Mostrando entradas con la etiqueta VISITAS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta VISITAS. Mostrar todas las entradas

jueves, 28 de mayo de 2026

GRAZAS, FAMILIAS, POR ENCHER A BIBLIOTECA DE HISTORIAS E EMOCIÓNS

Con motivo do Día Internacional do Libro, convidámosvos ás mamás e aos papás do alumnado de Infantil e do 1º ciclo de Primaria a visitar a biblioteca escolar para compartir un conto co grupo do voso fillo ou filla.





Aínda que nun primeiro momento, esta actividade estaba prevista para a segunda quincena de abril, fostes tantos os que vos animastes a participar que tivemos visitas ata o día de hoxe. E non podemos estar máis agradecidos pola vosa implicación e entusiasmo.









Durante estas semanas, enchestes a biblioteca de contos, emocións, risas e momentos moi especiais. Cada lectura foi diferente, pero todas tiveron algo en común: a ilusión coa que compartistes ese tempo co alumnado. Os nenos e as nenas gozaron enormemente vendo as súas familias formar parte dun espazo tan importante para eles como é a biblioteca escolar.






Queremos darvos as grazas polo tempo, o cariño e a dedicación que puxestes nesta actividade. Grazas por acompañarnos, por compartir historias e por axudarnos a seguir facendo da lectura unha experiencia viva e emocionante.






O próximo curso, repetimos!


miércoles, 20 de mayo de 2026

RECIBIMOS A VISITA DA ASOCIACIÓN PÁRKINSON GALICIA-CORUÑA

Esta mañá tivemos o enorme pracer de recibir a visita da Asociación Párkinson Galicia-Coruña, cuxos membros mantiveron un encontro co alumnado de 6º de Primaria para achegarlles, dunha maneira práctica e vivencial, a realidade das persoas que padecen esta doenza.

Ao longo da actividade, os nenos e as nenas participaron en diferentes probas e dinámicas coas que puideron experimentar no seu propio corpo algunhas das dificultades ás que se enfrontan os pacientes desta enfermidade no seu día a día: a perda de mobilidade, a dificultade para realizar movementos precisos ou a sensación de tremor e rixidez.




A experiencia resultou moi enriquecedora e emotiva, xa que permitiu ao alumnado desenvolver a empatía, comprender mellor esta enfermidade neurodexenerativa e valorar a importancia do apoio, da investigación e da inclusión social.



Desde a biblioteca queremos agradecer á asociación a súa visita e a cercanía coa que compartiron as súas experiencias e coñecementos. Sen dúbida, foi unha actividade que deixou pegada en todos nós.







Todos aqueles que desexedes coñecer algo máis sobre a Asociación Párkinson Galicia-Coruña, non tedes máis que picar aquí.




viernes, 24 de abril de 2026

RECIBIMOS A VISITA DO ANTROPÓLOGO ANTONIO GARCÍA ALLUT

Onte tivemos o privilexio de recibir na biblioteca escolar o antropólogo Antonio García Allut, profesor da Universidade da Coruña (UDC), quen mantivo un encontro co alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Antropoloxía.

A charla comezou cun achegamento persoal, no que explicou por que decidiu estudar Antropoloxía e como foi construíndo a súa traxectoria profesional como investigador e docente. A través da súa experiencia, mostrou unha visión moi práctica da disciplina, destacando que a Antropoloxía non só serve para comprender o mundo, senón tamén para intervir nel e melloralo.

Neste sentido, explicou parte do seu traballo ligado ás comunidades mariñeiras, onde desenvolveu proxectos orientados á sustentabilidade e á mellora das condicións de vida, incorporando o coñecemento dos propios pescadores na toma de decisións e na xestión dos recursos. Esta idea —a utilidade real da Antropoloxía para resolver problemas sociais— foi un dos eixes fundamentais da súa intervención.

A continuación, abordou o concepto de cultura e a súa relación coa bioloxía, así como cuestións como a agresividade e a violencia, invitando ao alumnado a reflexionar de maneira crítica sobre comportamentos que a miúdo se consideran “naturais”.

A sesión rematou cun intercambio de preguntas que permitiu afondar nas ideas tratadas e reforzar a importancia dunha mirada crítica e comprometida co mundo actual.

Desde aquí queremos dar as grazas ao Dr. García Allut pola súa xenerosidade ao aceptar a nosa invitación e por todo o que nos ensinou durante o encontro. Para todos nós foi un pracer enorme escoitalo.

viernes, 20 de febrero de 2026

RECIBIMOS A VISITA DE APADAN

Esta semana tivemos o pracer de recibir na biblioteca a visita de Ana, da Asociación Protectora APADAN, ubicada en Culleredo. Ana mantivo un encontro con alumnado de 2ºda ESO na que nos explicou cal é a misión dunha protectora, como son as condicións nas que chegan moitos dos cans, como se tratan unha vez que están alí no refuxio, e que debemos facer no caso de querer adoptar algún dos exemplares que viven nas súas instalacións.


Ademais, todos puidemos desfrutar do cariño de Petra, unha veterana de catorce anos, adoptada por Ana.



Desde aquí queremos dar as grazas a Ana por regalarnos o seu tempo e felicitala a ela e ao resto dos voluntarios da asociación polo importante labor que desenvolven. Todos aqueles que desexedes saber algo máis sobre APADAN, podedes visitar a súa web picando aquí        










miércoles, 23 de abril de 2025

COMEZARON XA AS VISITAS DE MAMÁS E PAPÁS POLO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Con motivo do Día Internacional do Libro, pais e nais do alumnado de Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria comezaron xa a visitar a biblioteca para lernos contos, para falarnos dos seus libros favoritos...

Unha das mamás que xa pasou pola biblio foi Nuria, nai de Lucas, alumno de 2ºB de Primaria. Nuria fíxonos desfrutar cunha obra que nos encanta, El hilo invisible, un fermoso álbum ilustrado creado por Miriam Tirado, ideal para falar cos pequenos sobre os vínculos que nos unen.


Estes encontros desenvolveranse ata mediados de maio. Todos aqueles que desexedes participar nesta actividade non tedes máis que poñervos en contacto co titor do voso fillo ou filla para fixar a data da visita. Estamos a agardar por vós! 


martes, 10 de diciembre de 2024

O MES DOS AVÓS

Un curso máis, con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade (1 de outubro ) os avós e as avoas do alumnado de 5º e 6º de Infantil e de 1º ciclo de Primaria visitáronnos para manter un encontro co grupo dos seus netos e netas. Estes momentos xuntos serviu para que nos falasen de como era a súa infancia, de cales eran os seus xoguetes favoritos, de como era a súa escola, e ata nos leron algúns contos que nos encantaron.

Desde aquí queremos darvos as grazas ás avoas e aos avós que nos visitastes por regalarnos o voso tempo.




martes, 25 de junio de 2024

UN CURSO NA BIBLIO

Un curso na biblio do Fogar dá para moito: para que ti, Nico, lles ensines aos pícaros de Infantil o que é un kamishibai; para que os papás e as mamás nos visitedes para falarnos das vosas profesións; para que Noa e Enma decoredes a sala con murais inspirados nos libros que máis nos gustan; para que Isabella, Camila, Icía, Alba ou Jacobo rematedes os deberes na hora de estudo do mediodía; para que Carmen, María, Carlota ou Lucía fagades desfrutar aos pequenos cun divertido contacontos; para que Irene, Pepe, Marta, Antía, Sara, Andrea e Vera nos sorprendades cunha espectacular obra de teatro con horripilantes bruxas; ou até para que antigos alumnos como Natalia regaledes o voso tempo aos nenos e as nenas de Infantil e lles leades algúns dos seus contos favoritos.

Un curso na biblio dá para moitos bos momentos. Algúns deles volos amosamos neste vídeo co que agardamos que desfrutedes.

Un millón de grazas a todos os alumnos e alumnas que vos implicades nestas actividades e que convertides a biblio do cole nun fogar.



miércoles, 29 de mayo de 2024

VISITAS POLO DÍA INTERNACIONAL DA FELICIDADE NO TRABALLO (II)

Estes días acabamos coas visitas dos papás e as mamás que vos animastes a pasar pola biblio a falarnos do voso traballo. Queremos darvos as grazas a todos aqueles que nos regalastes o voso tempo. A vosa xenerosidade fixo posible que ao longo destas semanas nos puidesemos achegar de primeira man ao mundo dos oficios relacionados coa sanidade, coa educación, coa banca, coa construción, coas forzas e corpos de seguridade e, até, co mar. Precisamente neste eido traballa Recesvinto, papá de Hugo e Valeria, de 4º de Infantil, que nos visitou para explicarnos como é iso de traballar como mecánico de barco e redeiro. Con el aprendemos a arranxar unha rede e incluso a facer nós mariñeiros.


Con Rebeca, mamá de Sara (2º EPO A), experimentamos como é traballar de perruqueiro e puidemos deixar voar a nosa creatividade elaborando os nosos propios peiteados.


Sofía e Antonio, papás de Antón (2º EPO A), explicáronnos como é o seu traballo como enfermeiros na UCI e en Urxencias, e tamén nos deron unha clase práctica de reanimación. Ademais, Antonio, falounos dos traballos que desempeñou anteriormente, como buzo profesional, socorrista e monitor de natación ou masaxista.


Cris, mamá de Manu (3ºEPO B), transmitiunos a súa paixón pola docencia e lembrounos o papel fundamental que xogan as profes de Infantil no desenvolvemento dun neno. Escoitando o amor pola súa profesión que Cris reflectía en cada palabra, non dubidamos que para os seus alumnos, acudir con ela ao cole é un regalo.


Diego, papá de Dani (2ºEPO A), explicounos como é o traballo dun profesor de Educación Física e dun encargado dunha residencia de estudantes, ocupacións, ámbalas dúas, que lle encantan. Con el vimos o importante que é comprometerse co desenvolvemento persoal dos rapaces.


Pola súa banda, Ramón, papá de Alba (2ºEPO A), falounos do mundo da carpintería: dos materiais que empregan, das ferramentas más habituais neste eido, dos encargos máis habituais que reciben... E tal e como nos contou Ramón, este traballo permitiulle viaxar por medio mundo.



Con Jose, papá de Valeria, viaxamos ao longo da historia facendo un repaso polos diferentes métodos que o ser humano empregaba para comunicarse a longa distancia, desde as pombas mensaxeiras ata os actuais teléfonos móbiles. Ademais, Jose descubriunos as mil e unha cousas que fan desde as compañías de telefonía como na que traballa el.


Agradecemos tamén ao resto dos papás e mamás que neste final de curso estades a pasar pola biblio por diferentes actividades. Grazas, por exemplo, a Alejandra, mamá de Xoel, de 6º de Infantil,  por facernos desfrutar tanto con Anna Llenas e o seu álbum Topito terremoto.



E grazas tamén a Carla, mamá de Enzo, e a Thalia, mamá de Zoe, por participar no proxecto que desde 5º de Infantil están a desenvolver arredor da interculturalidade. Grazas a vós, agora xa coñecemos moitas máis cousas sobre Venezuela e Ecuador.