Na tarde de onte tivemos o pracer de recibir no Fogar a un deses autores que fan lectores, que achegan a literatura á xente nova, sen artificios innecesarios, falándolles de ti a ti. Amosándolles que a literatura é algo cercano, natural e, sobre todo, que é alimento.
Como ben dixo Fran durante o encontro, os libros son un elemento sen o que podemos vivir perfectamente; de feito moita xente así o fai. Porén, os libros son viaxes, imaxinación, lugares, experiencias, sentimentos... Mergullarse nun libro é abrir as fiestras e ollar mil mundos. Si, todos podemos vivir sen libros, mais con eles vivimos máis e mellor, sentimos máis e mellor, viaxamos máis e mellor.
Este encontro tivo como público o alumnado de 1º e 2º da ESO, que se puido achegar así ao autor de Contos nerviosos, obra que leron e desfrutaron este curso. Este libro sorprendente e no que o inesperado xorde coa forza que transmite Fran en cada palabra, está publicado por Edicións Embora, unha editorial valente, que cada día vai gañando máis presenza dentro do panorama literario galego, con apostas tan interesantes como as coleccións A igualdade conta e Fardel dos soños.
Aquí vos deixamos algunhas fotos do encontro:
E logo de escoitar a Fran Alonso, chegou a hora de asinar os libros:
Todos aqueles que desexedes coñecer máis cousas acerca deste autor xenial, non tedes máis que picar aquí. E os que queirades achegarvos ao proxecto editorial de Edicións Embora, podedes picar aquí.