jueves, 28 de marzo de 2019

RADIO FOGAR: ENTREVISTAMOS AO NADADOR JACOBO GARRIDO

O vindeiro 6 de abril, celébrase o Día Mundial do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz, co que se pretende destacar o importante papel que xoga o deporte á hora de promover a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, a comprensión, a inclusión social ou a saúde. Desde a biblio decidimos festexar este día entrevistando a Jacobo Garrido, unha auténtica estrela da natación paralímpica, que aos seus 16 anos está considerado como un dos maiores talentos da natación galega e mundial. 

Se queredes escoitar a entrevista, non tedes máis que picar aquí. Sen dúbida, desfrutaredes escoitando a Jacobo e, por suposto, ao extraordinario grupo de xornalistas que o entrevistaron, formado por Miguel, Lucas, Miriam e Antía, de 6ºC.



Desde aquí queremos dar as grazas a Jacobo por regalarnos o seu tempo e por ensinarnos que o esforzo diario e a paixón polo que se fai teñen a súa recompensa. Ademais, queremos dar os parabéns a estes catro xornalistas de 6ºC polo fantástico traballo realizado.


miércoles, 27 de marzo de 2019

COÑECEMOS O TRABALLO DUNHA ENFERMEIRA CON CRIS

Onte tivemos o pracer de recibir a Cris, que nos visitou para falar cos pícaros de 4ºInf.A sobre o seu traballo como enfermeira no Hospital Teresa Herrera (Materno Infantil) da Coruña. Todos desfrutamos escoitando a esta enfermeira con alma de profesora de Infantil, que conseguiu captar a atención dos pequenos desde o primeiro momento.



Cris explicounos cales son as funcións dunha enfermeira, falounos de diferentes utensilios que emprega no seu día a día, lembrounos o que temos que facer en caso de emerxencia, e até nos ensinou a escoitar falar os corazóns:



Grazas a Cris, agora todos coñecemos moito mellor o traballo dunha enfermeira. Por esta razón e por facérnolo pasar tan ben, lle damos as grazas.

jueves, 21 de marzo de 2019

VIAXAMOS CON CARLOS POLO MUNDO DA ELECTRÓNICA

Estes días recibimos a visita de Carlos, pai de Inés, que nos demostrou que o mundo da electrónica pode ser enormemente divertido. Os nenos e as nenas de 3ºB de Primaria coñeceron grazas a el o traballo que desenvolve un enxeñeiro en electrónica, e quedaron abraiados con algúns obxectos"máxicos" que nos trouxo para ensinar.



Carlos explicounos o funcionamento destes aparellos e, incluso, nos amosou algunha das súas propias creacións.



Desde aquí queremos dar as grazas a Carlos por ensinarnos tantas cousas e por facérnolo pasar tan ben.


miércoles, 20 de marzo de 2019

EFRÉN FÁLANOS DO TRABALLO QUE DESENVOLVE A POLICÍA LOCAL

Dentro do proxecto dirixido a traballar as profesións, continuamos a recibir a visita de persoas de diferentes ámbitos laborais. Hai uns días visitounos Efrén, que mantivo un encontro co seu fillo Joel e cos seus compañeiros de 1ºA de Primaria, no que nos explicou en que consiste o labor dun policía local.



Efrén contestou todas as preguntas que lle foron facendo os pícaros, nos explicou como debemos reaccionar ante determinadas situacións e nos falou das diferentes funcións dun policía local.




Un dos momentos que máis gustou aos pequenos foi cando Efrén nos amosou diferentes utensilios do seu traballo, e incluso nos deixou probar varios deles, como as esposas.



Desde aquí queremos dar as grazas a Efrén por todo o que nos ensinou sobre o labor dun policía local e por explicarnos todo can tanta paciencia, cariño e sentido do humor.



viernes, 15 de marzo de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: PREPARANDO A VISITA DE EMMA RÍOS

Hoxe tivemos unha nova sesión do Club de Banda Deseñada, na que preparamos o encontro con Emma Ríos, debuxante e ilustradora galega, que nos visitará o 2 de abril.



Nesta xuntanza achegámonos a algunhas das obras de Emma, detivémonos no seu estilo, analizamos as súas influencias, e repasamos a súa andaina profesional, desde os seus comezos até a actualidade, momento no que goza dun enorme recoñecemento tanto a nivel nacional como internacional.




Sen dúbida, logo da sesión de hoxe, todos temos unha morea de preguntas para realizarlle a Emma.


E ademais, a sesión desta mañá serviunos tamén para intercambiar impresións sobre as diferentes obras que nos viñemos recomendando entre os membros do club. Unha das que máis éxito está tendo é, sen dúbida, a recomendación que nos fixo Alba: Uzumaki, a terrorífica obra mestra escrita e ilustrada por Junji Ito, que fará desfrutar a calquera apaixonado do manga. A todos aqueles que queirades tremer de medo, vos recomendamos esta obra, publicada en español por Planeta.







lunes, 11 de marzo de 2019

ANDURIÑA FAINOS DESFRUTAR DA POESÍA E DO MAR COA OBRA ACUARIO

Estes días recibimos a visita de Anduriña, mamá de Mónica, de 3ºA de Primaria, que nos fixo desfrutar a todos xuntando dous mundos que nos encantan: a poesía e o mar.



Anduriña nos propuxo unha sesión de poesía e adiviñas a través do poemario Acuario (Edicións Embora), escrito por María Canosa e ilustrado por Dani Padrón.


Nesta obra cada poema está dedicado a un habitante do mar: a solla, a robaliza, a sardiña, o congro, a xarda... Todos desfrutamos adiviñando a cal estaba dedicado cada composición.



Queremos dar as grazas a Anduriña pola divertida sesión que nos regalou e por demostrar que a poesía non é nada aburrida.

miércoles, 6 de marzo de 2019

PEPE REGALOUNOS UN CONCERTO DE NÉSTOR PARDO

Entre os pícaros de 6º de Infantil do noso colexio hai un grande afeccionado á música: Pepe, de 6ºInf.C. Pepe decidiu compartir a súa paixón con nós e convidou á biblioteca ao seu amigo Néstor Pardo, compositor e músico coruñés, que nos ofreceu un concerto no que todos cantamos, bailamos e o pasamos en grande.



Néstor respondeu as preguntas que os nenos e as nenas lle fixeron sobre o mundo da música, e interpretou para nós algúns dos seus temas, que escoitamos moi atentos.



Outras das súas composicións nos fixeron vibrar e bailar:






E Néstor até nos deixou tocar a guitarra. Con el, fixémonos un pouco músicos.


Mais, sobre todo, nos fixemos fans dun músico enorme, como artista e como persoa. Desde aquí queremos dar as grazas a Néstor por regalarnos o seu tempo e a súa música. E, por suposto, tamén queremos dar as grazas a Pepe e ao seu pai Víctor por facer posible este encontro.


viernes, 1 de marzo de 2019

FELIZ ENTROIDO NO ANO INTERNACIONAL DA TÁBOA PERIÓDICA DOS ELEMENTOS QUÍMICOS

O vindeiro 6 de marzo celébrase o 150 aniversario da publicación da primeira táboa periódica dos elementos químicos. Por este motivo, o ano 2019 foi declarado pola UNESCO "Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos". Desde o Departamento de Ciencias quixeron lembrar este feito aos alumnos do Fogar a través deste cartel de felicitación do Entroido: