miércoles, 28 de septiembre de 2016

PICOTÍ, PICOTÁ... QUE RICO, COCORICO!

A semana pasada continuamos coas vivitas á biblioteca, na que os contos, as cancións e os sorrisos volveron encher a sala. Unha das sesións na que máis desfrutamos foi a de 1ºA de Primaria, na que lemos un conto tan terrorífico como divertido: Cocorico, unha adaptación realizada por Marisa Núñez dun conto tradicional birmano, publicado por unha das nosas editoriais favoritas, OQO, e fermosamente ilustrado por Helga Bansch.

Cocorico é un pitiño que vive feliz coa súa nai.
Un día que Mamá Galiña vai facer biscoito,
o pitiño ofrécese a ir pola leña para acender o forno.
Cando está en plena faena, aparece un gato enorme e malvado
que o quere devorar: Gato Pelado.
De milagre, Cocorico salva a vida
porque lle promete que lle dará a metade da merenda.
Mais, unha vez pasado o perigo,
o lambón de Cocorico esquece o trato
e come o biscoito enteiro.
A mamá anóxase: vai vir Gato Pelado
e vaite comer dun bocado!
Nisto escoitan un ruído na porta:
é Gato Pelado reclamando a súa parte do biscoito...







Os pequechos pasárono en grande con este conto que, desde aquí, recomendamos a todo aquel que queira reflexionar cos nenos acerca do acto de compartir, así como de aspectos tales como cumprir as promesas ou facer caso dos consellos daquelas persoas que máis saben e que nos queren ben.





E logo da lectura da obra, cantamos a canción de Cocorico e falamos non só das personaxes que saían no libro, senón que tamén nos achegamos á vida de moitos outros animais: tigres, leóns, golfiños, canguros, coalas, cabalos... Os pequenos de 1ºA demostraron ser uns auténticos expertos no mundo animal!








Outros dos que visitaron a biblioteca a semana pasada foron os máis pequenos de Infantil, os pícaros de 3 anos, que desfrutaron coa lectura de O coelliño branco (Kalandraka), unha divertida adaptación dun conto popular portugués realizada por Xosé Ballesteros, con ilustracións de Óscar Villán.



Como vimos nesta obra, até o animal máis minúsculo lle pode gañar a partida ao máis mangallón.







E estes días tamén tivemos momentos nos que nos puxemos serios, como cando tratamos un tema tan importante como a mentira. En que ocasións mentimos? Por que o facemos? Estas foron cuestións sobre as que reflexionamos cos rapaces de 4ºC de Primaria, a partir da lectura doutra obra de OQO: A cousa que máis doe do mundo, unha adaptación dun conto popular de Costa do Marfil, con texto de Paco Liván e ilustracións de Roger Olmos.




Durante a sesión falamos da cara que poñemos cando estamos a mentir:






E tamén da expresión que nos sae cando tratamos de disimular unha mentira:




Mais a conclusión á que chegamos é clara: mentir afástanos dos demais, alónxanos das persoas que queremos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario