Foron moitos os avós e as avoas que nos visitaron no noso "Mes dos avós". Tanto é así, que a actividade, programada para o mes de outubro, prolongouse até finais de novembro. Non queriamos que ninguén quedase sen a oportunidade de compartir un momentiño co seu neto e co grupo deste. E por suposto, a todos os que fixestes posibles estes encontros, vos damos as grazas.
Grazas, Moncho, por compartir co teu neto Cristian e cos seus compañeiros de 2ºA un momento como todos os que pasamos contigo cada vez que nos visitas: divertido e cheo de bos consellos. Consellos como os que nos deches neste último encontro, mentres falabas cos pícaros sobre diferentes profesións.
Grazas a ti tamén, Paula, por facernos desfrutar coa beleza dos contos clásicos contados con esa tenrura da que só son capaces as avoas. O teu neto Edu e os seus compañeiros de 5ºInf.B pasárono en grande escoitándote.
Grazas a Chus, avoa de Enzo, que tamén nos regalou o seu tempo e pasou pola biblioteca para facer desfrutar ao seu neto e aos seus compañeiros de 4ºInf C coa maxia dos contacontos.
Grazas tamén a ti, Sara, por demostrarnos que un conto de monstros pode ser moi divertido. O teu neto Nico e os seus compañeiros de 6ºInf.A desfrutaron enormemente co teu bo facer como contacontos.
Grazas, Marisa, que xunto coa túa filla Sonia e a túa neta Sofía nos regalastes un dos contacontos máis divertidos e orixinais deste trimestre. Todos os compañeiros de Sofía, de 6ºInf.A, asistiron, moi atentos, ao espectáculo de monicreques que fixestes para nós. Sen dúdida, as tres, formades un equipo xenial!
Grazas tamén a ti, Lela, por achegarnos ao apaixonante mundo dos dinosauros a través da obra Gigantosaurio (Ediciones Fortuna), de Jonny Duddle. Contigo, a túa neta Carmen e os seus compañeiros de 6ºInf.B puideron desfrutar dun contacontos cheo de sorpresas, con diferentes voces, moitas gargalladas e mesmo algún susto.
Grazas, Nieves, por facer desfrutar á túa neta Carlota e aos seus compañeiros de 6ºInf.B dun "mar de contos", e por facelo con tanta paciencia e sentido do humor.
Grazas, Oliva e Santi, que nos visitastes para conversar cos vosos netos Brais e Iago, e cos seus compañeiros de 6ºInf.B sobre mil e un temas. Gustounos especialmente o momento no que nos falastes da vosa infancia, de como eran os xogos nesa época e de como era a vosa escola. Grazas por compartir eses recordos con nós.
Grazas tamén a Tato e a Tata, que falaron co seu neto Gael e cos seus compañeiros de 6ºInf.B sobre o mundo da construción e da arquitectura, un ámbito no que Tato leva traballando moitos anos. Tato nos amosou as diferentes etapas de construción dun edificio, nos falou dos diferentes profesionais que interveñen neste proceso, nos lembrou algunhas das principais máquinas e ferramentas empregadas neste ámbito, e nos mostrou algunhas das súas creacións.
Grazas a ti, Germán, por visitarnos unha vez máis para agasallarnos cunha extraordinaria sesión de contacontos arredor dunha obra que nos encanta: Corre corre, cabaciña (OQO), de Eva Mejuto e André Letria. A túa neta Leda e os seus compañeiros de 5ºInf.C riron e sufriron coas aventuras desta velliña que, de camiño ao casamento da súa neta, se atopa con tres feras. Só a astucia lle permitirá saír sa deste encontro.
Grazas, Dolores por compartir coa túa neta Sabela e cos seus compañeiros de 5ºInf.A a maxia dos contos, por lembrar con nós a túa infancia, por explicarnos como eran os xogos de cando eras nena, e por tratarnos con tanto cariño a todos.
Grazas a ti tamén, Juan, que non só nos permitiches gozar dun contacontos, senón que tamén nos descubriches unha das túas facetas: a de inventor. Encantounos escoitar como falabas das túas inxeniosas creacións, como a que lle amosaches ao teu neto Roque e aos seus compañeiros de 1ºA de Primaria.
Grazas, Carmela, por compartir con nós a túa enorme experiencia como cociñeira, por darnos a coñecer receitas tan saborosas como o mee goreng e por regalarnos valiosos consellos sobre como preparar a túa especialidade: a paella de marisco. Á túa neta Mónica e aos seus compañeiros de 3ºA de Primaria encantoulles escoitar como falabas con tanta paixón dese mundo que adoras. E grazas tamén por agasallarnos cun fantástico contacontos arredor dunha obra xenial: Axente riciños (Xerais), con texto de El Hematocrítico e ilustracións de Alberto Vázquez.
E para despedirnos, aquí vos deixamos o agasallo que elaboraron os pícaros de 1ºB de Primaria para Lurdes, avoa de Jimena, en agradecemento pola súa visita.