miércoles, 10 de abril de 2019

DESFRUTAMOS DUN ENCONTRO CO ESCRITOR NANDO LÓPEZ

Hai escritores que nos gustan, outros que nos encantan, e tamén existen uns poucos, moi pouquiños, que sinxelamente, nos namoran. Isto é precisamente o que nos aconteceu con Nando López, autor que nos visitou esta mañá para manter un encontro co alumnado de 4º da ESO.



Esta visita comezouse a fraguar hai uns meses, no momento en que andabamos a valorar diferentes obras para marcar como lectura aos estudantes da ESO. Desde Loqueleo, Verónica recomendounos unha novela que non coñeciamos: Los nombres del fuego, de Nando López. Desde o primeiro momento ficamos atrapados por esta apaixonante novela que nos leva da man de dúas rapazas, Abril e Xalaquia, por dous tempos e dous mundos, o Tenochtitlan do s.XVI e o Madrid do s.XXI. Con elas percorremos un camiño de loita, de amor, de maxia e de misterio, que nos fixo desfrutar en cada páxina. Logo de lela, non tivemos ningunha dúbida e decidimos marcar esta obra como unha das lecturas deste curso en 4º da ESO, esperando que os estudantes gozasen con ela tanto coma nós. A día de hoxe podemos dicir que nin nós nin Verónica nos equivocamos, e a obra gustou enormemente entre os rapaces.



Por todo isto, cando Verónica nos ofreceu a posibilidade de manter un encontro con Nando López, nos entusiasmamos enormemente. Enriquecer a lectura que os rapaces fixeran da obra coa visión do autor resultaba marabilloso, especialmente se tiñamos en conta que a novela nos gustara tanto a todos. Esta mañá recibimos a Nando con moita expectación e o encontro foi deses que che fan amar aínda máis a literatura. 

Nando nos falou de mil e unha cousas da súa vida e da súa carreira como novelista e dramaturgo. Viaxamos con el até a súa infancia e os seus días no colexio, no que a timidez estaba moi presente. Estivemos tamén con el cando descubriu o teatro, un mundo que acabaría por ser, en grande medida, o seu mundo. Tamén o acompañamos nos seus primeiros pasos como escritor, cando con apenas vinte anos publicou a súa primeira novela, e cando quedou finalista do prestixioso Premio Nadal. E, por suposto, estivemos con el durante o proceso de creación de Los nombres del fuego, acompañándoo cando o temido bloqueo do escritor se presentou de súpeto e festexando con el o momento de inspiración xurdido da maxia dun museo parisiense, que trouxo consigo o marabilloso final da novela, escrito dun tirón.


Con Nando falamos de machismo, da civilización azteca, dos clásicos, das súas lecturas durante os anos da adolescencia, de poesía, de teatro, etc. Con el sorrimos ao recordar as escasas habilidades deportivas que amosaba na escola e nos puxemos serios ao tratar o tema do suicidio adolescente, moi presente na súa obra teatral Malditos 16. En definitiva, neste encontro rimos, aprendemos, reflexionamos e desfrutamos. Por iso, queremos dar as grazas a tres persoas: a Nando, por regalarnos a súa literatura e por darnos tanto en tan pouco tempo; a Verónica, por facer posible este encontro; e á nosa compañeira Inés, por ser unha infatigable creadora de lectores e unha mestra para todos nós, alumnos e compañeiros.




No hay comentarios:

Publicar un comentario