lunes, 5 de junio de 2023

PRÍNCIPES, DRAGÓNS, FADAS E MASCOTAS NA BIBLIOTECA DO FOGAR

A pasada semana foron varios os contos que visitaron a biblioteca para facer desfrutar os nenos e as nenas do Fogar. Un dos que máis risos "roubou" foi Un príncipe algo rarito, un divertido álbum creado por Fernando Lalana e publicado pola editorial Bruño, que nos traslada a un mundo de príncipes, encantamentos e algunha que outra ra. Irene, de 5ºB, e Alba, Iria e Marian, de 5ºC, foron as encargadas de poñer en escena esta fermosa historia cun final sorprendente, que tanto gustou aos pícaros de 2ºB de Primaria.



E logo de asistir como público, os nenos e as nenas de 2ºB animáronse a representar eles mesmos a obra que acababan de presenciar:





Estes días tamén recibimos a visita dun pequeno dragón que, malia que escupe lume pola boca, ten un corazón bondadoso e está sempre disposto a axudar aos seus amigos. Sofía, Andrea, Irene, Marta e Sara, alumnas de 4ºA de Primaria, foron as encargadas de desenvolver un espectáculo de monicreques baseado en El dragón Simón y el hada golosa, conto escrito e ilustrado por Mercè Aránega. Este álbum, que trata dunha maneira divertida o tema da alimentación, fixo desfrutar aos pícaros de 6º de Infantil.






Igual de divertida resultou a posta en escena de Cosas que me gustan de mi mascota, álbum creado por Trace Moroney e publicado por SM, co que Pablo, Alba e Daniela falaron cos nenos e as nenas de 5º de Infantil sobre todas as cousas positivas que nos achegan eses amigos tan especiais: os nosos cans, os nosos gatos...