martes, 31 de octubre de 2023

AS FAMILIAS CONTADES

Para todos nós, unha das maiores alegrías é recibirvos a vós, as familias, na biblioteca. Por iso, cada ano, ao longo do curso, ímosvos convidando a visitarnos en diferentes momentos para a realización de distintas actividades. Este mes de outubro, con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade, recibimos ao avó José María e as avoas Patricia e Carmen, que nos regalaron o seu tempo e acudiron á nosa chamada para falarnos da súa infancia, de como era o seu colexio, de cales eran os seus xogos favoritos... E ademais, cada un deles leu para nós un conto co que todos o pasamos ao grande!

José María fixo desfrutar á súa neta Valeria e aos seus compañeiros de 2ºA de Primaria con "El pastorcito mentiroso", a coñecida fábula coa que Esopo advirte contra a mentira e o abuso de confianza. E tamén nos deixou a todos impresionados cando nos amosou dous tesouros cos que nos fixo viaxar ata os seus días na escola: unha antiga pluma e un volume da famosísima Enciclopedia Álvarez.



Patricia e Carmen, avoas de Frani e de Martina, de 1ºA de Primaria, tamén quixeron sorprender as súas netas e visitaron a biblioteca para lernos dous contos que nos encantaron: Cosas que me gustan de mi familia, un fermoso álbum creado por Tracey Moroney e publicado en castelán por SM; e Avós, un entrañable libro de Chema Heras e Rosa Osuna, no que desde a editorial Kalandraka nos achegan a unha historia romántica e poética chea de metáforas encadeadas.



Desde aquí queremos dar as grazas a José María, a Patricia e a Carmen por dedicarnos o seu tempo e por sacar tantos sorrisos aos nosos pícaros. E non queremos despedirnos sen adiantarvos que durante o mes de decembro, aqueles familiares do alumnado de 5º e 6º de Infantil, e de 1º ciclo de Primaria que queirades visitar a biblioteca para lernos algún conto relacionado co Nadal ou simplemente para falarnos de como festexades nas vosas casas estas datas tan sinaladas ou de como viviades eses días de pequenos..., non tedes máis que comunicarllo ao titor correspondente. Aquí vos esperamos!