sábado, 17 de septiembre de 2016

COMEZAMOS UN NOVO CURSO...

Esta semana comezamos un novo curso, no que, do mesmo xeito que no pasado, a biblioteca se volverá encher de actividades, as cales seguirán a ter uns claros protagonistas: os nenos do Fogar. Así, cada semana, continuaremos a desfrutar de contacontos, de teatro, de debates, etc., sempre coas miras nun obxectivo moi claro: achegar os alumnos a ese universo máxico que son os libros, ao mesmo tempo que traballamos con eles valores fundamentais para o seu axeitado desenvolvemento como persoas (a solidariedade, o respecto, a amizade, a tolerancia, o esforzo...).

E así foi como estes días a biblioteca xa viviu as primeiras actividades deste curso 2016-2017, entre as que ímos destacar dúas: unha protagonizada polos alumnos de 1º de Primaria e outra desenvolvida polos nenos de 4ºC de Primaria. Estas sesións servíronnos para achegarnos a dúas das nosas palabras favoritas: AUTOESTIMA e EMPATÍA.

Cos pequenos de 1º, guiados polo seu profesor Adrián, falamos do importante que é sentirnos ben con nós mesmos, e ser conscientes de que todos temos cousas que nos encantan de nós. Así, mediante a lectura de Cosas que me gustan de Mí (SM), de Trace Moroney, cada un de nós fomos dicindo aquelas cousas que nos gustan de nós: as nosas mans, o noso sorriso, as nosas orellas, que somos bos amigos...




A moitos de nós, como vedes, encántannos os nosos pés:




E tamén os dedos das nosas mans:



Tamén falamos doutro aspecto moi importante: todos temos cousas que se nos dan moi ben, como abrazar a un amigo, xogar ao fútbol, andar en patinete, debuxar... A Sara Sánchez Raposo dáselle moi ben bailar, tal e como nos demostrou a todos:



Mais tan importante como ser conscientes das cousas que non gustan de nós, é dicirlle aos demais as cousas que nos gustan deles. Por iso, a segunda parte da sesión a destinamos precisamente a iso: cada un dos nenos debuxou a un dos seus compañeiros e escribiu dúas cousas que lle encantan del.









Desde aquí recomendamos esta fermosa obra pertencente á Colección Sentimientos, da editorial SM:


Queremos agradecer a Sara Vázquez, alumna de 2º da ESO e colaboradora habitual da biblioteca, toda a axuda que nos prestou nesta actividade.

E igual de enriquecedora foi a sesión desenvolvida cos nenos de 4ºC, que xirou arredor dunha palabra máxica: EMPATÍA. Nela, dirixidos por Tina, a profesora do grupo, debatemos sobre o importante que é poñerse no lugar dos demais, sentir o que a outra persoa sente, situarnos máis cerca do outro. Así, intentamos poñernos na situación dun novo compañeiro que acaba de chegar ao cole, imaxinamos o que puido sentir cando chegou a un lugar no que non coñece a ninguén, un sitio novo para el, e conversamos sobre o que, cada un de nós, podemos facer para facilitar a súa adaptación.


Logo do debate, nos relaxamos na nova alfombra da biblioteca:


Así comezou un curso no que aos habituais protagonistas das sesións de biblioteca, os nenos do Fogar, pretendemos sumar uns novos protagonistas: as familias. Nais, pais, avoas, avós, tías, tíos..., estades convidados a acudir á biblioteca a contarnos contos, lendas, experiencias... Estamos a agardar por vós!




No hay comentarios:

Publicar un comentario