miércoles, 29 de mayo de 2024

VISITAS POLO DÍA INTERNACIONAL DA FELICIDADE NO TRABALLO (II)

Estes días acabamos coas visitas dos papás e as mamás que vos animastes a pasar pola biblio a falarnos do voso traballo. Queremos darvos as grazas a todos aqueles que nos regalastes o voso tempo. A vosa xenerosidade fixo posible que ao longo destas semanas nos puidesemos achegar de primeira man ao mundo dos oficios relacionados coa sanidade, coa educación, coa banca, coa construción, coas forzas e corpos de seguridade e, até, co mar. Precisamente neste eido traballa Recesvinto, papá de Hugo e Valeria, de 4º de Infantil, que nos visitou para explicarnos como é iso de traballar como mecánico de barco e redeiro. Con el aprendemos a arranxar unha rede e incluso a facer nós mariñeiros.


Con Rebeca, mamá de Sara (2º EPO A), experimentamos como é traballar de perruqueiro e puidemos deixar voar a nosa creatividade elaborando os nosos propios peiteados.


Sofía e Antonio, papás de Antón (2º EPO A), explicáronnos como é o seu traballo como enfermeiros na UCI e en Urxencias, e tamén nos deron unha clase práctica de reanimación. Ademais, Antonio, falounos dos traballos que desempeñou anteriormente, como buzo profesional, socorrista e monitor de natación ou masaxista.


Cris, mamá de Manu (3ºEPO B), transmitiunos a súa paixón pola docencia e lembrounos o papel fundamental que xogan as profes de Infantil no desenvolvemento dun neno. Escoitando o amor pola súa profesión que Cris reflectía en cada palabra, non dubidamos que para os seus alumnos, acudir con ela ao cole é un regalo.


Diego, papá de Dani (2ºEPO A), explicounos como é o traballo dun profesor de Educación Física e dun encargado dunha residencia de estudantes, ocupacións, ámbalas dúas, que lle encantan. Con el vimos o importante que é comprometerse co desenvolvemento persoal dos rapaces.


Pola súa banda, Ramón, papá de Alba (2ºEPO A), falounos do mundo da carpintería: dos materiais que empregan, das ferramentas más habituais neste eido, dos encargos máis habituais que reciben... E tal e como nos contou Ramón, este traballo permitiulle viaxar por medio mundo.



Con Jose, papá de Valeria, viaxamos ao longo da historia facendo un repaso polos diferentes métodos que o ser humano empregaba para comunicarse a longa distancia, desde as pombas mensaxeiras ata os actuais teléfonos móbiles. Ademais, Jose descubriunos as mil e unha cousas que fan desde as compañías de telefonía como na que traballa el.


Agradecemos tamén ao resto dos papás e mamás que neste final de curso estades a pasar pola biblio por diferentes actividades. Grazas, por exemplo, a Alejandra, mamá de Xoel, de 6º de Infantil,  por facernos desfrutar tanto con Anna Llenas e o seu álbum Topito terremoto.



E grazas tamén a Carla, mamá de Enzo, e a Thalia, mamá de Zoe, por participar no proxecto que desde 5º de Infantil están a desenvolver arredor da interculturalidade. Grazas a vós, agora xa coñecemos moitas máis cousas sobre Venezuela e Ecuador.