viernes, 30 de enero de 2015

SABÍAS QUE...?

O 30 de xaneiro de 1886 nacía en Rianxo Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, artista polifacético que destacou como narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político. Considerado como o Pai do nacionalismo galego, Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país, que se converteu na figura máis importante da cultura galega do s. XX.



Se queredes desfrutar coa lectura dalgunha das súas obras, non dubidedes en pasar pola biblioteca. Aquí agardan por vós Os dous de sempre, parolando Sempre en Galiza sobre Cousas tan divertidas como as Memorias dun esquelete ou que Os vellos non deben de namorarse.

miércoles, 28 de enero de 2015

UNHA TARDE CO GRILO MÍLLELO

Onte, como cada martes, os "Pilaritos" e os "Gemitos" visitaron a nosa biblioteca para desfrutar dunha sesión de contacontos; porén, nesta ocasión agardábaos unha agradable sorpresa: O grilo Míllelo (Edicións Embora, 2014), na voz dunha das súas autoras, Icía Varela Gómez, alumna de 3ª de ESO do noso colexio. 
Os nenos quedaron encantados coa súa narración. Icía, coma se dunha contacontos profesional se tratase, fixo gozar aos cativos coa lectura dunha obra que a bo seguro se convertirá nun clásico da literatura infantil en galego. 






domingo, 25 de enero de 2015

VISITA DE PEDRO BRANDARIZ

Esta semana tivemos o pracer de recibir a visita de Pedro Brandariz, que nos fixo desfrutar cun divertido monólogo no que animou aos rapaces a esquecer os seus complexos e vivir felices aceptándose tal como son. 



A actuación estaba planificada como premio para os participantes no noso concurso de monólogos e os compañeiros dos gañadores. Finalmente uníronse a nós os alumnos de F. P. Todos eles gozaron do seu humor e bo facer. 


Todo un showman que tivemos a honra de recibir no Fogar por segundo ano e ao que non podemos agradecer abondo a súa visita. 
Desde o Plan Lector animámosvos a velo en directo. Se queredes estar ao día das súas actuacións, aquí podedes consultar a súa axenda.


martes, 20 de enero de 2015

O FOGAR LE... O FOGAR RECOMENDA... (1ª PARTE)

No Fogar gústanos moito ler, por iso somos moitos os compañeiros que queremos compartir as nosas recomendacións lectoras con todos vós. 
Gostaríanos animarvos a ler aqueles títulos cos que tanto desfrutamos e que esperamos que, co tempo, cheguen a formar parte tamén dos vosos libros favoritos.

Marcos, o noso director, proponnos Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, unha novela xuvenil que te atrapará cunha historia do máis arrepiante... Se che gusta o misterio, non a podes perder!

Lucía recoméndanos Matilda de Roahl Dahl, para lectores a partir de 10 anos. 
O libro cóntanos a historia de Matilda, unha nena prodixio que adora ir á biblioteca e á que, por desgraza, os seus pais non prestan moita atención, porén, no colexio, vivirá situacións moi divertidas.   

Bea tráenos un clásico da literatura xuvenil distópica, Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, unha historia que presenta un futuro sen libros, xa que tiveron que ser aniquilados e prohibidos para poder exercer un control absoluto sobre a sociedade que se nos presenta na novela.








               

Begoña recomenda La historia de los bonobos con gafas de Adela Turín, ideal para rapaces e rapazas de 6 a 8 anos, e que nos ensina a crecer na igualdade e na liberdade, valorando e respectando ambos principios desde que somos ben novos.
Para os máis pequenos do cole, os nosos nenos de Infantil, María Jesús ten moi claro que o conto Ojalá estuvieras aquí, de Holly Hobbie, engaiolará aos cativos coas divertidas aventuras e viaxes dos porquiños Choni e Chano.







martes, 13 de enero de 2015

Este mes na biblioteca....

BANDA DESEÑADA!!


Despois da grande aceptación das mesas de fantasía e de terror, comezamos o ano dedicando un espazo preferente na biblioteca aos cómics. 
Todos os amantes deste xénero podedes pasar pola biblioteca para gozar das nosas novidades.



Como vimos facendo en todas as mesas temáticas, haberá un concurso relacionado coas historietas, «Adiviña o fragmento», e poremos en marcha un novo concurso para decorar a biblioteca.
Esperamos que vos animedes a participar en ámbolos dous concursos e que desfrutedes da banda deseñada.
«Unha historia non ten por que ser como unha casa, coa súa porta para entrar, as súas fiestras para ver a paisaxe e a súa cheminea para o fume... Tamén é perfectamente imaxinable unha historia en forma de elefante, de campo de trigo ou de fogo de bengala. Moebius (1976)»