viernes, 22 de diciembre de 2017

CONTINUAMOS A NOSA VIAXE POLA CHINA CON 5ºC DE PRIMARIA

Ao longo deste 1º trimestre foron varios os grupos que estiveron a investigar sobre a China; entre eles, 5ºC de Primaria, que logo de afondar en aspectos como a gastronomía, nos fixeron desfrutar cunhas sesións dedicadas a temas como as danzas tradicionais, os traxes típicos e as festas máis importantes do país.

O grupo formado por Miguel, Nicole, Miriam, Claudia Sánchez, Ariadna e Nuria, falounos de danzas como o Baile da Primavera, o Baile dos Farois ou o Baile do Dragón, e incluso se atreveron a executalos para nós.







Outro grupo, composto por Claudia Rodríguez, Aroa, Lucas, Antía, Elena e Julia, nos achegou aos traxes típicos chineses, como o qipao, vestido de orixe manchú, considerado a variedade máis representativa da indumentaria do país; ou o hanfu, o vestido chinés tradicional e unha das vestimentas máis antigas do mundo.



Finalmente, un grupo formado por Manuel, Diego Nicolás, Alba, Laura, Candela e Anxo falou aos nenos e ás nenas de 2ºC de celebracións como a Festa da Primavera, a Festa dos Farois, a Festa do Día dos Defuntos ou o Festival do Barco Dragón.







Os pícaros quedaron impresionados coa vistosidade das festas chinesas. Aquí vos deixamos algunhas das que falaron:

Festa da Primavera: tamén coñecida como Festa do Aninovo, é a festividade máis importante do calendario chinés. Aínda que as tradicións respecto a esta festa varían segundo a rexión, sempre se celebra en familia, e nela destacan o uso de petardos e fogos artificiais, e os vistosos desfiles do León e do Dragón.


Festa dos Farois: celebración que marca o final das festividades polo Aninovo chinés coa primeira lúa chea do ano. Nesta noite iluminada, miles de lanternas colgan das casas e dos negocios ao longo das rúas, preparando o escenario para os desfiles e espectáculos cheos de cor que dan remate ás celebracións.

Día dos Defuntos: festividade que se celebra quince días despois do equinoccio de primavera, nunha xornada na que, ao igual que acontece en Galicia, as familias se reunen nos cemiterios para lembrar aos seus parentes falecidos, adornar as súas lápidas e queimar todo tipo de obxectos de papel para que non lles falte nada na outra vida.

Festival do Barco Dragón: festa pagá declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, na que se realizan ofrendas a un heroe local, ademais de impresionantes competicións deportivas, como regatas ou paseos en barcos-dragón.


Grazas aos nenos e as nenas de 5ºC, agora xa coñecemos moito máis sobre unha cultura tan rica como a chinesa. Rematamos así este trimestre dedicado a investigar sobre este xigante asiático. Logo das vacacións de Nadal, os alumnos de 5ºC comezarán a investigar sobre un novo país: Inglaterra.




lunes, 18 de diciembre de 2017

CON XIAO WEI, VIAXAMOS ATÉ A CHINA CON 5º DE INF. C

Estes días percorremos moitos países grazas a algunhas mamás e a algúns papás que pasaron polo Fogar. Unha das visitas na que máis desfrutamos foi na de Xiao Wei, nai de Hao Cheng, alumno de 5º Inf. C, que nos convidou a subir ao seu avión e nos levou até o seu país natal: a China.



Con ela aprendemos moitas cousas acerca deste xigante asiático, o país máis poboado do mundo, referentes á súa historia, á sua fauna, á súa xeografía e, sobre todo, a unha das festas máis importantes do ano nese país: o Aninovo.





Entre as cousas que máis impactaron aos pícaros, imos destacar tres: as descricións que Xiao Wei fixo de Pekín e de Shangai, dúas das cidades máis grandes e poboadas do mundo:

Pekín

Shanghai

O momento en que nos falou dun dos animais máis característicos da China: o oso panda.



E, sen dúbida, a descrición que Xiao Wei realizou do Aninovo chinés, falándonos das comidas máis típicas desa data, do espectáculo dos fogos artificiais e dos petardos, dos preparativos que se realizaban nas casas, da omnipresenza da cor vermella (símbolo de boa sorte na cultura chinesa), dos impresionantes desfiles (presididos polo león e o dragón, animais poderosos que espantan os malos espíritos), o Festival dos Farois (marca o final das festividades), etc.








Queremos darche as grazas, Xiao Wei, por contarnos tantas cousas sobre a China e, sobre todo, por facelo con tanta amabilidade e bo humor. Foi un pracer escoitarte.





GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar

domingo, 17 de diciembre de 2017

TRABALLANDO A IGUALDADE CON ADELA TURÌN

Hai máis de tres décadas, Adela Turín comezou a publicar en Italia a colección "Dalla parte delle bambine", que ao pouco tempo foi editada en España por Tusquets baixo o título "A favor de las niñas". Pronto se converteu nunha serie de referencia para a coeducación e a igualdade, cunhas mensaxes que hoxe en día continúan a ser moi necesarias. Dentro desta serie encontramos unha obra como A historia dos bonobos con lentes, publicada en galego por Kalandraka. Alba, Gaia, Daniela e Adriana, de 6ºC de Primaria, decidiron achegar este álbum aos pícaros de 5º de Inf. B.



Bonobos e bonobas tiñan un status moi diferente no lugar onde vivían. Eles comían o que elas recollían, descansaban, viaxaban, aprendían, se modernizaban..., mais non permitían que elas tamén evolucionasen e se burlaban do seu aspecto. Tiñan a equivocada teoría de que a educación e o progreso do grupo completo era prexudicial. Un día, as bonobas se cansaron de aguantar ese comportamento tan egoísta.






Aquí vos deixamos algunhas fotos da dramatización de Alba, Adriana, Gaia e Daniela:







Unha dramatización que os pícaros seguiron moi atentos:




E, despois, chegou o momento das preguntas e de debater sobre a lectura:





Queremos dar as grazas a este grupo de contacontos de 6ºC por achegar de forma tan divertida esta obra fundamental, que pretende axudar a poñer en valor o papel da muller na sociedade, a acabar cos estereotipos sexistas e coa discriminación e, en definitiva, a construír un mundo mellor e máis xusto.


viernes, 15 de diciembre de 2017

VISITAMOS TRES CONTINENTES CON MAMÁS E PAPÁS DE 6º DE INFANTIL

A tarde deste martes resultou máxica grazas a un grupo de mamás e papás de 6º de Infantil, que nos levaron da man por Portugal, Senegal, Perú, Colombia e Arxentina, países dos que proceden. Grazas a eles, que visitaron a biblioteca para manter un encontro cos seus fillos e cos compañeiros destes, nos achegamos a outros lugares, a outras culturas e a outras formas de celebrar o Nadal e, sobre todo,  aprendemos e desfrutamos con estes papás e estas mamás xeniais.

Unha destas viaxes levounos moi cerquiña de aquí, a Portugal, país do que provén Sonia, nai de Joel, que nos falou das tradicións máis típicas do Nadal no país veciño, moitas das cales, como puidemos observar, coinciden coas nosas propias tradicións. Sonia explicounos, por exemplo, como, do mesmo xeito que acontece en Galicia, en Portugal as familias se reúnen para cear o 24 de decembro, noite na que na mesa se desfruta de bacallao, de pavo asado...



Entre os numerosos postres típicos do Nadal que nomeou Sonia, quedámonos con dous que tamén podemos desfrutar en terras galegas: o bolo de rei e as rabanadas.



E unha das cousas que máis alegrou aos pícaros é que, tal e como nos contou Sonia, nesa noite, en Portugal, tamén chega un velliño de barba branca que deixa agasallos nas casas: o Pai Natal.




A nosa viaxe non se detivo en Portugal, e con Aminata, mamá de Nafi, viaxamos ao seu país natal: Senegal.



Ubicado na parte oeste do continente africano, tal e como explicou Aminata aos nenos de 6º de Infantil, a República de Senegal é un país con capital en Dakar, e que debe o seu nome ao Río Senegal.




Os nenos e as nenas desfrutaron escoitando diferentes aspectos da cultura senegalesa, entre os cales lles chamou especialmente a atención a enorme variedade de linguas existentes no país, no que, ademais do francés, idioma oficial de Senegal, e do wolof, lingua nacional, encontramos unha gran cantidade de dialectos falados nas diferentes rexións do país.


Nesta tarde máxica tamén viaxamos até América do Sur, para visitar Perú con Willy e con Cristina, pais de Jimena. 



Willy, natural de Perú, falounos de diferentes aspectos do seu país, como a bandeira, as danzas tradicionais, os monumentos máis emblemáticos, as comidas típicas e a fauna da zona.



Os pícaros ficaron abraiados coa inmensidade do río Amazonas:



A nosa viaxe por América do Sur continuou por Colombia, país do que procede Cristian, pai de Marian, que nos falou de como se celebra o Nadal na súa terra.



Cristian nos explicou como en Colombia tamén é tradicional poñer a árbore de Nadal ou cantar vilancicos, e nos abriu o apetito ao falarnos de dúas das comidas máis típicas desas datas: a natilla e os buñuelos.





E do norte de América do Sur...



Viaxamos até o sur, a Arxentina.



Luciana, nai de Pedro, que xa nos visitara hai unhas semanas para falarnos de Buenos Aires, volveu pola biblioteca para conversar con nós acerca das principais tradicións de Nadal do seu país natal: Arxentina.



Tal e como nos explicou Luciana, malia que o Nadal en Arxentina é moi semellante ao que celebramos aquí en Galicia, con xornadas en familia, cea en Noiteboa ou chegada de Papá Noel, si hai un aspecto que o fai totalmente diferente, como é o feito de que, ao encontrarse no Hemisferio Sur, en Arxentina reciben o Nadal con sol e calor, xa que nesas datas están no verán.


Desde aquí vos queremos dar as grazas a este grupo de mamás e papás por regalarnos o voso tempo e por contarnos tantas cousas e facelo con tanta paciencia. Grazas por ensinarnos tanto e por implicarvos neste proxecto, "UN FOGAR DE PAÍSES", no que estamos a achegarnos ás diferentes culturas e nacionalidades presentes no noso Centro.



GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar