miércoles, 17 de octubre de 2018

UN CURSO MÁIS, CHEGAN AS AVOAS E OS AVÓS!

Como cada curso, outubro é un mes que dedicamos a esas persoas que estades sempre pendentes de nós, queréndonos incondicionalmente: as avoas e os avós. Por iso, ao longo deste mes, todas as avoas e todos os avós que o desexedes estades invitados a visitar a biblioteca para pasar un tempiño co voso neto, coa vosa neta e cos seus grupos. Podedes contarnos un conto ou unha lenda, falarnos da vosa infancia, etc.

Algúns de vós xa vos animastes, como por exemplo Olga, avoa de Adrián, que nos visitou para manter un encontro co seu neto e os seus compañeiros de 4ºInf. A, no que nos divertiu a todos co conto Os tres porquiños. Olga demostrounos a todos que segue a conservar a súa facilidade para contar contos do seu tempo como mestra.




Tamén Celsa e Pepe, avós de Irene, de 6ºInf. C, nos visitaron para falarnos de mil e unha cousas. Encantounos escoitalos falar dos xogos da súa infancia e tamén da nosa cidade, A Coruña. Con eles fixemos un percorrido polos museos coruñeses e por algúns dos lugares e monumentos máis emblemáticos, como a Torre de Hércules.




Este mesmo grupo puido desfrutar tamén da visita de Toñito e de Loli, avós de Pepe, que nos mergullaron no fermoso mundo dos minerais e das pedras preciosas falando dun traballo que coñecen moi ben: o de xoieiro. Con estes dous avós xeniais experimentamos o que é unha malaquita, unha esmeralda, un ollo de tigre..., e nos achegamos aos diferentes utensilios que emprega un xoieiro no seu día a día.





Isabel tampouco quixo deixar pasar a ocasión e regalounos o seu tempiño por partida dobre. Primeiro fixo desfrutar á súa neta Inés e aos seus compañeiros de 3ºB de Primaria cun divertido conto de El Hematocrítico: Axente riciños (Xerais).




E logo nos deixou a todos coa boca aberta cando leu para o seu neto Miguel e para os seus compañeiros de 6ºInf. B o álbum Bóla de Manteiga, un conto popular noruegués adaptado por Ana Presunto para unha das editoriais de referencia no mundo do libro infantil: OQO.



Aos avós e ás avoas que vos animedes a vir pasar un momentiño con nós: aquí vos estamos esperando!

No hay comentarios:

Publicar un comentario