viernes, 23 de diciembre de 2016

CONCERTOS, ESCRITORES, CONTOS E MOITO MÁIS POLO NADAL

Estas últimas semanas vivimos no Colexio un ambiente de Nadal que se viu reflectido nas múltiples actividades que levamos a cabo, centradas nesta celebración. Unha das que máis nos fixo desfrutar foi, sen dúbida, a visita de Xoán González, autor dunha serie de libros dedicada á figura do Apalpador, publicada por Biblos. Con Xoán, nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria puideron achegarse máis a esta figura do Nadal galego. 



Na biblioteca, lemos os contos de Xoán, que nos foi explicando quen era este famoso Apalpador.





Ademais, Xoán nos obsequiou coa lectura da súa última obra: O Apalpador e o arco da vella, tamén publicada por Biblos:





Os alumnos seguiron, atentos, a sesión cun home, Xoán G., que nos gañou a todos coa súa amabilidade e co seu sentido do humor. Moitas grazas, Xoán, por todo o que nos ensinaches.



A visita de Xoán González vense sumar á de autores como Núñez Singala e Andrea Maceiras, que tamén se achegaron ao Fogar nestas últimas semanas do primeiro trimestre. Núñez Singala mantivo un encontro co alumnado de 3º da ESO, que xirou arredor da súa obra O achado do castro (Galaxia), lectura marcada para este nivel neste comezo de curso. Todos aqueles que queirades coñecer como transcorreu esta sesión non tedes máis que picar aquí.



Pola súa banda, Andrea Maceiras visitounos para achegar ao alumnado de 4º da ESO e de 2º de FPB á súa obra Europa Express (Xerais), lectura coa que os estudantes destes niveis desfrutaron no 1º trimestre. Se queredes saber máis acerca deste encontro, picade aquí. No noso blog irmán A chave e o mundo, acharedes toda a información que queirades.



E as visitas de autores non fixeron máis que comezar, pois durante o que queda de curso outros escritores, como Fran Alonso ou Manolo Rivas, tamén virán até o Fogar a achegar os nenos e as nenas do Centro a ese océano de fantasía, experiencias e emocións que son os libros.

Mais no Fogar non só recibimos a visita de escritores, senón tamén de artistas de ámbitos como a música. E músicos é o que son, precisamente, Mero Iglesias (membro do grupo "A Quenlla") e Raúl Galego (un dos mellores gaiteiros da actualidade e antigo alumno do Fogar), que na mañá do pasado día 20 nos visitaron para realizar co alumnado de 2º e 3º da ESO un concerto-coloquio no que os grandes protagonistas foron os cantos de Nadal, e que nos deixou momentos coma estes:





Se queredes saber máis sobre este concerto, picade aquí. Encontraredes fotos e vídeos da sesión.

Outras figuras, típicas destas datas, tamén se deixaron ver polo Centro estes días. Así, os Reis Magos fixeron as delicias dos pequenos, que tamén desfrutaron co Apalpador, que desde as fermosas terras do Courel, se achegou até as aulas de Infantil:









Os nenos e as nenas de 6ºInf. co seu carné que os acredita como membros do selecto "Club dos Apañacastañas", isto é, axudantes oficiais do Apalpador.

Na biblioteca asistimos a un final de trimestre no que as lecturas relacionadas co Nadal foron as grandes protagonistas. Os diferentes grupos de Infantil puideron desfrutar con obras como O Apalpador (Biblos), de Xoán González. Aquí tedes a Martín, a Miguel e a Víctor  (5ºC de Primaria) lendo este álbum aos pícaros de 5ºInf. C:






Outros grupos, como 5ºInf. A, tamén gozaron con esta obra:




Outra obra de Xoán G., O Apalpador e a castaña máxica (Biblos), tamén foi protagonista dun bo número de sesións. 



Ana e Alba (5ºB de Primaria), foron as encargadas de achegar este álbum aos pícaros de 6ºInf. B:






Alba repetiu, esta vez xunto a Sara (5ºB de Primaria), para ler esta obra aos pícaros de 4º de Infantil:



Outros grupos puideron gozar tamén con esta obra:





E  non podemos deixar de amosarvos estes fermosos "Apalpadores" realizados polos nenos e as nenas de 1º e 2º de Primaria, que serviron para decorar estes días os corredores da Gardería e de Infantil:





Moitos outros contos relacionados co Nadal fixeron as delicias dos pequenos estes días. Entre eles, un dos que máis nos fixo desfrutar foi un protagonizado por unha figura tan típica destas datas como un reno: Renato (Kalandraka), un fermoso álbum escrito e ilustrado por Manolo Hidalgo, que nos achega á historia de Renato, que se pon moi triste porque a súa cornamenta se enreda nas árbores do bosque, o cal  fai que os outros animais se burlen del. Mentres procura unha solución, acontecerá algo que lle fará darse conta de que hai problemas que, fronte aos problemas "verdadeiros", son, en realidade, insignificantes.



Alba Seijas e Alba Iglesias (5ºC de Primaria) dramatizaron para os pícaros de 5ºInf. B esta fermosa historia que nos fala de valores tan importantes como a solidariedade ou a colaboración.










Olivia y la carta a los Reyes Magos (SM), escrito por Elvira Lindo e ilustrado por Emilio Urberuaga, foi outra das obras que nos fixo desfrutar estes días.  Neste álbum vemos como Olivia, a protagonista da historia, se atopa ante un problema enorme: ten que escribir a carta aos Reis Magos e só pode pedir catro agasallos. As dúbidas a asaltan. Menos mal que para axudala está aí o seu avó, que lle ensinará que o importante é non perder nunca as ganas de divertirnos.



Adriana, Óscar e Carmen (5ºB de Primaria) dramatizaron para os nenos e as nenas de 6º de Inf. este álbum, que nos ensina a ser moderados nas nosas peticións de Reis, e nos lembra a importancia de valorar a imaxinación e a creatividade por enriba dos xoguetes mecánicos.






Unha personaxe como Papá Noel tamén tivo protagonismo nestes días, por exemplo, na sesión na que lemos Querido Papá Noel (Parragón), de Gabi Goldsack.


Alba e Sara  (5ºB de Primaria) foron as encargadas de ler esta obra aos nenos e ás nenas de 4º de Inf.




E non queremos rematar esta entrada sen dar os parabéns a dúas alumnas de 6ºA, Ainhoa e a Shaila, que estes días saían na prensa, no diario Yes (La Voz de Galicia), presentándonos o seu impresionante "Belén":

Para saber máis sobre este "Belén" tan especial, podedes picar aquí. Viaxaredes directamente até outro dos nosos blogs irmáns, O Ensino na Aula.




GuardarGuardar