Na última entrada vos amosamos cales foron os dez libros máis prestados na biblioteca ao longo deste curso nos niveis de Infantil e Primaria. Agora, vos deixamos aquí os máis prestados en ESO, FP e Bacharelato:
10. O Enigma dos Nove Sepulcros (María Acosta Díaz): unha emocionante novela de Fantasía e Aventuras creada pola escritora coruñesa María Acosta e publicada por Urco Editora, un proxecto editorial nado no 2007, ao que lle temos que agradecer a publicación en lingua galega de literatura de calidade dos xéneros de Terror, Fantasía e Ciencia-Ficción. Un dos títulos desta editorial que mellor funcionou este curso na biblioteca do Fogar foi O Enigma dos Nove Sepulcros, no que un mozo da Coruña atopa, mentres percorre a Cidade Vella, un sumidoiro aberto nunha calella, e descende por el para pescudar. Unha porta pintada na parede dálle acceso a un mundo fantástico onde, acompañado polo seu amigo Brains, vivirá unha chea de aventuras polas terras de Gapsiq, na procura da solución do Enigma dos Nove Sepulcros.
9. A estrada (Cormac McCarthy): esta novela post-apocalíptica, publicada en galego por Kalandraka, cunha fantástica tradución de Eva Almazán, foi o noveno libro máis prestado entre os "maiores". Nela asistimos á viaxe de supervivencia dun pai e do seu fillo, por un mundo frío e sombrío no que todo está morto ou extinguido por mor dunha catástrofe nuclear. Empurrando un carriño pola estrada, os dous protagonistas camiñan cara ao sur, buscando a salvación, levando como única protección unha pistola para se defenderen dos bandidos.
8. Donde los árboles cantan (Laura Gallego): sen dúbida, Laura Gallego foi unha das autoras que máis fixo desfrutar os rapaces do Fogar este curso, feito que queda demostrado se temos en conta que entre os dez libros máis prestados encontramos tres da súa autoría. Un deles é este que nos ocupa, publicado por SM, unha novela chea de fantasía, de aventuras e de amor.
7. La caída de los reinos (Morgan Rhodes): o primeiro libro dunha saga, publicada por SM, que nos achega a unha historia fascinante na que a maxia, as aventuras, o amor e as loitas polo poder nos fan desfrutar desde a primeira páxina. Con tres reinos enfrontados, Limeros, Paelsia e Auranos, a guerra está a piques de estoupar. Ti de que lado estás?
6. O xogo de Ender (Orson Scott Card): unha obra mestra da Ciencia-Ficción, gañadora de dous dos premios máis prestixiosos do xénero: o Premio Nébula (1985) e o Premio Hugo (1986). Nela vemos como a humanidade descobre que non está soa no Universo, mais faino dun xeito terrible: os abázcaros intentan, por dúas veces, conquistar e aniquilar os humanos. Estes conseguen salvarse, mais no 2070, o medo a unha terceira invasión leva a que todos os países, unidos baixo un mesmo mando, realicen unha derradeira aposta desesperada: comezan a adestrar nenos para que defendan a Terra dos abázcaros, e Andrew Ender Wiggin, un destes pequenos, pode ser a última esperanza da humanidade. Publicada en galego por Urco, esta emocionante novela foi unha das que máis chamou a atención dos lectores de Secundaria.
5. Bajo la misma estrella (John Green): unha novela tan divertida como conmovedora, sobre a vida e a morte, protagonizada por Hazel e Gus, dous adolescentes con cancro a quen esta enfermidade lles ensinou que non existe tempo para lamentacións, tan só o "hoxe" e o "agora". Unha obra para rir e chorar a partes iguais, publicada en español por Nube de tinta.
4. Emily the Strange: Los días perdidos (Rob Reger e Jessica Gruner): a primeira entrega da orixinal saga protagonizada por Emily, unha rapaza de trece anos, cunha longa melena negra, ollos tamén negros e que viste de negro. Emily prefire ser diferente e ver as cousas ao seu propio xeito. Os seus mellores amigos son catro gatos, adora as matemáticas e facer listaxes que conteñan trece números, e a súa felicidade sería completa se Hello Kitty desaparecese para sempre. Neste primeiro volume da saga, publicada por SM, Emily esperta en metade dun parque abandonado e non sabe nin o seu nome. Unicamente ten un tiracroios, un bolígrafo e un caderno de notas que, quizais, conteña algunha pista sobre ela. Como chegou até alí?
3. Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz): unha novela apaixonante, na que o medo e o misterio manteñen a tensión até o final, facendo ao lector partícipe da agonía que transmite a historia. Nela atopamos o escritor Xabier Louzao, que logo dunha longa estadía en Québec, volve a Galiza e encontra unhas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Nelas, iremos descubrindo os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Mais alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a terribles misterios...
2. Crónicas de la Torre I: El Valle de los Lobos (Laura Gallego): o primeiro libro da saga fantástica protagonizada por Dana, unha moza nacida para facer grandes cousas no eido da maxia, e por Kai, o seu amigo, o seu confidente, o seu protector..., co que xurdirá unha relación moi especial. Trátase dunha serie que nos leva a un mundo poboado por seres máxicos e criaturas sobrenaturais, e que cativou os lectores que se aventuraron nela. Para todos aqueles que non a lestes este curso, a saga completa, publicada por SM, está a agardar por vós na biblioteca do Fogar.
1. Memorias de Idhún. La Resistencia. Libro I: Búsqueda (Laura Gallego): esta foi a obra máis prestada entre os "maiores" ao longo deste curso, pertencente á coñecida saga de literatura fantástica creada por Laura Gallego e publicada por SM. Esta serie transcorre en varios mundos: a Terra, Limbhad e, por suposto, Idhún, o mundo dos tres soles e das tres lúas. Trátase dunha historia que vos fará vibrar desde o primeiro momento, mentres acompañades a Jack, a Victoria e aos demais na aventura máis grande das súas vidas, nunha loita por salvar os idhunitas do goberno de Ashran o Nigromante e os sheks, as temibles serpes aladas.
Para que vos fagades unha idea do que vos encontraredes aqueles que decidades mergullarvos nas páxinas da saga Memorias de Idhún, aquí vos deixamos unha das creacións presentadas ao "I Concurso de Cortos y Booktráilers inspirados en libros de Laura Gallego", elaborada por Miriam Ríos Sandoval: