ilusionáronse enormemente co proxecto desde o primeiro momento. A obra Carapuchiña ao revés botaba a andar...



Os rapaces comezaban cos primeiros ensaios, coas primeiras dúbidas, cos primeiros risos e, sobre todo, cos bos momentos que nos fixo pasar esta actividade. Ir establecendo o vestiario de cada personaxe foi tamén un elemento importante, solucionado facilmente grazas á xenerosidade das familias e dos rapaces. Roupa de familiares, disfraces do entroido que tiñamos por casa, xoguetes dos nosos primos...  Entre todos, compartindo, pronto tivemos disposto o vestiario.












Mais o esforzo non só comezaba no Fogar. Na Asociación Parkinson Galicia-Coruña a obra tamén botaba a andar. Foron moitas as horas que vós, os pacientes da asociación, lle dedicastes á elaboración do decorado. Por iso vos queremos dar as grazas. Sodes, simplemente, un exemplo. E neste labor houbo unha persoa fundamental: Belén, unha das logopedas da asociación, que guiou a elaboración do decorado. A ti, Belén, querémosche agradecer tamén a implicación que amosaches en todo momento. Sen todo o teu esforzo, que sabemos que foi moito, esta actividade tería resultado imposible.








Así, mentres nós ensaiabamos nos recreos, na asociación confeccionaban un decorado que, cando o recibimos, nos fixo ficar sen palabras. Desde aquí só o podemos calificar de espectacular. Queredes velo? Aquí o tedes:



Liñas atrás referinme aos ensaios nos recreos, e é que foi neses momentos, durante o recreo da mañá e o de comedor, cando, día tras día ensaiabamos na biblioteca. A vós, as actrices e os actores desta obra, queremos dicirvos desde a biblioteca, que foi un pracer compartir eses momentos con vós. En cada ensaio vos vimos dialogar, apoiarvos, axudarvos uns aos outros e, sobre todo, desfrutar. E nós desfrutamos enormemente xunto a vós.









E así pasaron os meses, até que chegou o gran día...





Tanto esforzo por parte duns e de outros, só podía ter como resultado unha sesión na que todos desfrutamos enormemente, e na que vós, as actrices e os actores de 6º, puxestes en escena toda a ilusión que fostes acumulando en cada ensaio.
















Esta actividade non foi máis que unha obra feita entre dous: o Fogar e a Asociación Párkinson Galicia-Coruña. Un proxecto de colaboración no que os nenos e as nenas de 6º, e os pacientes da asociación e Belén, a súa logopeda, achegaron cada un o seu gran de area para un obxectivo común: berrar ben alto que todos contamos. Nenas e nenos, xóvenes e maiores..., todos sumamos. 

E, por suposto, con esta actividade queremos dar visibilidade a unha doenza, o Parkinson, que é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis frecuente no planeta, e que afecta a 6,3 millóns de persoas en todo o mundo. Tendo en conta estes números, tórnase evidente o labor fundamental e tan necesario de entidades como a Asociación Parkinson Galicia-Coruña, que loita cada día por axudar tanto os afectados por esta enfermidade, como os seus familiares. Para todos aqueles que desexedes coñecer máis acerca do traballo que leva a cabo esta asociación, non tedes máis que visitar a súa páxina, picando aquí.

Como remate desta actividade, no mes de xuño a Asociación Párkinson Galicia-Coruña visitará, novamente, o Fogar para levar a cabo un obradoiro destinado a achegar os nosos nenos a esa realidade chamada Párkinson.




miércoles, 24 de mayo de 2017

VISITA DO ILUSTRADOR JOSE SOUTO

Esta mañá tivemos a sorte de recibir no Fogar a visita do ilustrador Jose Souto, que xa estivo con nós hai unhas semanas facendo desfrutar os nenos de 1ºA e 1ºC de Primaria cunha sesión na que nos leu dous dos contos que ilustrou: Mundo de cores e Chusco, un can vagabundo. Nesta ocasión, foron os pícaros de 1ºB e de 6ºInf. A os que desfrutaron coa visita. Jose nos leu Mundo de cores, un álbum con texto de Maruxa Blanco e ilustracións de María Romero e do propio Jose Souto, publicado pola ONG Viraventos. Neste conto, ideal para traballar a educación intercultural, achegámonos á historia de Diara, unha nena "senegalega"que nos presentou o seu mundo de cores, a súa familia, os seus costumes e tradicións...



Jose tamén nos leu Chusco, un can vagabundo, un fermoso álbum ilustrado por Jose e con texto de Begoña Ibarrola, publicado pola editorial Primerapersona, que nos conta a historia de Chusco, un can vello e enfermo que vivía na rúa. O soño de Chusco era ter un dono que o quixese. Unha noite, os seus amigos, decidiron axudalo...





Ademais de lernos estes dous contos, Jose fíxonos viaxar por algúns dos recunchos máis fermosos da arquitectura coruñesa.








Logo, os pícaros, inspirándose no que Jose nos acababa de amosar, crearon as súas propias casas, cheas de vistosas cores.

















Desde aquí queremos dar as grazas a Jose pola divertida sesión que nos ofreceu e, tamén, polos libros que nos deu como agasallo. Estas obras, por suposto, foron Mundo de cores e Chusco, un can vagabundo.