martes, 29 de enero de 2019

COÑECEMOS O TRABALLO DUNHA PSICÓLOGA CON MAITE

Dentro do proxecto dedicado a achegarnos ao mundo das profesións, continuamos a recibir visitas de mamás e papás que nos veñen falar dos seus oficios. Esta semana pasou pola biblioteca Maite, que mantivo un encontro coa súa filla Alejandra e cos seus compañeiros de 1ºA de Primaria, no que lles explicou en que consiste o labor dunha psicóloga.



Maite falounos do seu traballo con adolescentes nun Centro de Reeducación de Menores, e conversou con nós sobre dous temas fundamentais: as emocións e as normas.



Para tratar estes temas, Maite leunos, ademais, dúas obras que vos recomendamos a todos: O Monstro de cores, a xenial obra de Anna Llenas publicada pola editorial Flamboyant.



E El buen lobito, unha divertidísima historia escrita e ilustrada por Nadia Shireen, publicada en español por Bruño.



Para rematar a sesión, Maite propúxonos facer entre todos un mural baixo o título "Los buenos lobitos en el cole". Esta actividade serviunos para falar de normas fundamentais que debemos seguir, como respectar os compañeiros, colaborar cos demais, pedir as cousas por favor ou dar as grazas.


E nós queremos facer iso, dar as grazas a Maite por todo o que nos ensinou nesa horiña que pasou con nós. Grazas, Maite, por falarnos da túa profesión e por levarnos a navegar por un mar tan necesario como é o das emocións. Grazas tamén por axudarnos a reflexionar sobre as normas e sobre valores fundamentais como o respecto ou a solidariedade. Todos desfrutamos enormemente coa túa visita. Agardamos verte moi pronto de novo pola biblioteca.


lunes, 28 de enero de 2019

CELEBRAMOS UNHA NOVA SESIÓN DO CLUB DE BANDA DESEÑADA

A pasada semana celebramos unha nova sesión do Club de Banda Deseñada, no que os alumnos participantes puideron ver as numerosas novidades que chegaron nos últimos días para a sección de cómic e manga.




Unha vez máis, Brais Rodríguez, profesor de Educación Plástica, Visual e Audiovisual do centro, foi o encargado de amosarlles os diferentes títulos e de falarlles das carácterísticas propias de cada un, así como dos autores dos mesmos.





Este encontro serviu, ademais, para presentarlle aos rapaces a autora na que nos imos centrar neste trimestre: Emma Ríos. 


Obras como Mirror 1. El secreto de la montaña (Astiberri) ou a saga Bella Muerte, a bo seguro que nos van facer desfrutar nos próximos meses.

                                                                                                         

viernes, 25 de enero de 2019

OLGA EXPLÍCANOS COMO É O TRABALLO DUNHA TRADUCTORA

Onte tivemos o pracer de recibir a visita de Olga, mamá de Martina, que mantivo un encontro coa súa filla e cos seus compañeiros de 3ºB de Primaria para falarlles da súa profesión: traductora. 

Neste encontro, Olga, antiga alumna do centro, explicounos como é o traballo que realiza unha traductora, contounos todo o que estudou para poder desempeñar este labor, falounos de todas as linguas que domina e nos amosou o divertido que pode ser o mundo da tradución e da interpretación.
 




Tan ben nos explicou Olga a súa profesión, que captou a atención dos rapaces desde o primeiro momento.



Ademais, Olga nos trouxo exemplares en diferentes idiomas dunha das súas obras favoritas: O Principiño, o xenial libro de Antoine de Saint-Exupèry. Todos desfrutamos vendo esta obra fundamental en linguas tan diferentes á nosa como o árabe.



E por se todo isto fose pouco, Olga tróuxonos unhas actividades moi divertidas coas que rimos e aprendemos sobre os "falsos amigos", palabras parecidas pertencentes a linguas diferentes, as cales, a pesar da súa semellanza, significan cousas diferentes.



Queremos dar as grazas a Olga por regalarnos o seu tempo, por compartir con nós os seus coñecementos sobre o mundo da tradución, e por estar sempre aí, disposta a participar neste tipo de actividades. Grazas por formar parte da familia do Fogar.


jueves, 24 de enero de 2019

COÑECEMOS O TRABALLO DUN MECÁNICO DE AVIÓNS CON FRANCISCO E OS ALUMNOS DE 3ºC

Co comezo do 2º trimestre retomamos o proxecto central deste curso, dirixido a investigar sobre as profesións. Con el, continúan as visitas de mamás e papás que veñen falarnos dos seus oficios. Esta semana puidemos desfrutar da visita de Francisco e de Elena, pais de Alejandro, alumno de 3ºC de Primaria. Nela, Francisco nos contou como é unha profesión tan emocionante como a súa: mecánico de avións.



Francisco falounos das diferentes partes dun avión, do persoal que traballa neles e de como conseguen voar estes aparellos.



Tamén nos explicou todo o que hai que estudar para chegar a desempeñar un oficio como este, nos describiu como é o seu día a día no traballo, e nos falou dos rigorosos controis e exames que debe pasar todo avión para poder voar. Foron moitos os momentos interesantes que vivimos durante este encontro, pero se tivesemos que destacar algún, nos quedamos con dous: cando Francisco nos contou as súas emocionantes experiencias en diferentes países de África e Asia, e cando nos deixou probar distintos aparatos relacionados co seu traballo e cos avións.




Así de atentos estiveron os nenos e as nenas de 3ºC escoitando a Francisco.


Desde aquí queremos dar as grazas a esta parella xenial, Francisco e Elena, por facernos pasar unha mañá tan divertida e por ensinarnos tantas cousas sobre o mundo dos avións. Grazas aos dous por implicarvos tanto nas actividades do colexio. Sempre é un pracer recibirvos.


martes, 22 de enero de 2019

FACEMOS UN PROGRAMA DE RADIO CON ROBERTO

Como xa vos comentamos na entrada anterior, en decembro botamos a andar unha radio no noso colexio: RADIO FOGAR. Por este motivo, as nenas e os nenos de 5º de Infantil decidiron investigar sobre este tema. Ademais de toda a  informacióm que recolleron en clase e da que enviastes as familias desde as casas, tivemos o pracer de recibir a visita dunha persoa que sabe moito sobre radio: Roberto, papá de Ruth, alumna de 5ºInf. Roberto falounos de como funciona un aparato de radio, de como é unha emisora, das diferentes persoas que traballan nela, etc.

Encantounos cando nos contou a súa experiencia en Cuac FM, mais o que máis nos fixo desfrutar a todos foi cando nos ensinou a realizar un programa de radio. E para iso el e os pícaros realizaron "Somos de 5º", un divertidísimo programa radiofónico con tres convidados de luxo: Sabela, Leo e Ruth, alumnos de 5º.




Desde aquí queremos agradecer a Roberto e a Raquel, pais de Ruth, que nos ensinasen tantas cousas sobre a radio e, sobre todo, que o fixesen dun xeito tan divertido. Aos dous vos dicimos: foi un auténtico pracer compartir a tarde con vós.




lunes, 21 de enero de 2019

BOTA A ANDAR RADIO FOGAR

O pasado mes de decembro botou a andar no noso colexio RADIO FOGAR, un novo proxecto que comezamos con ilusión e que pretende que os estudantes se mergullen no apaixonante mundo dos medios de comunicación, que melloren o seu manexo das novas tecnoloxías e que teñan oportunidades para desenvolver a súa capacidade comunicativa e a súa creatividade a través desta actividade baseada no traballo colaborativo.

A primeira emisión foi posible grazas á visita do escritor Xosé Mª Lema, que pasou polo noso colexio para manter un encontro cos alumnos de 4ºESO. Nesta cita, Lema falou da súa obra Costa do Solpor (Xerais), novela de aventuras cuxa lectura fixo desfrutar aos estudantes de 4º no 1º trimestre.

Logo deste encontro, Rebeca e Lucía, alumnas de 4ºESO, entrevistaron a Lema, deixándonos sorprendidos a todos co seu bo facer como xornalistas. Non imaxinamos tres protagonistas mellores para a primeira emisión de RADIO FOGAR.


A todos aqueles que aínda non escoitastes a entrevista, vos animamos a facelo. Non tedes máis que picar aquí.

Esta é a primeira emisión de Radio Fogar, mais xa estamos a preparar as seguintes. E tal é a febre que espertou este tema no cole, que os nenos e as nenas e 5º e 6º de Infantil xa comezaron a investigar que será iso da radio.

Despedímonos dando as grazas ao noso compañeiro Óscar Nogueiras, sen o que esta entrevista e este ilusionante proxecto non serían posibles.