sábado, 16 de abril de 2016

UNHA RATIÑA MOI PRESUMIDA, UNHA PANTASMA CON ASMA E UNHAS ORELLAS DE MARIPOSA

Esta semana desfrutamos na biblioteca dunha obra de teatro enormemente divertida, desenvolvida por un fantástico grupo de actrices de 4ºC de Primaria. A obra representada foi A ratiña presumida, que neste caso tomou como referencia a orixinal adaptación do conto clásico realizada para Kalandraka por José Antonio López Barreño, con ilustracións de Sarah Webster. Inés Mena Sierra, Lucía Perticaro Corsani, Susana Qiu Yiyuan, Alba Souto Sainz, Noa Tenreiro Fraga e Mireia Villamor Monterroso foron as encargadas de representar esta obra, que fixo gozar enormemente aos nenos de 6º de Infantil C que asistiron á mesma.









E logo de desfrutar coa representación, os pequenos colorearon uns debuxos alusivos á obra, elaborados por estas xeniais actrices de 4ºC:






Estes días tamén asistimos na biblioteca ás aventuras dun ser moi especial, protagonista dunha obra moi divertida: Unha pantasma con asma (Kalandraka), escrita por Carmen Gil e ilustrada por Sarah Webster. Esta historia rimada e con grandes doses de humor, amosounos que até as pantasmas poden chegar a contraer enfermidades, especialmente se viven en ambientes insalubres ou solitarios. Porén, as divertidas rimas deste conto amosáronnos un remedio infalible que cura todos os males: a compaña e o cariño.



Os tres grupos 5º de Infantil asistiron á lectura da obra, que nalgúns casos correu a cargo de alumnos de ESO, como Icía Varela Gómez (4ºESO B) e Amanda Villamar Piñeiro (1ºESO A):




E logo da lectura chegou a hora de elaborar unha pantasma, ben equipada co seu gorro e a súa bufanda, ao igual que o protagonista do conto. Para isto, os pequenos contaron coa axuda de varias das colaboradoras habituais da biblioteca: Clara Fandiño Fontecoba, Natalia Mouriño Domínguez e Julia Rey Rodríguez, as tres de 3ºESO B.









E así quedaron as pantasmas feitas polos nenos de catro anos, as cales xa están a decorar a biblioteca:





E para rematar o resumo das actividades máis destacadas da semana, lembramos outro dos contos que escoitamos estes días na biblioteca: Orejas de mariposa (Kalandraka), unha fermosa historia creada por Luisa Aguilar, acompañada dunhas xeniais ilustracións de André Neves. Esta obra está protagonizada por Mara, unha nena moi especial á que ninguén conseguirá restar valor, pois a súa nai regaloulle a clave para saír vitoriosa das críticas e das burlas: autoestima, imaxinación e espontaneidade.



Esta semana foron os nenos de 2ºB e de 3ºB de Primaria os que puideron gozar con esta obra, que nos levou a reflexionar sobre aspectos como o noso valor como persoas, as nosas diferenzas e particularidades, os xeitos de reaccionar ante unha burla... A próxima semana serán os pícaros de 2ºC e 3ºC os que veñan á biblioteca a coñecer a historia de Mara.

Os encargados de achegar esta fermosa historia aos nenos de 2ºB foron Vitor Barallobre Mata e Ángel Sánchez Fernández, alumnos de 3ºESO B.



E así despedimos unha semana na que o Fogar xa comezou a vestirse de gala de cara a unha das festividades que máis nos gusta: o Día do Libro, que se celebra o vindeiro sábado, 23 de abril.





No hay comentarios:

Publicar un comentario