O Día 1 de abril celebrouse o Día Internacional da Felicidade no Traballo. Con motivo desta data convidámosvos a vós, os papás e as mamás, a visitar a biblioteca para falarnos do voso traballo. Sodes moitos os que acepastes e, por iso, queremos darvos as grazas.
A clase de 2ºA de Primaria puido desfrutar de varios encontros grazas a persoas como Eva, mamá de Leo, que visitou a biblioteca para falarnos do importante labor que levan a cabo na Asociación Párkinson Galicia-Coruña e, tamén, de cal é a súa función dentro da mesma. Con ela, mantivemos un encontro no que, a través de diferentes probas, os nenos e as nenas puideron experimentar algunhas das sensacións e dificultades que viven no seu día a día os enfermos de Párkinson.
Pola súa banda, Óscar, papá de Julia, tamén de 2ºA, amosounos todos os traballos que pode desempeñar un enxeñeiro de montes. Con el coñecemos, por exemplo, o labor fundamental que levan a cabo os membros das brigadas de prevención de incendios, o traballo que desenvolven no Centro CIUDEN Vivero ou como é o seu día a día como profesor de materias como Tecnoloxía, Física ou Química. Porén, Óscar deixounos ben claro que o seu "traballo" favorito é, sen dúbida; o de ser o papá de Julia.
Diego e Cintia tampouco quixeron deixar pasar a oportunidade de pasar pola biblio para manter un encontro co seu fillo Juan e os seus compañeiros de 2ºA. Durante o mesmo, Diego explicounos en que consiste o seu traballo como enxeñeiro e con el aprendemos moitas cousas sobre a calefacción e o aire acondicionado. E, como vedes na foto, até algún afortunado, como Julia, puido empregar algún dos aparellos que adoita utilizar Diego no seu traballo. Pero non só Diego nos falou do seu oficio, senón que tamén Cintia nos explicou os segredos da contabilidade, e fíxoo dunha maneira tan amena e divertida que espertou esa vocación en máis de un.
Antonio, papá de Alicia, mantivo un encontro cos nenos e as nenas de 3ºC de Primaria no que falou do seu traballo como educador nun centro de menores. Respondendo con agarimo as mil e unha preguntas que lle foron realizando os rapaces, Antonio foinos explicando como é a vida dos menores nun centro desas características, que fan no seu día a día tanto internos como educadores, etc. A ningún dos presentes nos pasou desapercibida a paixón coa que Antonio fala do seu traballo.
En 1ºB tamén desfrutaron destes encontros, como o de Alberto, papá de Amanda, que nos falou do seu traballo nas Forzas Armadas e nos amosou o importante labor que levan a cabo en tarefas de rescate, de axuda humanitaria, de apoio á poboación civil en situacións de emerxencia... Das moitas cousas que nos contou, encantounos a idea de entender o seu traballo como servizo aos demais.
Os pícaros de 1ºB de Primaria tamén puideron coñecer que é o que fai un enxeñeiro civil, grazas a Juan Manuel, o papá de Martina. Juan Manuel explicounos como é o traballo que se desenvolve nunha obra, amosounos a maquinaria que se emprega e nos describiu como é a indumentaria que se debe utilizar para traballar neste sector.
En 1ºC, Bernardo, papá de Annette, explicounos cal é o traballo dun deseñador industrial. Con nós, lembrou como o seu soño infantil de ser inventor se fixo realidade co seu traballo e nos amosou algún dos seus proxectos. Con el vimos como unha idea xurdida na mente dunha persoa se transforma nun obxecto que pode facilitar a vida de moita xente.
David, papá de Valentina, explicoulles aos pícaros de 3ºB como é o seu traballo como policía. David lembrounos o importantes que é non falar con descoñecidos nin abrir a porta a estraños, e tamén nos recordou que, por se algún día nos perdemos, é moi importante que coñezamos o número de teléfono dos nosos pais e a nosa dirección.
Estes días continuaremos coas vosas visitas. A todos os que xa vos pasastes por aquí, dámosvos as grazas. E todos aqueles que teñades ganas de vir pola biblio a pasar un momento divertido co grupo do voso fillo ou da vosa filla mentres nos falades do voso traballo, pero que aínda non o fixestes, tedes tempo ata finais de maio para visitarnos.