A medida que se ía aproximando a chegada do Día Internacional do Libro (23 de abril), a biblioteca foise convertendo nun verdadeiro fervedoiro de contacontos, nos que os libros, o teatro e os pícaros foron os grandes protagonistas.
Agora que comezamos a desfrutar do bo tempo e que todos facemos máis vida ao aire libre, o contacto coa natureza sitúanos ao carón de todo tipo de pequenos animaliños. Disto foi do que nos falaron Enma e Chloe, alumnas de 5ºA de Primaria, quenes, a través das divertidas ilustracións creadas por Hélène Convert para o álbum Los bichos al dedillo (Combel), achegaron os nenos e as nenas de 4º de Infantil ao mundo das xoaniñas, as moscas, as bolboretas, os saltóns, as lombrigas, as abellas ou as cetonias.
Este non foi o único contacontos que puideron desfrutar os nenos e as nenas de 4º de Infantil. Así, grazas a Marian, a Iria, a Sofía, a Yaiza e a Daniela, alumnas de 6ºC de Primaria, os pícaros tamén viviron unha divertida sesión arredor do álbum A sopa queima (OQO), de Pablo Albo e André Letria.
Olivia, Noa, Mencía, Lucía, Isabella e Ana Lucía, alumnas de 5º de Primaria, tamén lle quixeron demostrar aos nenos e ás nenas de 5º de Infantil que os libros poden ser moi divertidos, polo que leron para eles un dos fermosos álbumes de Anna Llenas, Te quiero (casi siempre). Con esta obra publicada por Espasa, traballamos o respecto á diferenza.
E tamén os nenos e as nenas de 6º de Infantil viviron a maxia dos contos grazas a Uxía Boquete, Uxía Astray, Irene e Martina, alumnas de 6º de Primaria. Con elas coñeceron a terrible cabra cabresa, do álbum O coelliño branco (Kalandraka), libro baseado nun conto popular portugués convertido xa nun verdadeiro clásico da literatura infantil grazas á Xosé Balesteros e Óscar Villán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario