martes, 25 de junio de 2024

UN CURSO NA BIBLIO

Un curso na biblio do Fogar dá para moito: para que ti, Nico, lles ensines aos pícaros de Infantil o que é un kamishibai; para que os papás e as mamás nos visitedes para falarnos das vosas profesións; para que Noa e Enma decoredes a sala con murais inspirados nos libros que máis nos gustan; para que Isabella, Camila, Icía, Alba ou Jacobo rematedes os deberes na hora de estudo do mediodía; para que Carmen, María, Carlota ou Lucía fagades desfrutar aos pequenos cun divertido contacontos; para que Irene, Pepe, Marta, Antía, Sara, Andrea e Vera nos sorprendades cunha espectacular obra de teatro con horripilantes bruxas; ou até para que antigos alumnos como Natalia regaledes o voso tempo aos nenos e as nenas de Infantil e lles leades algúns dos seus contos favoritos.

Un curso na biblio dá para moitos bos momentos. Algúns deles volos amosamos neste vídeo co que agardamos que desfrutedes.

Un millón de grazas a todos os alumnos e alumnas que vos implicades nestas actividades e que convertides a biblio do cole nun fogar.



lunes, 10 de junio de 2024

AGASALLOS E MÁIS AGASALLOS NA BIBLIO DO FOGAR

Estes foron uns días de agasallos na biblio do Fogar. Unha das datas que máis nos gusta é o 23 de abril, Día Internacional do Libro. Para celebralo, nesta ocasión convocamos un certame no que os nenos e as nenas de Primaria debían escribirnos algún refrán ou adiviña relacionado coa devandita temática, crear un conto ou un poema, etc. Desde aquí queremos dar as grazas aos participantes polas marabillosas creacións que elaboraron para o concurso, e tamén aos titores polo esforzo realizado. Foi moi complicado escoller os gañadores, pero, logo de intensas deliberacións, o xurado seleccionou as obras de:

Annette (1ºC)



Dani (2ºA)



Mia (3ºC)



E Liam (4ºC)



Como podedes ver nas fotos, cada un dos gañadores recibiu cadanseu agasallo como recompensa polo esforzo realizado. Pero estes non foron os únicos presentes que se deixaron caer pola biblioteca. E é que os pícaros de Infantil tamén quixeron celebrar o Día Internacional do Libro elaborando o seu propio cancioneiro. O resultado foi espectacular e a pasada semana nolo trouxeron para que todos os nenos e as nenas do cole poidan desfrutar del na biblioteca. Aquí vos deixamos o momento no que recibimos este fermoso cancioneiro: