jueves, 29 de octubre de 2015

ELEFANTES, MONSTROS, CARAPUCHIÑAS VERMELLAS E... MOITO BAILE

Unha semana máis, volvemos desfrutar na biblioteca deses mundos de fantasía contidos nas páxinas dos libros. Queredes saber que fixemos? Aquí vos vai o resumo da semana...

O luns recibimos os nenos de 4º de Infantil B, cos que vivimos unha sesión de contacontos protagonizada por O monstro da chuvia (Ed. SM), unha obra escrita por Marilar Aleixandre e ilustrada por Pablo Arango, na que vibramos cos esforzos de Chis para liberar os nenos secuestrados por unha terrible criatura.



Aquí podedes ver os pequenos atentos á lectura:




Este mesmo día, os alumnos dos grupos A e C de 4º de Infantil tamén acudiron á biblioteca, onde escolleron varios libros para ler na aula.

O martes, como cada semana, iniciamos a tarde con 6º de Infantil A, con cuxos pícaros nos achegamos a unha figura mítica de Literatura para nenos: Elmer. A obra protagonizada por este entrañable elefante de mil cores, escrita por David McKee e publicada pola editorial Beascoa, fíxonos desfrutar a todos e nos lembrou a importancia de valorar as diferencias e peculariedades de cada un.



Primeiro, escoitamos a lectura da obra:



E logo, decoramos, por grupos, o noso Elmer particular:







Xa na segunda sesión do martes, e dado que estamos a vivir unhas datas como as do Samaín, achegámonos xunto cos alumnos de 6º de Infantil B ao mundo dos monstros, da man dunha obra tan terrorífica como divertida, Cuando nace un monstruo (Ed. Juventud), escrita por Sean Taylor e ilustrada por Nick Sharratt.


O libro captou desde o primeiro momento a atención dos asistentes á sesión, como podedes ver nestas fotos:





E así, nesta semana de "cole" de catro días, chegamos ao xoves, xornada na que recibimos na biblioteca a catro grupos. Os primeiros en visitarnos, a primeira hora da mañá, foron os nenos de 6º de Infantil C, que viviron unha sesión moi especial, na que tivemos o privilexio de escoitar Cuando nace un monstruo na voz de dúas alumnas de 4ºC de Primaria: Alba Iglesias Arias e Candela Garea Veiga, que nos fixeron desfrutar a todos co seu bo facer como contacontos e coa súa simpatía. 







E logo da lectura, enlazando cunha parte do conto, todos bailamos o bugui bugui dirixidos por Candela e Alba:





O ben que saíu esta sesión de contacontos non foi froito da casualidade, senón do esforzo e do traballo de Alba e Candela, que prepararon a actuación ao longo de varios días de ensaios.



As dúas pequenas contacontos, ademais, agasalláronnos con senllos adornos para decorar a biblioteca para o Samaín e para acondicionar a sala para este conto de monstros:



Xa pola tarde, visitáronnos os tres grupos de 5º de Infantil, cos que lembramos un conto clásico como Carapuchiña Vermella, mais engadíndolle un final alternativo no que a avoa e o lobo bailaban un rock despois de desfrutar da merenda.













E tras unha semana de contos e baile, catro días de lecer e... tempo libre para ler novas historias!

1 comentario: