Mostrando entradas con la etiqueta ESCRITORES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ESCRITORES. Mostrar todas las entradas

sábado, 16 de mayo de 2020

OS ENCONTROS LITERARIOS CHEGAN ÁS NOSAS CASAS

Nestes días nos que as grandes xuntanzas aínda non son posibles, a cultura ábrese camiño a través das novas tecnoloxías, que permiten iniciativas como os encontros literarios con autores de todos os rincóns do mundo.

Unha das propostas máis interesantes para este mes de maio ofrécenola a Editorial Edebé, que a través da súa conta de Instagram nos dá a oportunidade de asistir a diferentes encontros e presentacións. 



Aquí vos deixamos a información e vos animamos a achegarvos a algúns autores tan destacados como David Lozano, co que xa tivemos o pracer de manter un encontro no noso colexio, no que todos, estudantes e profesores, desfrutamos enormemente escoitando a un dos grandes escritores da actualidade, que transmite amor pola literatura en cada unha das súas palabras.










martes, 28 de mayo de 2019

RECIBIMOS A VISITA DO ESCRITOR DAVID LOZANO

Unha das actividades que consideramos máis enriquecedoras dentro do mundo dos libros é o encontro cos escritores. Así, sempre intentamos que os autores das obras que len os nosos rapaces poidan visitar o colexio para conversar con eles. Estas sesións serven aos nosos alumnos para escoitar en boca do autor como se creou a historia que acaban de ler, como se deseñaron as personaxes, cal é a mensaxe que o escritor quería transmitir, cales son os segredos do libro, cal é o proceso que segue unha obra desde que xorde na mente dun autor até que chega ás librarías e bibliotecas, etc.

Seguindo esta liña de encontros, hai uns días recibimos no colexio a David Lozano, gañador de galardóns tan prestixiosos como o XXVIII Premio Gran Angular de Literatura Xuvenil, e autor de obras que nos encantan, como as que compoñen a triloxía de fantasía gótica La puerta oscura, publicada por SM, ou Desconocidos, obra coa que acadou o Premio Edebé de Literatura Xuvenil 2018, e que nos gustou tanto que decidimos propoñerlla aos estudantes de 3º da ESO para que a leran. Todos desfrutamos enormemente tanto da lectura da obra, cun ritmo trepidante que atrapa desde a primeira páxina, como con este encontro, que non tería sido posible sen a axuda de Áurea, da editorial Edebé, a quen agradecemos a súa valiosa axuda e xenerosidade. Igualmente damos as grazas a David Lozano por regalarnos o seu tempo e por compartir con nós a maxia da súa literatura.




Desde aquí recomendamos a obra Desconocidos a todo lector que teña ganas de pasar un tempo convertido nun auténtico detective. Ademais, coidamos que esta obra se torna fundamental hoxe en día ao achegarse a temas como a confianza e as redes sociais.





miércoles, 10 de abril de 2019

DESFRUTAMOS DUN ENCONTRO CO ESCRITOR NANDO LÓPEZ

Hai escritores que nos gustan, outros que nos encantan, e tamén existen uns poucos, moi pouquiños, que sinxelamente, nos namoran. Isto é precisamente o que nos aconteceu con Nando López, autor que nos visitou esta mañá para manter un encontro co alumnado de 4º da ESO.



Esta visita comezouse a fraguar hai uns meses, no momento en que andabamos a valorar diferentes obras para marcar como lectura aos estudantes da ESO. Desde Loqueleo, Verónica recomendounos unha novela que non coñeciamos: Los nombres del fuego, de Nando López. Desde o primeiro momento ficamos atrapados por esta apaixonante novela que nos leva da man de dúas rapazas, Abril e Xalaquia, por dous tempos e dous mundos, o Tenochtitlan do s.XVI e o Madrid do s.XXI. Con elas percorremos un camiño de loita, de amor, de maxia e de misterio, que nos fixo desfrutar en cada páxina. Logo de lela, non tivemos ningunha dúbida e decidimos marcar esta obra como unha das lecturas deste curso en 4º da ESO, esperando que os estudantes gozasen con ela tanto coma nós. A día de hoxe podemos dicir que nin nós nin Verónica nos equivocamos, e a obra gustou enormemente entre os rapaces.



Por todo isto, cando Verónica nos ofreceu a posibilidade de manter un encontro con Nando López, nos entusiasmamos enormemente. Enriquecer a lectura que os rapaces fixeran da obra coa visión do autor resultaba marabilloso, especialmente se tiñamos en conta que a novela nos gustara tanto a todos. Esta mañá recibimos a Nando con moita expectación e o encontro foi deses que che fan amar aínda máis a literatura. 

Nando nos falou de mil e unha cousas da súa vida e da súa carreira como novelista e dramaturgo. Viaxamos con el até a súa infancia e os seus días no colexio, no que a timidez estaba moi presente. Estivemos tamén con el cando descubriu o teatro, un mundo que acabaría por ser, en grande medida, o seu mundo. Tamén o acompañamos nos seus primeiros pasos como escritor, cando con apenas vinte anos publicou a súa primeira novela, e cando quedou finalista do prestixioso Premio Nadal. E, por suposto, estivemos con el durante o proceso de creación de Los nombres del fuego, acompañándoo cando o temido bloqueo do escritor se presentou de súpeto e festexando con el o momento de inspiración xurdido da maxia dun museo parisiense, que trouxo consigo o marabilloso final da novela, escrito dun tirón.


Con Nando falamos de machismo, da civilización azteca, dos clásicos, das súas lecturas durante os anos da adolescencia, de poesía, de teatro, etc. Con el sorrimos ao recordar as escasas habilidades deportivas que amosaba na escola e nos puxemos serios ao tratar o tema do suicidio adolescente, moi presente na súa obra teatral Malditos 16. En definitiva, neste encontro rimos, aprendemos, reflexionamos e desfrutamos. Por iso, queremos dar as grazas a tres persoas: a Nando, por regalarnos a súa literatura e por darnos tanto en tan pouco tempo; a Verónica, por facer posible este encontro; e á nosa compañeira Inés, por ser unha infatigable creadora de lectores e unha mestra para todos nós, alumnos e compañeiros.




jueves, 4 de abril de 2019

RECIBIMOS A VISITA DE MARÍA REIMÓNDEZ

Na tarde de onte tivemos o pracer de recibir a visita dunha das nosas autoras favoritas: María Reimóndez. A escritora e activista luguesa pasou polo Fogar para manter un encontro co alumnado de 6º de Primaria, no que falou sobre a súa obra O xeito das froitas, publicada por Oqueleo.


Nun encontro presentado e moderado polas alumnas María Estela, Ariadna e María Clara, María Reimóndez explicounos os segredos do libro e respondeu as numerosas preguntas que lle foron formulando os estudantes sobre unha obra coa que desfrutaron neste trimestre.





Desde aquí vos recomendamos a lectura deste libro, cargado de humor, de fantasía e de esperanza.



E non queremos despedirnos sen dar as grazas a dúas persoas: a María Reimóndez por regalarnos o seu tempo e a súa literatura; e a Verónica, de Oqueleo, por facer posible este encontro e por axudarnos e apoiarnos tanto.


miércoles, 30 de mayo de 2018

DESFRUTANDO CON PAULA CARBALLEIRA

Esta mañá tivemos o pracer de recibir a visita da escritora e actriz Paula Carballeira, que mantivo un encontro co alumnado de 1º da ESO.



Paula falounos do seu libro Bruxa e familia (Oqueleo), obra que leron este curso os estudantes de 1º da ESO, mais tamén de moitos outros temas, como a súa infancia, a súa familia e, por suposto, os seus primeiros contos de medo.



Paula, desde aquí queremos darche as grazas por facernos desfrutar tanto e por regalarnos este encontro tan divertido, que podemos resumir nunha palabra: sorriso. Este agradecemento querémolo facer extensivo a Verónica, que facilitou esta visita. Ademais, aproveitamos para dar os parabéns a Laura e a Sara, que exerceron de presentadoras do acto.





E logo do encontro cos rapaces, Paula visitou a nosa biblioteca e atendeu amablemente a todos os alumnos que se achegaron a ela, mentres asinaba exemplares de varias das súas obras.








domingo, 31 de mayo de 2015

ENTREVISTA AOS AUTORES DA OBRA O GRILO MÍLLELO


Lucía Ramos Pan e Andrea Lago Mera, alumnas de 1º de Bacharelato, realizaron unha entrevista aos autores do noso xa coñecido O grilo Míllelo (Edicións Embora, 2014), Xosé Manuel Varela, profesor de Lingua e Literatura Galega, e Icía Varela Gómez, alumna de 3º da ESO.

Velaquí vai a entrevista:
O grilo Míllelo «saíu deses contos orais que se lles narran aos fillos polas noites»
Lucía Ramos Pan e Andrea Lago Mera
O profesor do noso centro, Xosé Manuel Varela e a súa filla, Icía Varela Gómez, tamén compañeira do Fogar, acaban de publicar un libro para os máis pequenos: O grilo Míllelo.
A obra foi publicada no selo editorial de Edicións Embora de Ferrol. É un proxecto colectivo que combina narrativa, poesía, música, voces, ilustracións e teatro. As ilustracións son do betanceiro Xosé Tomás e a música do gaiteiro malpicán Suso Moreira.
O libro encádrase dentro do xénero da narrativa infantil na franxa de idade de primeiros lectores.
Icia Varela a lerlles O grilo Míllelo aos máis cativos do Fogar.
Lucía e Andrea (LeA): Como se vos ocorreu a idea de escribir o libro? Houbo algo ou alguén que vos empurrase a facelo?
Icía Varela (IV): Cando era pequena, meu pai sempre me lía contos á hora de durmir. Entón, un día apeteceunos e decidimos poñernos a escribir.
LeA: E de onde saíu a idea do tema do libro?
Xosé Manuel (XM): Un día fomos á aldea, coma de costume, e durante un paseo polo campo encontramos un grilo. Decidimos traelo para A Coruña. Ese foi o xerme para escribir sobre un grilo.
LeA: Por que un libro para nenos?
XM: Mmm... Xa tiña textos escritos para nenos, o que pasa é que esta era a obra máis redonda, a máis acabada. De todos modos, o proceso de creación non foi intencionado, senón espontáneo. Non foi nada de «ímos sentar aquí na mesa e artellar un libro de rapaces», senón que saíu deses contos orais que se lles narran aos fillos polas noites na cama á hora de durmir.
LeA: Gustouvos traballar xuntos? Como distribuístes o traballo?
IV e XM: Sempre temos visións distintas para todas as presentacións, aínda que ó final cheguemos a un punto de encontro. Isto tamén pasou no momento da súa escrita. O reparto do traballo foi un pouco a iniciativa dos dous: cada un achegaba unha idea ó conxunto do libro. Agora, estamos contentos e orgullosos de facérmolo en común.
Presentación da obra cos autores, con Suso Moreira (músico) e con Xosé Tomás (ilustrador).

LeA: Canto tempo vos levou rematalo?
IV: Moito, moito tempo. Empezamos cando eu tiña cinco anos e agora teño case quince, así que sobre uns dez anos. Primeiro, pasou por varias editoriais. Por último, Embora brindounos esta oportunidade de sacalo á rúa.
LeA: Gustaríavos escribir outro libro xuntos?  Tedes algo en mente?
IV: Si, estamos no proceso creativo con outros dous. Eu tamén teño dous relatos escritos. Un deles, segundo me teñen comentado,  é parecido a Alicia no país das marabillas. A idea do outro ocorréuselle a meu pai: trata sobre paxaros que están engaiolados, pero engaiolados da natureza. Por agora aínda non sabemos como vai rematar, xa que os contos nunca rematan como empezan.
LeA: Xosé Manuel, este libro e máis especial para ti ao escribilo coa túa filla?
XM: Si, foi especial por estar escrito coa miña filla, e ademais, porque foi un proxecto no que se involucrou moita xente, desde músicos, un compositor, un ilustador… É o libro no que participei onde hai máis xente involucrada. Ademais xente moi nova, porque algúns músicos incluso teñen dez anos.
LeA: Entón, podemos dicir que de todos os teus libros este é o que máis che gusta?
XM: Si. Téñoo máis cerca cronoloxicamente. É un libro que está moi vivo porque andamos de rolda de presentacións por colexios e concellos. Ademais, as ilustacións de Xosé Tomás son magníficas. Por todo isto é un libro moi vistoso, moi atraente. Mais isto non significa que non houbese outras publicacións que tamén me gustasen no seu momento.
A "Banda do Grilo" a interpretar as cancións do libro en Radio Voz.

LeA: Icía, a ti de pequena xa che gustaba ler e escribir ou foi máis ben teu pai quen che inculcou esa afección?
IV: Desde sempre me gustou ler e escribir, mais é certo que foi el quen me deu ese impulso para me dedicar a isto.
LeA: E pensaches en dedicarte á literatura cando sexas maior?
IV: Si, pero non de modo  profesional. Gustaríame dedicarme só como afección.
LeA: E, por último, Xosé Manuel, que consello lle darías a alguén que quixese ser escritor?
XM: Pois que escriba. Iso é o fundamental: escribir moito. Estamos agora cun libro, un grupo de catro persoas e levamos dous anos traballando nel, escribindo e revisando borradores. Xa está a punto de rematarse. Non é un libro de creación, senón de recuperación de textos. En definitiva, para escribir hai que empregar moito tempo, ler e rachar moitos borradores.

viernes, 8 de mayo de 2015

UNHA LEMBRANZA PARA MAURICE SENDAK

Un día coma hoxe de hai xa tres anos, o mundo perdía ao inolvidable Maurice Sendak, un dos máis grandes escritores de literatura infantil de todos os tempos.


Desde o blog queremos homenaxealo compartindo con todos vós, en linguaxe audiovisual, a súa obra máis destacada, Onde viven os monstros, un clásico da literatura para nenos.