Esta semana os grupos fixeron moitas cousas na biblioteca. Queredes coñecer algunhas delas?
Unha das actividades que máis tempo nos ocupou foi a de mergullarnos nos libros da biblio. Logo de moito mirar, todos fomos escollendo algunha obra para levar en préstamo para as nosas casas. Isto foi o que fixeron, por exemplo, os pícaros de 5ºC de Infantil.
Pero antes de dedicarnos a iso dos libros, os alumnos de 5ºC puideron desfrutar da visita de Antonio, avó de Paulo, alumno deste grupo. Antonio falou da súa infancia en Camariñas, fíxonos desfrutar coas historias que nos contou e nos sorprendeu a todos cuns fantásticos trucos de maxia que nos deixaron a todos coa boca aberta!
E é que esta semana seguimos coa actividade do "Mes dos avós", segundo a cal os avós e as avoas de Educación Infantil e de 1º, 2º e 3º de Primaria, que teñades ganas de vir á biblioteca a pasar un tempiño cos vosos netos e cos seus compañeiros, estades invitados. Olga, avoa de Adrián, alumno de 5ºA de Infantil, foi outra das que nos visitou estes días para contarnos unha fermosa historia coa que rematamos plantando unha semente. Ao encontro con Olga acudiron os pícaros de 5ºA e 5ºB de Infantil, que o pasaron en grande escoitando a esta avoa xenial.
A avoa Remedios tamén nos regalou o seu tempo e nos visitou para manter un encontro coa súa neta Aroa e os seus compañeiros de 4ºA de Infantil, no que ademais de contar Os tres porquiños, falou dos xogos da súa infancia, como a billarda.
En Primaria tamén desfrutamos con estas visitas, como a dunha extraordinaria contadora de historias como María, avoa de Isabella, que fixo as delicias da súa neta e dos seus compañeiros de 1ºB.
Pola súa banda, María, avoa de Lucía e de Andrea, de 2ºA de Primaria, quixo visitarnos para participar no proxecto central deste curso, dedicado a achegarnos ás tradicións galegas. Así, María leu para nós dúas lendas da nosa terra, grazas ás cales agora coñecemos un pouco máis sobre a noite de San Xoán e sobre un ser terrorífico: o lobishome.
Mari Carmen agasallou á súa neta Carmela e aos outros alumnos de 3ºA achegándoos aos relatos dun dos grandes autores da nosa literatura: Neira Vilas.
E tamén Luisa quixo vir pasar un momentiño con nós, no que nos levou de viaxe polo mundo coas súas historias e nos explicou como era o seu traballo como modista. O seu neto Mateo e os seus compañeiros de 3ºC de Primaria desfrutaron enormemente escoitándoa.
Desde aquí queremos dar as grazas ás avoas e aos avós que vos estades animando a participar nesta actividade. Grazas por implicarvos desta forma na educación dos vosos netos e por ensinarnos tantas cousas a todos.
E grazas tamén a aqueles alumnos que dedicades os recreos a vir á biblioteca a ensaiar contacontos e obras de teatro para representar diante dos máis pequenos. Entre todos vós, esta semana queremos destacar o grupo formado por catro alumnas de 6ºC de Primaria: Irene, Olalla, Sabrina e Paula. Os pícaros de 6ºA e 6ºB de Infantil pasárono en grande co voso contacontos de O monstro de cores (Flamboyant), de Anna Llenas.
E unha vez rematada a lectura da obra, todos falamos das nosas emocións e pintamos monstros de cores:
Outro dos contacontos que destacaremos desta semana, e que tamén nos levou a falar das nosas emocións, foi o que realizaron as titoras de 4º de infantil a partir do álbum Unha pantasma con asma, escrito por Carmen Gil e ilustrado por Sarah Webster para Kalandraka.
Logo da lectura, nada mellor que fabricar a nosa propia saba para pantasmas.
E, por suposto, esta semana continuamos a investigar sobre diferentes temas, como os seres vivos (4ºC de Primaria).
Ou como o Samaín e o magosto (4ºA de Primaria).
A próxima semana continuaremos a divertirnos e a aprender nunha biblioteca que é vosa: a biblioteca do Fogar. Boa fin de semana a todos!