martes, 30 de abril de 2019

ACHEGÁMONOS AO MUNDO DA MODA CON CARMEN

Hai uns días, tivemos o pracer de recibir a visita de Carmen, avoa de Khady, de 5ºC de Primaria, que nos veu falar do mundo da moda, sector que ela coñece moi ben logo de pasar toda a vida traballando nese ámbito.



Carmen, nunha visita enmarcada dentro do proxecto destinado a achegarnos ao mundo dos oficios, nos falou da tarefa que desempeñan diferentes profesionais, como as deseñadoras ou as modistas, e nos contou como foi evolucionando este sector desde que ela comezou a traballar nel até o presente.  Ademais, nos explicou como se fan distintas prendas de roupa e até nos amosou algunhas das súas creacións. Todas elas nos encantaron!



Queremos das as grazas a Carmen por todo o que nos ensinou sobre a moda e por facelo con tanto cariño e ilusión. Fou un verdadeiro pracer escoitala.


viernes, 26 de abril de 2019

A BRUXIÑA MAGALIA CELEBRA CON NÓS O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Esta semana, con motivo do Día Internacional do Libro, desfrutamos de diversas actividades dirixidas a celebrar esta data. Entre elas, encantounos unha visita moi especial, a da Bruxiña Magalia, que pasou pola biblioteca para facer desfrutar aos pícaros de 5º de Infantil cunha sesión de contacontos que só podemos calificar como espectacular.



O encontro comezou cunha versión que nos encantou do conto A vella na botella, publicado pola editorial OQO con texto de Roberto Mezquita e ilustracións de Alejandro Galindo.





A sesión continuou cunha das nosas obras favoritas: O polo Pepe (SM), escrito por Nick Denchfield e ilustrado por Ant Parker. Todos rimos a cachón con este divertido álbum e cantamos a súa canción. A sopa queima (OQO), de Pablo Albo e André Letria, e A vaca que puxo un ovo (Patas de peixe), de Andy Cutbill e Russell Ayto, foron as outras obras coas que puidemos desfrutar neste encontro.






Desde aquí damos as grazas á nosa bruxiña favorita polo ben que nolo fixo pasar na súa visita e vos animamos a todos a non perdervos os seus contacontos polas bibliotecas e librerías da Coruña. Para estar ao tanto dos seus contacontos podedes seguila no Facebook a través da súa conta "Bruxiña Magalia".


jueves, 25 de abril de 2019

ACHEGÁMONOS AO TRABALLO DUNHA PROFESORA DE INGLÉS CON SONIA

Hai uns días tivemos o pracer de recibir a visita de Sonia, mamá de John, que mantivo un encontro co seu fillo e os seus compañeiros de 1ºB de Primaria, no que lles falou do seu traballo como profesora de Inglés, nunha visita enmarcada dentro do proxecto central do curso, destinado a achegarnos ao mundo das profesións.



O encontro con Sonia serviunos para coñecer mellor o su oficio, pero tamén para saber máis cousas sobre a lingua inglesa e sobre Gran Bretaña, pois Sonia nos falou do tempo que pasou alí e de todos os recordos que aínda garda deses anos.

Ademais, todos desfrutamos cos divertidos xogos que Sonia fixo con nós.




Desde aquí queremos dar as grazas a Sonia por ensinarnos tantas cousas sobre a súa profesión, sobre a lingua inglesa e sobre Gran Bretaña, e, sobre todo, por facelo dunha forma tan divertida.


martes, 23 de abril de 2019

ENTREVISTAS E AUDIOCONTOS DE 6º DE INFANTIL EN RADIO FOGAR

Queremos compartir con vós o marabilloso traballo realizado polos pícaros de 6º de Infantil, que decidiron amosarnos o bos xornalistas e contacontos que son a través de Radio Fogar.



Os Iriños tiñan curiosidade por coñecer mellor á nova directiva da ANPA do noso cole, polo que lle propuxeron a Cristina e a Vicki, compoñentes da directiva, a realización dunha entrevista. Cris e Vicki aceptaron o reto e a experiencia resultou fantástica. Se queredes escoitar a entrevista, non tedes máis que picar aquí.

Os Pilitos andaban algo preocupados por como sería iso de pasar a Primaria, nivel no que xa estarán o curso que vén. Por esta razón, decidiron entrevistar a algúns dos seus compañeiros de 1º de Primaria e á profe Ana Martínez, mestra deste curso. Logo desta entrevista, os Pilitos xa coñecen moito mellor como é Primaria. Para escoitar a entrevista, non tedes máis que viaxar até Radio Fogar, picando aquí

Pola súa banda, os Gemitos quixeron lembrar a obra escollida como temática principal do Entroido de Infantil para este curso: Oso Cazamariposas, de Susana Isern, publicada por OQO, e decidiron gravar a súa propia versión deste fermoso álbum, que compartimos con todos vós a través de Radio Fogar. Esperamos que vos guste! Para escoitala non tedes máis que picar aquí.

Como despedida queremos dar os parabéns a todos os pequenos xornalistas que participastes nesta actividade polo fantástico traballo realizado. Moi pronto teremos máis Radio Fogar!






miércoles, 10 de abril de 2019

DESFRUTAMOS DUN ENCONTRO CO ESCRITOR NANDO LÓPEZ

Hai escritores que nos gustan, outros que nos encantan, e tamén existen uns poucos, moi pouquiños, que sinxelamente, nos namoran. Isto é precisamente o que nos aconteceu con Nando López, autor que nos visitou esta mañá para manter un encontro co alumnado de 4º da ESO.



Esta visita comezouse a fraguar hai uns meses, no momento en que andabamos a valorar diferentes obras para marcar como lectura aos estudantes da ESO. Desde Loqueleo, Verónica recomendounos unha novela que non coñeciamos: Los nombres del fuego, de Nando López. Desde o primeiro momento ficamos atrapados por esta apaixonante novela que nos leva da man de dúas rapazas, Abril e Xalaquia, por dous tempos e dous mundos, o Tenochtitlan do s.XVI e o Madrid do s.XXI. Con elas percorremos un camiño de loita, de amor, de maxia e de misterio, que nos fixo desfrutar en cada páxina. Logo de lela, non tivemos ningunha dúbida e decidimos marcar esta obra como unha das lecturas deste curso en 4º da ESO, esperando que os estudantes gozasen con ela tanto coma nós. A día de hoxe podemos dicir que nin nós nin Verónica nos equivocamos, e a obra gustou enormemente entre os rapaces.



Por todo isto, cando Verónica nos ofreceu a posibilidade de manter un encontro con Nando López, nos entusiasmamos enormemente. Enriquecer a lectura que os rapaces fixeran da obra coa visión do autor resultaba marabilloso, especialmente se tiñamos en conta que a novela nos gustara tanto a todos. Esta mañá recibimos a Nando con moita expectación e o encontro foi deses que che fan amar aínda máis a literatura. 

Nando nos falou de mil e unha cousas da súa vida e da súa carreira como novelista e dramaturgo. Viaxamos con el até a súa infancia e os seus días no colexio, no que a timidez estaba moi presente. Estivemos tamén con el cando descubriu o teatro, un mundo que acabaría por ser, en grande medida, o seu mundo. Tamén o acompañamos nos seus primeiros pasos como escritor, cando con apenas vinte anos publicou a súa primeira novela, e cando quedou finalista do prestixioso Premio Nadal. E, por suposto, estivemos con el durante o proceso de creación de Los nombres del fuego, acompañándoo cando o temido bloqueo do escritor se presentou de súpeto e festexando con el o momento de inspiración xurdido da maxia dun museo parisiense, que trouxo consigo o marabilloso final da novela, escrito dun tirón.


Con Nando falamos de machismo, da civilización azteca, dos clásicos, das súas lecturas durante os anos da adolescencia, de poesía, de teatro, etc. Con el sorrimos ao recordar as escasas habilidades deportivas que amosaba na escola e nos puxemos serios ao tratar o tema do suicidio adolescente, moi presente na súa obra teatral Malditos 16. En definitiva, neste encontro rimos, aprendemos, reflexionamos e desfrutamos. Por iso, queremos dar as grazas a tres persoas: a Nando, por regalarnos a súa literatura e por darnos tanto en tan pouco tempo; a Verónica, por facer posible este encontro; e á nosa compañeira Inés, por ser unha infatigable creadora de lectores e unha mestra para todos nós, alumnos e compañeiros.




lunes, 8 de abril de 2019

ACHEGÁMONOS AO TRABALLO DUN XUÍZ CON JAVIER

Estes días continuamos a afondar no mundo das profesións, tema do proxecto central deste curso, polo que persoas de diferentes ámbitos laborais seguen a visitarnos para achegarnos ao eido da medicina, da tradución, dos transportes, da electrónica, da informática, da danza... Unha das últimas visitas foi a de Javier, papá de Thiago, que pasou pola biblio para explicarnos en que consiste o seu traballo como xuíz. 



Os nenos e as nenas de 6ºInf.B desfrutaron coa charla de Javier, que nos falou de diferentes aspectos relacionados coa súa profesión, como as leis, as probas, as investigacións, os xuízos, as roldas de recoñecemento, etc. Apoiando as súas palabras en imaxes, Javier permitiunos coñecer mellor o traballo de xuíz. Por facelo tan ben, con tanto cariño e dunha maneira tan divertida, queremos darlle as grazas.



jueves, 4 de abril de 2019

RECIBIMOS A VISITA DE MARÍA REIMÓNDEZ

Na tarde de onte tivemos o pracer de recibir a visita dunha das nosas autoras favoritas: María Reimóndez. A escritora e activista luguesa pasou polo Fogar para manter un encontro co alumnado de 6º de Primaria, no que falou sobre a súa obra O xeito das froitas, publicada por Oqueleo.


Nun encontro presentado e moderado polas alumnas María Estela, Ariadna e María Clara, María Reimóndez explicounos os segredos do libro e respondeu as numerosas preguntas que lle foron formulando os estudantes sobre unha obra coa que desfrutaron neste trimestre.





Desde aquí vos recomendamos a lectura deste libro, cargado de humor, de fantasía e de esperanza.



E non queremos despedirnos sen dar as grazas a dúas persoas: a María Reimóndez por regalarnos o seu tempo e a súa literatura; e a Verónica, de Oqueleo, por facer posible este encontro e por axudarnos e apoiarnos tanto.


miércoles, 3 de abril de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: ENCONTRO CON EMMA RÍOS

Esta semana, no Club de Banda Deseñada, desfrutamos dunha nova visita. Nesta ocasión, foi a debuxante e ilustradora galega Emma Ríos quen pasou pola biblioteca para falar con nós do que máis nos gusta: o cómic. Emma conectou cos rapaces desde o primeiro momento, polo que todos acabamos falando con ela de moitas cousas máis.



Como adoitamos facer cos profesionais do mundo da ilustración e da banda deseñada que nos visitan no Club, convidamos a Emma a un xantar elaborado por nós. Así, entre prato e prato, conversamos sobre o mundo do manga, sobre diferentes autores de cómic, sobre os traballos de Emma para Marvel, e até de videoxogos.



Emma falounos do proceso creativo, do que significa para ela debuxar, e lembrou con nós os seus comezos no mundo da banda deseñada. Fomos así repasando a súa carreira, desde os atrancos iniciais até o éxito que vive actualmente, logo de conquistar o mercado norteamericano, como debuxante e guionista de cómic.





Por suposto, tamén nos recomendamos obras e autores, e intercambiamos impresións sobre algúns dos nosos ilustradores favoritos.



Todos desfrutamos conversando con Emma e gozamos coa cercanía dunha persoa que, malia terse convertido nunha estrela do mundo da banda deseñada, segue a manter a humildade que sempre a caracterizou.  A ti, Emma, no nome de todos os que tivemos o pracer de compartir a tarde de onte contigo, queremos darche as grazas pola túa xenerosidade, por regalarnos o teu tempo, por todo o que nos ensinaches e por todas as experiencias que compartiches con nós.





lunes, 1 de abril de 2019

SUSANA EXPLÍCANOS COMO É O TRABALO DUNHA PROFESORA DE GARDERÍA

A semana pasada visitounos Susana, mamá de Jimena, de 3ºA de Primaria, que mantivo un encontro coa súa filla e cos seus compañeiros no que nos explicou en que consiste o seu traballo como profesora de gardería.  Ademais, Susana, nos fixo desfrutar a todos co conto El ratón y la fortaleza, publicado por Susaeta dentro da súa colección "Valores". 



Recomendámosvos a todos esta fermosa obra escrita por José Morán e ilustrada por Ulises Wensell, coa que, tal e como indica o seu título, poderedes falar sobre a importancia da fortaleza.


Ademais, queremos dar as grazas a Susana por dedicarnos o seu tempo e por ensinarnos tantas cousas sobre o seu traballo.


ACHEGÁMONOS AO MUNDO DO TEATRO MUSICAL COA ACTRIZ SARA FANDIÑO

Na biblio  nos encanta recibirvos a vós, os antigos alumnos, que coas vosas visitas sempre nos regalades grandes doses de agarimo e de lembranzas. Estes reencontros fannos recordar persoas, momentos e anécdotas irrepetibles. Ver como vos seguistes a formar academicamente, como fostes atopando o voso sitio na vida e como continuastes a medrar como persoas, énchenos de orgullo e de alegría. Somos unha familia e esta sempre será a vosa casa.

Un destes reencontros o vivimos esta semana coa visita de Sara Fandiño, exalumna do Fogar, que achegou os pícaros de 4º Inf. C a un mundo que lle apaixona e no que, a pesar da súa xuventude, leva destacando desde hai anos: o do teatro musical.

Sara explicounos como é o traballo dunha actriz, e familiarizou os pequenos con este mundo a través da palabra e de divertidos xogos cos que todos desfrutamos.







Actriz de teatro e televisión, especializada en Teatro Musical na Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, Sara amosounos na súa visita parte do talento que a levou a traballar en compañías tan destacadas como "La Bicicleta", protagonizando obras de teatro musical como Hansel e Gretel, ou a participar en diferentes series galegas de televisión.

Sen dúbida foi un pracer recibir a esta actriz e profesora de teatro, que desde hai uns anos transmite a súa paixón a nenos e adultos desde a Escola Galega de Teatro Musical, onde está a formar novos actores e actrices especializados tamén en teatro musical. Todos aqueles que queirades saber máis sobre esta disciplina, que une canto, interpretación e danza, da man da nosa tradición cultural, non dubidedes en pasar por alí. Tamén podedes visitar a súa web picando aquí.