sábado, 18 de junio de 2016

UNHA MAÑÁ NA BIBLIOTECA (PARTE 1)

Unha mañá na biblioteca do Fogar pode dar para moito. Pode dar, por exemplo, para vivir unha xornada de teatro na que un grupo de actrices de 1º de ESO estreen unha divertidísima adaptación teatral da obra Un príncipe algo rarito (Bruño), escrito por Fernando Lalana e ilustrado por Mª Luisa Torcida álvarez.



Aquí vos deixamos algunhas fotos das funcións, nas que os nenos de Infantil puideron asistir a unha divertida historia de amor imposible entre Florencio, o aposto príncipe do país de Aquí, e...










O éxito colleitado por estas actrices xeniais foi total, algo que é digno de valorar, xa que se enfrontaban a un público moi esixente: os nenos de Infantil. E é que todos os grupos desa etapa pasaron na mañá de onte pola biblioteca, en diferentes momentos, para ver a obra.











Ao remate de cada representación, Xiana, Lucía, Itziar, Sara e Patricia, recibiron uns merecidísimos aplausos.



Desde aquí queremos darvos as grazas ás cinco polo voso esforzo durante estes meses de ensaios e pola vosa xenerosidade ao destinar tantas horas ao desfrute dos pequenos. O resultado final, só pode ser cualificado como espectacular, como espectaculares sodes cada unha de vós. Parabéns por ser como sodes. É un auténtico pracer compartir Centro con vós. Estes agradecementos facémolos extensivos tamén a Amanda e a Aday, que finalmente non puideron participar na estrea da obra.



Aquí vos deixamos a portada do libro, que está á vosa disposición na biblioteca do Fogar. E se queredes saber máis sobre el, non tedes máis que picar aquí.



Desde o blog vos recomendamos esta obra da editorial Bruño, dirixida aos máis pequenos, que nos demostra que non existen os amores imposibles:



E continuando cos agradecementos, non podiamos deixar de referirnos ao valioso traballo realizado por outro quinteto xenial, formado por Alba Iglesias, Susana, Tatiana, Alba Souto e Alba Seijas (alumnas de 4ºC de Primaria), que colaboraron recollendo os decorados. Estes agradecementos non son só por axudarnos coa obra, senón polo traballo que vides realizando ao longo de todo o curso na biblioteca. Un traballo que, como se pode ver na foto, facedes sempre cun sorriso na faciana, e é que vós sodes iso, un enorme sorriso. E se os agradecementos anteriores os faciamos extensivos a Amanda e a Aday, estes os queremos dedicar tamén ao resto de alumnos de 4ºC. A todos os que conformades este grupo: grazas por axudarnos tanto na biblioteca. E, sobre todo, grazas por facelo co entusiasmo e xenerosidade que vos caracteriza.



E se a obra que acabamos de ver resultou un éxito, o mesmo aconteceu coa outra representación teatral da xornada, na que, unha vez máis, Candela, Shaila, Ainhoa, Lucía, Sofía e Aarón, de 5º de Primaria, puxeron en escena A nova Cincenta, unha obra de composición propia coa que fixeron desfrutar aos nenos de 1ºB.




















Se liñas atrás dabamos os parabéns ás actrices que representaron Un príncipe algo rarito, agora debemos facer o mesmo con este grupo de teatro que empregou moitas horas nos ensaios e demostrou que unha das claves para sacar adiante calquera proxecto común é a solidadierade e o compañeirismo. Solidariedade e compañeirismo é o que amosastes en dada un dos ensaios aos que acudistes ao longo destes meses. O brillante resultado final é froito de todo o voso esforzo. Simplemente sodes xeniais. É un orgullo facer actividades con vós. E, como non, damos tamén as grazas a Lola, que realizou un labor fundamental axudando a vestir ás actrices.



Unha mañá na biblioteca, un venres calquera, pode dar, como vedes, para moito. Mais non só para teatro, pois, como constataredes moi pronto, a xornada deu para moito máis...


2 comentarios: