Esta semana, no Club de Banda Deseñada, desfrutamos dunha nova visita. Nesta ocasión, foi a debuxante e ilustradora galega Emma Ríos quen pasou pola biblioteca para falar con nós do que máis nos gusta: o cómic. Emma conectou cos rapaces desde o primeiro momento, polo que todos acabamos falando con ela de moitas cousas máis.
Como adoitamos facer cos profesionais do mundo da ilustración e da banda deseñada que nos visitan no Club, convidamos a Emma a un xantar elaborado por nós. Así, entre prato e prato, conversamos sobre o mundo do manga, sobre diferentes autores de cómic, sobre os traballos de Emma para Marvel, e até de videoxogos.
Emma falounos do proceso creativo, do que significa para ela debuxar, e lembrou con nós os seus comezos no mundo da banda deseñada. Fomos así repasando a súa carreira, desde os atrancos iniciais até o éxito que vive actualmente, logo de conquistar o mercado norteamericano, como debuxante e guionista de cómic.
Por suposto, tamén nos recomendamos obras e autores, e intercambiamos impresións sobre algúns dos nosos ilustradores favoritos.
Todos desfrutamos conversando con Emma e gozamos coa cercanía dunha persoa que, malia terse convertido nunha estrela do mundo da banda deseñada, segue a manter a humildade que sempre a caracterizou. A ti, Emma, no nome de todos os que tivemos o pracer de compartir a tarde de onte contigo, queremos darche as grazas pola túa xenerosidade, por regalarnos o teu tempo, por todo o que nos ensinaches e por todas as experiencias que compartiches con nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario