jueves, 28 de febrero de 2019

ACHEGÁMONOS AO MUNDO DA DANZA CON BÁRBARA

Hai uns días tivemos o pracer de recibir a visita de Bárbara, profesora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, que mantivo un encontro coa súa filla Inés e cos seus compañeiros de 3ºA de Primaria, no que nos falou da súa paixón: a danza.




Bárbara nos explicou en que consiste o seu traballo no Conservatorio, como son as clases que imparten aos alumnos, que tipo de actividades desenvolven, etc. Ademais, nos achegou á figura da bailarina e coreógrafa cubana Alicia Alonso, a través dunha das nosas obras favoritas: Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes (Destino), de Elena Favilli e Francesca Cavallo.



A todos vos recomendamos achegarvos a este mito da danza, famosa polas súas interpretacións de Giselle e Carmen, ademais de moitas outras obras do repertorio clásico e romántico.



Tamén vos recomendamos, por suposto, a lectura de Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes e Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes 2, ambos publicados por Destino, e cos que poderedes coñecer figuras como Jane Goodall, Nina Simone, Marie Curie, Isadora Duncan ou Rigoberta Menchú.
Desde aquí queremos dar as grazas a Bárbara por todas as cousas que nos ensinou sobre a danza e por facernos desfrutar tanto con diferentes espectáculos de ballet que nos encantaron, como O Principiño ou O Quebranoces.







miércoles, 27 de febrero de 2019

BEATRIZ NOS ACHEGA AO TRABALLO DUNHA AUXILIAR DE ENFERMERÍA

Hai uns días recibimos a visita de Beatriz, mamá de Andrea, alumna de 3ºC de Primaria, que nos visitou para explicarnos en que consiste o traballo dunha auxiliar de enfermería. 



Neste encontro, Andrea e os seus compañeiros fixeron un montón de preguntas sobre un tema que lles interesou moito. Beatriz respondeu a todas elas co sentido do humor que a caracteriza.




Beatriz ensinounos moitas cousas: como reaccionar ante determinados accidentes, como medirnos o pulso, como poñernos guantes de maneira axeitada para evitar transmitir infeccións...



Sen dúbida, aprendemos un montón sobre o noso corpo, sobre primeiros auxilios e sobre a profesión de auxiliar de enfermería. Por todo isto, Beatriz, dámosche as grazas.


martes, 26 de febrero de 2019

CONTINUAMOS A CELEBRAR O "DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA" CO DEPARTAMENTO DE CIENCIAS

O concurso organizado polo Departamento de Ciencias para celebrar o "Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia" continúa, e xa temos gañadores do último reto que propuxeron aos estudantes. E cal era este? Pois aqueles alumnos que desexasen participar, debían deseñar un cartel promocional da científica que máis admirasen (polos seus logros sociais, científicos, etc.).

Foron moitos os estudantes que se animaron a participar e resultou moi difícil escoller os carteis gañadores. Finalmente, o xurado elixiu as creacións de Gissela Bouzas Neira (3ºESO B), Ana García Sánchez (2ºBach. B), Aldara Vaamonde Sande (2ºESO B) e Angélica Buján Vázquez (2ºESO A). Aquí vos deixamos a foto das gañadoras, xunto con parte do profesorado do Dep. de Ciencias, organizadores do concurso.



O nome das gañadoras foi anunciado nunha gala presentada polo noso Director, Marcos, integrante tamén do Dep. de Ciencias, e na que todos os estudantes participantes recibiron o seu correspondente diploma.




Queremos agradecer ao alumnado participante o esforzo amosado e darlle os parabéns pola calidade dos carteis presentados.











lunes, 25 de febrero de 2019

RADIO FOGAR: ENTREVISTA AO ILUSTRADOR XOSÉ COBAS

Dentro do Plan Lector e do PLAMBE 2019, hai uns días tivemos o pracer de recibir no noso colexio a visita dunha das figuras máis destacadas do mundo da ilustración: Xosé Cobas. Este pintor, deseñador gráfico e ilustrador nado en Negreira, mantivo un encontro co alumnado de 1º e 2º da ESO no que falou dos seus traballos e nos deixou boa mostra da súa xenialidade artística creando durante a sesión dúas obras inspiradas na figura e na obra dun grande como amigo e como escritor: Xabier P. Docampo.

Precisamente, boa parte da sesión estivo dedicada a falar dun dos nosos autores favoritos, Xabier P. Docampo, falecido no 2018 e co que Cobas mantiña unha forte relación de amizade e profesional. De feito, foi Cobas quen ilustrou algunhas das obras máis coñecidas de Docampo.

Para que todos vós puiderades desfrutar tamén deste artista xenial, decidimos facerlle unha entrevista. Alba Soutullo e Víctor Martín, estudantes de 1ºESO, foron os encargados de preparala e realizala. Os que desexedes escoitala, non tedes máis que picar aquí.


Todas as entrevistas e demais gravacións de Radio Fogar podédelas encontrar na páxina web do colexio, www.fhsm.es, indo até o apartado "Biblioteca" e picando en O Fogar da Radio.

Non queremos despedirnos sen antes dar as grazas a aqueles que fixeron posible esta entrevista. En primeiro lugar, grazas a Xosé Cobas por ensinarnos tanto, e á Editorial Xerais por facer posible este encontro. Grazas tamén a Alba e a Víctor polo fantástico traballo que levaron a cabo e por toda a ilusión que amosaron nesta actividade. E grazas, por suposto, aos que se encargaron da parte técnica: Paulino, Óscar e os estudantes da materia de Tecnoloxía de 4ºESO C.

martes, 19 de febrero de 2019

UNHA OLLADA AO PASADO CON ASUNCIÓN E MANOLO

Onte recibimos a visita de dous veteranos nestes encontros cos rapaces, Asunción e Manolo, que sempre se prestan a regalarlle o seu tempo e as súas experiencias aos seus netos Enma e Dani e aos compañeiros destes. Nesta ocasión, estes dous superavós mantiveron unha charla cos pícaros de 1ºA e 2ºA de Primaria, na que nos fixeron viaxar ao pasado, aos días da súa infancia, para explicarnos como era iso de ser neno naquel tempo.



Asunción e Manolo nos falaron de moitos temas: os xogos, a comida, a escola, a casa, a roupa, a unión entre os veciños, etc. Unha das cousas que máis chamou a atención dos pícaros foi a morea de obrigas que un neno daquela época tiña sobre as súas costas, como por exemplo, levar o gando a pacer e coidalo, algo que motivaba que moitos dos nenos da época deixasen pronto a escola, para dedicarse a esas tarefas.

Mais as visitas de Asunción e Manolo sempre están cheas de sorpresas. Desta vez, trouxéronnos algunhas das pezas do seu museo, utensilios da época, como un candil, un muíño de café e unha antiga prancha de ferro. Con eles aprendemos para que servían estes obxectos e como se utilizaban.




Como sempre que nos visitan, foron moitas as cousas que aprendemos con Asunción e con Manolo; por iso, aos dous, queremos darvos as grazas. Grazas por ser como sodes, por falarnos con tanta paixón dos tesouros do voso museo, por ensinarnos a apreciar o valor das pequenas cousas do día a día, e por amosar sempre tanto cariño polos nenos do Fogar. Como vos dixemos onte: esta é a vosa casa.



lunes, 18 de febrero de 2019

CON WINDER COÑECEMOS O QUE É UNHA EMPRESA DE TRANSPORTE URXENTE E MENSAXERÍA

Como xa sabedes, o tema central do proxecto que propuxemos este curso desde o Plan Lector é o mundo das profesións. Unha parte moi importante do proxecto o constitúen as visitas de profesionais de diferentes sectores que están a acudir á biblioteca para presentarnos distintos oficios. No que vai de curso xa nos visitaron diferentes profesionais do mundo da sanidade, da banca, da tradución, etc. Hai uns días tivemos o pracer de recibir a Winder, que nos visitou para falar cos pícaros de 6ºInf. B sobre o mundo do transporte e a mensaxería. Winder nos explicou como é o seu traballo nunha empresa de transporte urxente e mensaxería e nos contou algúns segredos dese mundo.



Con el aprendemos a enviar un paquete, realizando todos os pasos correctamente.




Queremos dar as grazas a Winder por dedicarnos o seu tempo e por ensinarnos tantas cousas sobre o transporte e a mensaxería.


jueves, 14 de febrero de 2019

HOXE EN RADIO FOGAR ENTREVISTAMOS A... KEVIN

O curso pasado chegou ao noso colexio unha persoa que nos cativou a todos desde o primeiro momento. Esa persoa é Kevin, que procedente de Kenia aterrou no Fogar para desenvolver o seu labor como auxiliar de conversa co alumnado de Primaria e Secundaria. Con el mellorou o noso inglés, pero tamén o noso coñecemento do seu país e da súa cultura. 

Desde Radio Fogar quixemos que vós, as familias, tamén coñecerades a Kevin, polo que decidimos realizarlle unha entrevista. Os encargados de facelo foron Estela, Olaia, Diego Rodil e Diego Otero, estudantes de 6ºB de Primaria. O traballo destes catro pequenos-grandes xornalistas foi, sen dúbida, extraordinario.


Sen máis preámbulos, aquí vos deixamos a entrevista, na que Kevin nos fala da súa vida en Kenia, da súa chegada ao Fogar, das súas comidas favoritas, do seu amor polo baloncesto,  etc. Aqueles que desexedes escoitala non tedes máis que picar aquí

Desde aquí queremos felicitar a Estela, a Olaia, a Diego Rodil e a Diego Otero polo fantástico traballo realizado. Tamén queremos agradecer a Kevin que nos regalase o seu tempo para levar a cabo esta actividade. E, por suposto, tamén queremos dar as grazas unha vez máis ao noso compañeiro Óscar, por facer que este proxecto de Radio Fogar sexa posible.





miércoles, 13 de febrero de 2019

ADELA FAINOS DESFRUTAR CON "ZAIRA Y LOS DELFINES" E NOS EXPLICA COMO É O TRABALLO DUNHA TELEOPERADORA

Estes días recibimos a visita de Adela, que pasou pola biblioteca para manter un encontro coa súa filla Zaira e cos seus compañeiros de 3ºA de Primaria. Nesta sesión, Adela fíxonos desfrutar cun conto que non coñeciamos e que nos encantou: Zaira y los delfines (Editorial Cuento de Luz), escrito por Mar Pavón e ilustrado por Cha Coco.



Este trátase dun conto moi especial, xa que foi o primeiro libro de Zaira e, ademais, é unha obra que chegou ás súas mans como agasallo da súa avoa. Con Adela e con Zaira todos o pasamos en grande con esta lectura que vos recomendamos a todos e que supón un canto á imaxinación e ao poder desta.



Logo de escoitar este fermoso conto, Adela nos falou de mil e unha cousas: de como era o seu traballo como teleoperadora, de como chegou á súa casa o seu gato Tres (e de cal é a razón de que leve este nome), da paixón que ela e Zaira senten polos libros de Los Cinco (a fantástica colección creada pola escritora inglesa Enid Blyton), etc.


Desde aquí queremos dar as grazas a Adela por traernos á biblioteca o seu bo facer como contacontos, a súa experiencia como teleoperadora, o seu bo humor e o seu eterno sorriso. Grazas, Adela, por regalarnos o teu tempo e por implicarte neste tipo de actividades.

martes, 12 de febrero de 2019

A NOSA HOMENAXE Á ENFERMEIRA CORUÑESA ISABEL ZENDAL SAE NAS PÁXINAS DO XORNAL "LA OPINIÓN"

Unha vez máis, queremos compartir con vós unha iniciativa desenvolvida polos nosos compañeiros do Departamento de Ciencias, que continúan moi activos con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Con eles, o alumnado do noso colexio rendeu homenaxe a Isabel Zendal, considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional. 


Con esta pequena homenaxe preténdese lembrar o papel que esta "coruñesa de Ordes" tivo na loita contra a varíola (primeira enfermidade erradicada no mundo e única até o momento), levando a vacina a América na Real Expedición Filantrópica da Vacina. Animámosvos a todos a que visitedes o monumento  ubicado no Parrote, na cidade da Coruña, dedicado a Isabel Zendal e aos nenos orfos que partiron nesta expedición e que lembra a saída da mesma desde o porto coruñés o 30 de novembro de 1803. Nós xa visitamos esta fermosa obra realizada por Acisclo Manzano, para realizar unha ofrenda floral, tal e como podedes ler hoxe nas páxinas do diario La Opinión. Para ler a noticia no xornal, non tedes máis que picar aquí.

Esta iniciativa quere, á vez, reivindicar a importancia que ten a vacinación á hora de previr enfermidades infecciosas perfectamente evitables.

Todos aqueles que desexedes coñecer algo máis sobre a historia de Isabel Zendal e desta expedición, non tedes máis que pasar pola biblioteca e coller o libro que acaba de publicar o selo Bululú baixo o título Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina, obra do tándem artístico El Primo Ramón, integrado polos arquitectos coruñeses Borja López Cotelo e María Olmo Béjar.




viernes, 8 de febrero de 2019

JAVIER FÁLANOS DO SEU TRABALLO NUN BANCO E NOS IMPARTE UN OBRADOIRO DE ECONOMÍA FAMILIAR

Dentro do proxecto dirixido a achegarnos ao mundo das profesións, continuamos coas visitas de persoas de diferentes campos laborais. Un dos profesionais que nos visitou esta semana foi Javier, papá de Paula, que falou diante da súa filla e dos seus compañeiros de 3ºB de Primaria sobre como é iso de traballar nun banco.



Javier contounos que cousas fan os bancos, explicounos o que é un préstamo, e nos levou a mergullarnos no mundo das finanzas.



Con el, como xa comentamos liñas atrás, desenvolvemos un obradoiro de economía familiar no que todos o pasamos en grande.



Queremos dar as grazas a Javier por regalarnos o seu tempo, por ensinarnos tantas cousas sobre o seu traballo e por demostrarnos que falar de bancos pode ser moi divertido. A ti, Javier, a Ana María, a Paula e a Diego vos dicimos que é un pracer que formedes parte da familia do Fogar.

jueves, 7 de febrero de 2019

RAQUEL REGÁLANOS "UN BESO ANTES DE DESAYUNAR" E NOS FALA DO SEU TRABALLO NA ÁREA DE RECURSOS HUMANOS DUN COMPLEXO DEPORTIVO

Esta semana tivemos o pracer de recibir a visita de Raquel, mamá de Paula, alumna de 3ºA de Primaria, que pasou pola biblioteca para facernos desfrutar do mundo dos contos e para falarnos do seu traballo. Así, Raquel leunos un conto que nos encantou: Un beso antes de desayunar (Lóguez), de Raquel Díaz Reguera.




Sen dúbida vos recomendamos esta fermosa obra, que nos fala da importancia dos bicos e do cariño, e de como o amor pode cambiar un día gris.



Logo de escoitar esta bonita historia, puidemos achegarnos ao traballo que Paula desenvolve na área de Recursos Humanos dun complexo deportivo. Con ela falamos dos diferentes profesionais que traballan nunha instalación dese tipo, das variadas actividades que se realizan nestes espazos, e do importante que é practicar deporte para sentirse ben, tanto no aspecto físico como psicolóxico.

Queremos dar as grazas a Raquel por regalarnos unha marabillosa sesión de contacontos e por ensinarnos tantas cousas sobre o seu traballo. E grazas tamén por facelo con tanta enerxía e sentido do humor.



miércoles, 6 de febrero de 2019

CON EDUARDO COÑECEMOS O TRABALLO DUN TÉCNICO EN PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

Dentro do proxecto dirixido a achegarnos ao mundo das profesións, continuamos coas visitas de profesionais de diferentes campos. Así, estes días visitounos Eduardo, papá de Pedro, de 3ºC de Primaria, que nun encontro co seu fillo e cos seus compañeiros de grupo nos explicou en que consiste o seu traballo como Técnico en Prevención de Riscos Laborais.



Con Eduardo, que desenvolve o seu traballo nas provincias de A Coruña e Lugo, reflexionamos sobre a importancia de traballar nun ambiente seguro e saudable e tamén sobre a necesidade de realizar inspeccións periódicas neste sentido.

Desde aquí queremos dar as grazas a Eduardo por achegarnos a un traballo sobre o que descoñeciamos moitas cousas, e por facelo dun xeito tan ameno e divertido.



domingo, 3 de febrero de 2019

LOS PELIGROS DE INTERNET. ¿QUÉ PODEMOS HACER LOS PADRES?

O pasado xoves comezou a serie de charlas que a ANPA vai desenvolver ao longo do curso. Neste primeiro encontro, Santiago Reboyras, inspector xefe do Grupo de Delitos Tecnolóxicos da Brigada Provincial da Policía Xudicial da Coruña (e papá de tres alumnos do noso colexio), achegounos ao perigo que Internet pode supor para os nenos e as nenas, e incluso para os adultos, se non se fai un bo uso desta ferramenta.



Así, baixo o título "Los peligros de Internet. ¿Qué podemos hacer los padres?", Santiago amosounos cales son os principais perigos que ofrece Internet, deunos unha serie de pautas neste sentido que os pais podemos empregar cos nosos fillos e nos lembrou o importante que é dar exemplo aos máis pequenos no tocante ao emprego desta ferramenta.

Desde aquí queremos dar as grazas a Santiago e á ANPA, por achegarnos formación sobre un tema fundamental no mundo actual.

Estaremos moi atentos aos novos encontros que se organicen e animamos aos papás, ás mamás e a todos os membros desta pequena-gran familia que é o Fogar a asistir aos mesmos.

viernes, 1 de febrero de 2019

O ALUMNADO CELEBRA O "DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA" CO DEPARTAMENTO DE CIENCIAS

Hoxe queremos compartir con vós unha experiencia que están a desenvolver os compañeiros do Departamento de Ciencias para celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. 

En honor a este día, que se conmemora cada 11 de febreiro, iniciaron unha serie de actividades ca que buscan destacar o importante papel xogado pola muller no mundo das investigacións e os descubrimentos científicos ao longo da historia.

Na primeira destas actividades, os compañeiros do Dep. de Ciencias propuxeron aos alumnos de ESO, FP e Bacharelato que investigasen que acontecemento se conmemoraba o 11 de febreiro, data que apareceu marcada no calendario de cada aula. Tal e como se anunciou na web do colexio, a primeira alumna que logrou resolver o enigma foi Inés Mena Sierra (1ºESO B).

A segunda destas actividades situaba os alumnos diante dun novo reto: logo de que nas aulas apareceran fotos de diferentes mulleres, os estudantes debían averiguar de que célebres científicas se trataba. Nesta segunda actividade saíron gañadores os seguintes estudantes, que foron os que antes deron coas respostas correctas:
-Candela Garea Veiga (1ºESO B)
-Angélica Buján Vázquez (2ºESO B)
-Marina García Fano (4ºESO B)
-Luis Miguel Canario Batson (1ºBach.)
-Iria Otero Pérez (1ºBach.)
-Rafael Sánchez García (2ºBach.)
-Lucía de Soto Ventoso (2ºBach.)
-Luana Dias Nunes (FPB 2)


Cada un dos alumnos gañadores recibiu como premio un delicioso chocolate con churros da chocolatada solidaria que celebrou o colexio polo Día da Paz. Ademais, "O fogar da ciencia" decidiu colaborar coa Asociación Manos Unidas, para a que van destinados os fondos recadados en dita chocolatada.

Rematada esta fase inicial, moi pronto chegará un novo reto para todos aqueles alumnos de ESO, FP e Bacharelato que desexedes participar. Este desafío trae consigo, ademais, un premio suculento: os gañadores recibirán un punto extra nunha das materias de ciencias.

Desde aquí queremos felicitar aos compañeiros do Dep. de Ciencias por esta fantástica iniciativa e ao alumnado do noso colexio pola alta participación amosada.