Logo dos encontros coas avoas e cos avós, que nos visitaron ao longo de outubro e novembro, agora chega o momento de recibirvos ás mamás e aos papás que queirades vir facernos desfrutar cun conto de Nadal, a contarnos como ides celebrar estas datas ou como era o Nadal cando erades pequenos, etc. Así, o pasado martes recibimos a primeira destas visitas, a de Natalia, mamá de Sofía, alumna de 6º Inf. A, que nos divertiu enormemente contándonos El cascanueces, nunha fermosa edición de Bruño, con texto de Katy Flint e ilustracións de Jessica Courtney-Tickle.
Con Natalia seguimos a Clara na súa máxica aventura a través deste ballet clásico, vibramos coa batalla do quebranoces contra o rei dos ratos, coñecemos á Fada de Azucre e até viaxamos ao Reino dos Doces.
Todos gozamos escoitando a Natalia e vendo as fermosas ilustracións do libro:
E mesmo comemos noces:
Pero unha das cousas que máis nos gustou a todos foi poder desfrutar coa música de El cascanueces de Chaikovski, grazas a esta edición de Bruño, que en cada páxina convirte a historia en música con só pulsar un botón.
Desde aquí queremos darche as grazas, Natalia, pola sesión tan divertida que nos ofreceches e por todo o que fixeches desfrutar a Sofía e aos seus compañeiros de 6º Inf. A. E ás mamás e aos papás que queirades virnos visitar e falarnos do voso Nadal, aquí vos agardamos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario