lunes, 21 de octubre de 2019

UNHA SEMANA DE AVÓS, PLANETAS, ESCRITORAS, CONTACONTOS E... ABRAZOS!

A pasada semana deu para moito na biblioteca do Fogar. Deu, por exemplo, para recibir a visita dunhas persoas que teñen moito que ensinarnos: os nosos maiores. Así, un curso máis, e dentro da actividade dirixida a celebrar o Día Internacional das Persoas de Idade (1 de outubro), tivemos o pracer de desfrutar da compañía de Isabel, de Moncho e de Ángel.

Isabel levounos de viaxe á súa terra, Andalucía, e da súa man coñecemos Valverde e nos achegamos ás marabillas dunha zona como Huelva. Con ela, desde a biblioteca, contemplamos as fermosas oliveiras, exploramos Doñana e admiramos as Minas de Riotinto. Todos desfrutamos enormemente coa visita de Isabel, avoa de Juan (3ºA de Primaria) e de Jorge (2ºB de Primaria), aos que desde aquí queremos dar a benvida ao noso colexio.




O avó Moncho, ao que agradecemos enormemente a súa implicación neste tipo de actividades, pasou pola biblioteca como en cursos anteriores para manter un encontro co seu neto Cristian e cos seus compañeiros de 3ºC de Primaria, aos que achegou a un tema do que é un auténtico experto: a historia. Con el aprendemos un pouco máis sobre o pasado da nosa cidade e o escoitamos moi atentos mentres nos falaba de Sir John Moore e a famosa Batalla de Elviña. 



Moncho, moi metido no mundo das asociacións histórico-culturais, nos describiu como organizan e desenvolven a recreación desta famosa batalla de Elviña, labor no que el participa activamente.



E tamén viaxamos ao pasado con Ángel, antigo profesor do noso colexio, que volveu durante unha horiña á súa casa, e que nos fixo vibrar a todos con algo terrorificamente divertido: os contos de lobos. Os pícaros de 6ºA e 6ºB de Infantil desfrutaron tamén escoitando falar a Ángel da súa infancia: de como era a escola naquel tempo, dos xogos cos que se entretiñan, etc.




Mais como no Fogar somos moi curiosos, a pasada semana tamén nos dedicamos a outra tarefa que nos encanta: investigar. Así, cada día pasaron pola biblioteca diferentes grupos para descubrir novas cousas sobre temas como o Samaín ou os mitos gregos.
En 4ºC de Primaria, por exemplo, buscaron información sobre os seres vivos e a súa clasificación, alimentación, reprodución...




En 5ºB, pola súa banda, fixeron o mesmo sobre outro tema diferente, pero igual de interesante: o universo.




Esta última foi unha temática que traballaron numerosos grupos a través do desenvolvemento de diferentes actividades e da realización de presentacións de traballos de investigación grupais. Este foi o caso, por exemplo, de 2ºA e de 4ºB de Primaria.




E, por suposto, outra das actividades que nos ocupou estes días foi a dos contacontos.
Un dos que máis fixo desfrutar aos pícaros foi o desenvolvido por Ángelo e Aarón, alumnos de 1ºESO A, diante do alumnado de 4ºB e 4ºC de Infantil. 


Todos o pasamos en grande cun conto que nos encanta: La máquina de los abrazos, de Scott Campbell, publicado pola editorial Andana.



E logo da súa lectura nos dedicamos a un dos nosos deportes favoritos: abrazarnos! Así, cada un dos pícaros foi sacando o nome dun compañeiro ao que, a continuación, abrazou. Todos tivemos, deste xeito, a nosa dose de cariño. 





Outro dos momenos estelares da semana o vivimos co contacontos que Irene, Claudia e Celina, de 5ºC de Primaria, realizaron para 5ºC de Infantil, empregando Gatiño e a neve, un fermoso álbum con texto de Joel Franz e ilustracións de Constanze v. Kitzing, publicado por Kalandraka.





Dentro do mes dos avós que estamos a desenvolver nestas semanas, foron varios os grupos que desfrutaron co álbum da editorial Blume ¡Quiero a mis abuelos!, escrito por Claire Freedman e ilustrado por Judi Abbot. Dous dos grupos que máis desfrutaron con este conto foron 5ºA e 5ºB de Infantil.



O outono foi outra das temáticas que máis contacontos ocupou. Grupos como 4ºA de Infantil aprenderon máis cousas sobre esta estación grazas a obras como Otoño, de A. Claybourne e S. Lewis, publicado por Timun Mas.



E no medio do frío e chuvioso outono, quixemos quentarnos un pouco deixándonos envolver pola imaxinación dun dos grandes autores da literatura infantil: Quentin Blake. O seu álbum Os petos de Loreto fíxonos desfrutar a través das mil e unha sorpresas que a protagonista garda nos petos do seu abrigo. Os alumnos de 1ºB de Primaria pasárono xenial con este álbum publicado por Kalandraka, que vos recomendamos a todos.



Os alumnos deste grupo, ensaiaron, ademais, unha pequena sorpresa que están preparando coa súa profe Pili para os máis pequenos. Polo de agora no podemos desvelar o segredo...



O Día das Escritoras, que se celebra o 15 de outubro, foi outra das temáticas que traballaron diferentes grupos esta semana, por exemplo, a través da lectura de obras como Las niñas serán lo que quieran ser, de Raquel Díaz Reguera, publicada por Beascoa. 



Logo de escoitar a lectura deste álbum, os nenos e as nenas de 4ºA de Primaria mergulláronse nos fondos da biblioteca na procura de obras escritas ou ilustradas por mulleres, un labor de investigación grazas ao cal puideron coñecer autoras e libros que lles encantaron.



Desde aquí queremos dar as grazas a todas aquelas persoas que facedes que a biblioteca do Fogar funcione día a día. Estudantes, familias e compañeiros do centro. Agardamos e desexamos que este curso que acabamos de comezar con moita ilusión vos traia a todos enormes alegrías e que xuntos poidamos desfrutar dos diferentes proxectos que se van desenvolver ao longo destes meses.



No hay comentarios:

Publicar un comentario