domingo, 6 de noviembre de 2016

ENTRE AVOAS, AVÓS E CABAZAS... COÑECEMOS A MANDELA E A NOSA AMIGA A ESCURIDADE

Estes días continuamos coas visitas das avoas e dos avós, que nos volveron sorprender coa súa simpatía e nos seguiron contando como era iso de ser neno cando eles eran pequenos.

Unha das visitas tivo como protagonista a Luis, avó de Cristian Aneiros, que fixo desfrutar a 6º de Inf. A falándonos do outono, de dinosauros, de froita, da escola á que ía de neno e de todos aqueles temas sobre os que lle ían preguntando Cristian e os seus compañeiros. Para falarnos do outono, Luis leunos El otoño, un libro escrito por Nuria Roca Soto e publicado por Edebé na súa colección ¿Qué sabes de...?




Luis respondeu con paciencia e sentido do humor a todas as preguntas que lle fixeron os pícaros.



E tan ben o fixo que os pequenos o despediron desta forma:



Laura, avoa de Laura, de 6ºINF C, nos agasallou coa lectura dun clásico como Blancanieves, e cun encontro que nos emocionou, e que nos veu demostrar que o esforzo ten a súa recompensa. Laura, desde aquí queremos dicirche que es unha supernai e unha superavoa. Grazas por regalarnos o teu perpetuo sorriso, un sorriso dunha auténtica loitadora.





Lucía e Andrea tamén tiveron o pracer de desfrutar da súa avoa, xunto cos seus compañeiros de 5º Inf. A. Neste encontro o pasamos xenial escoitando lembranzas de infancia e tamén a lectura dunha das nosas obras favoritas: A que sabe a lúa? (Kalandraka), de Michael Grejniec. Os animais desta fermosa historia de cooperación nos lembraron que as cousas compartidas sempre saben moito mellor. 






Tonecho, avó de Antón (5ºInf. B) e de Lucía (2ºB de Primaria) tamén nos visitou estes días e nos sorprendeu coa súa enorme simpatía. Antón, Lucía e os seus grupos riron ao grande con este avó amable, cercano e cheo de enerxía positiva que nos divertiu cos seus comentarios acerca de mil e un temas. Ademais, Tonecho nos leu a obra de Carmen Morales El pingüino Marcelino (SM).






Tamén Martín, de 2ºB de Primaria, tivo a sorte de desfrutar dun encontro coa súa avoa, xunto cos seus compañeiros de grupo. Todos o pasamos en grande coa lectura de O Mago de Oz, un clásico da LIX, creado por Lyman Frank Baum. Tamén nos encantaron as lembranzas desas escolas de antano e desas infancias nas que para xogar, os nenos non sentaban diante dunha pantalla, senón que corrían e brincaban na rúa.





Mais estes días non só contaron contos os avós. Así, A miña amiga a escuridade (Baía Edicións), de Ella Bufoot, viaxou até as aulas de Infantil para que Lucía Fresco, Gaia, Soraya e Lucía Rodríguez, alumnas de 5ºA, contasen esta historia aos pequenos.



Aquí tedes aos pícaros de 6º Inf. A atendendo á lectura:



E logo de escoitar o conto, chegou o momento de falar da escuridade. Por que nos dá medo? Por que nos sentimos tan intranquilos nese momento no que nos metemos na camiña e a luz se apaga? Cada un de nós fumos falando do que sentimos nesa situación e tamén doutras cousas que nos producen medo.




A miña amiga a escuridade é unha obra que nos presenta a escuridade como amiga das nenas e dos nenos, un libro ideal para ler cos pequenos no momento de deitarse.

E nuns días nos que todo o Colexio respirou aires de Samaín, ademais dos medos, tamén estiveron moi presentes as cabazas. Unha obra gustou especialmente aos rapaces: Corre, corre, cabaciña, un conto tradicional portugués que nós lemos na versión realizada por Eva Mejuto e André Letria para OQO.



Izan, Noel, Nicole, Dakota e Laura, estudantes de 6ºB, dramatizaron o conto para varios grupos, facendo rir aos pequenos coa graza coa que actuaron.



Os primeiros en gozar con esta actuación foron os máis pequenos, os alumnos da Gardería:






Despois, tocoulles desfrutar a diferentes grupos de Infantil:









Logo de asistir á actuación, chegou o momento de colorear cabazas:














Estes días Infantil e Primaria tamén tiveron a oportunidade de desfrutar de cadanseu magosto, no que degustaron castañas, se divertiron con xogos tradicionais, escoitaron contos... Para ir achegando os nenos a esta celebración, protagonizada polas castañas, contámoslles O Apalpador e a castaña máxica (Biblos), de Xoán G., unha obra que nos serviu, ademais, para ir adiantando unha figura que será unha das grandes protagonistas do mes que vén: o Apalpador.



Aquí tedes a Noe contando este fermoso conto aos seus pequenos de 6º Inf. C e aos de 5º Inf. C:






Este curso marcámonos como un dos grandes obxectivos achegar os alumnos do Fogar a persoas que sobresairon pola súa solidariedade, valentía e xenerosidade cos demais. A primeira destas persoas foi Malala, unha nena paquistaní gañadora do Premio Nobel da Paz no 2014 pola súa loita a prol do dereito de todos, nenas e nenos, á educación; logo continuamos con Iqbal, un auténtico símbolo na loita contra a explotación infantil, que deu a vida por esta causa; e tamén vimos a historia de Luis Soriano, un mestre colombiano que, cos seus burros Alfa e Beto, percorre o seu país para levar libros aos nenos das zonas rurais máis afastadas. E estes días achegámonos con 4ºC de Primaria á figura de Nelson Mandela. Os alumnos deste grupo investigaron acerca deste Premio Nobel da Paz e realizaron cadanseu traballo sobre este incansable loitador a prol da igualdade das persoas, independentemente da súa cor de pel. Logo, na biblioteca, Eva lles leu un fermoso álbum ilustrado titulado Mandela (Juventud), do afamado Kadir Nelson. Aquí vos deixamos a portada da obra:



E aquí vos van un par de fotos da sesión, na que os alumnos escoitaron a lectura da obra e presentaron os seus traballos sobre Mandela:




Marta e Javi, de 2ºESO A, acabaron de presentar aos grupos de Primaria a historia de Luis Soriano (do que falamos liñas atrás), a través da obra Biblioburro (Juventud), de Jeanette Winter. Esta vez tocoulle o turno a 3ºA:






Os rapaces quedaron impresionados con esta historia de xenerosidade protagonizada por un mestre solidario que, coa súa biblioteca ambulante, tan só intenta que os nenos das zonas máis afastadas de Colombia teñan as mesmas oportunidades de desfrutar dos libros que calquera outro pícaro.





E logo de escoitar a lectura de Biblioburro, decidimos deixar voar a nosa imaxinación e, por grupos,  nos puxemos a inventar as nosas propias historias, para o que, tal e como nos ensinou a profe Silvia hai unhas semanas, empregamos diferentes tarxetas que nos amosaban personaxes, situacións, escenarios... Despois de escoitar as historias que crearon as nenas e os nenos de 3ºA temos claro que neste grupo hai varios futuros escritores:


Aquí tedes a Ana, mestra de 3ºA, creando historias cos seus alumnos.



Outra das lecturas coa que acabamos de traballar estes días, e que nos veu acompañando desde hai varias semanas, é Por cuatro esquinas de nada (Juventud), un libro sobre a amizade, a diferenza e a exclusión, escrito por Jérome Ruillier. 


Diego, Claudia, Aitana e Hugo foron os encargados de ler esta obra ao seu grupo, 4ºB.

Aquí tedes a Dolores realizando a lectura ante o seu grupo, 4ºA.



O próximo  25 de novembro celebrarase, como cada ano, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, polo que ao longo deste mes, no Fogar, levaremos a cabo diferentes actividades sobre o tema, e incidiremos no fomento dun concepto fundamental, que está presente en todas as actividades que realizamos cada curso: a igualdade. Así, esta semana que acaba de rematar xa comezamos a ler na biblioteca contos que inciden, precisamente, neste sentido, e que nos fixeron reflexionar sobre a necesidade de repartir as tarefas do fogar. Martina, alumna de 6ºB foi a encargada de ler ao grupo de 4º Inf. C O libro dos Porcos (Kalandraka), de Anthony Browne:





Nesta necesidade, a do xusto reparto das tarefas da casa, incide tamén Maruxa (OQO), un libro enormemente divertido, inspirado nunha canción popular polaca, e creado por Eva Mejuto e Mafalda Milhoes. Nesta obra, Maruxa decide dar unha lección ao seu marido para que este tome consciencia de que o traballo na súa casa está moi mal repartido. Con grandes doses de astucia e retranca, Maruxa consegue que Pepiño cambie de actitude. 



Con esta obra desfrutaron as nenas e os nenos de 2ºA:




Nestas semanas nas que a muller terá unha especial presenza nos imos deter en figuras como Amelia Earhart, Rosa Parks, Marie Curie e outras grandes personaxes femininas da historia, non sempre xustamente valoradas. Libros tan fermosos coma este, da colección "Pequeña y GRANDE", de Alba Editorial, a bo seguro que fan desfrutar aos alumnos do Fogar.



E así nos despedimos, logo duns días nos que na biblioteca tivemos tempo para celebrar o aniversario de Alba...



...e para que Jorge descubrise o pracer da lectura:




No hay comentarios:

Publicar un comentario