Mostrando entradas con la etiqueta NOVIDADES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta NOVIDADES. Mostrar todas las entradas

viernes, 8 de noviembre de 2019

ESTREAMOS AS NOVIDADES DA SECCIÓN DE XOGOS EDUCATIVOS!

Esta semana estreamos as últimas novidades que acaban de chegar á sección de xogos educativos da biblio. Novos xogos para traballar a educación en valores, os sentidos, a destreza manual, a linguaxe ou conceptos matemáticos xa forman parte dos nosos fondos. 

Un dos grupos que xa fixo uso desta ferramenta estes días foi 2ºB de Primaria. As profes Paula e Nuria desenvolveron unha actividade dirixida a traballar as matemáticas manipulativas en grupo e a habituar os alumnos ao traballo cooperativo.





Tamén en Infantil comezaron a empregar este recurso e levaron en préstamo para as clases varios destes xogos. Un exemplo foi 5ºC de Infantil, que agora mesmo anda a achegarse á seguridade vial, polo que a súa profe María escolleu un xogo desta temática para traballar na aula.



Novos recursos para empregar cos nosos pequenos e para unha sección que irá medrando ao longo do curso.




martes, 29 de marzo de 2016

O MAGO DE OZ

Apetéceche viaxar até as lonxanas terras do país de Oz? Agora xa podes facelo desde a biblioteca do Fogar da man de Baía Edicións, grazas ao fermoso álbum ilustrado creado por Élodie Coudray e Anouk Filippini, nunha adaptación do texto orixinal de L. Frank Baum.



Nas páxinas do libro encontrarás as aventuras de Dorothy e mais do seu can Totó, aos que un violento tornado leva polos aires até o país de Oz. Para volver á súa casa a nena deberá encamiñarse cara á Cidade Esmeralda, onde atopará o famoso Mago de Oz, a única persoa que a pode axudar. Seguindo o camiño de lousas amarelas Dorothy vai ir coñecendo os curiosos habitantes do país de Oz, algúns tan inesquecibles como o espantallo que fala, o león covarde ou o home de folla de lata.


Este fantástico libro está a agardar por ti...

martes, 23 de febrero de 2016

INVENTARIO ILUSTRADO DE INSECTOS

Con texto de Virginie Aladjidi, ilustracións de Emmanuelle Tchoukriel e tradución de Pedro A. Almeida, Kalandraka trae á biblioteca do Fogar o seu Inventario ilustrado de insectos, no que reúne até 65 especies de insectos de todo o mundo: coleópteros, lepidópteros, dípteros, himenópteros, isópteros...


Amosando un profundo traballo de investigación e observación, cada animal é analizado na obra nunha lámina ilustrada que inlúe o seu nome común, o nome científico e unha descrición das súas principais características, do lugar no que vive... Todo aquel pequeno afeccionado aos animais en xeral e aos insectos en particular desfrutará con este libro cheo de curiosidades que vén, ademais, acompañado dun interesante prólogo no que atopamos datos acerca da utilidade dos insectos, das súas características comúns ou da súa antigüidade na Terra, que se remonta a hai catrocentos millóns de anos.

E xunto a esta obra, recén chegados tamén á biblioteca, poderás atopar outros Inventarios elaborados igualmente por Kalandraka: 









jueves, 11 de febrero de 2016

O MUNDO SECRETO DE BASILIUS HOFFMAN: O LADRÓN DE SOÑOS

Este 2016 que acabamos de comezar trouxo consigo moitas novidades á biblioteca do Fogar. Pouco a pouco irémosvolas presentando para que, se considerades que poden ser do voso interese, pasedes a botarlles un ollo ou a levalas en préstamo para a vosa casa. E comezamos esta rolda de presentacións cunha obra de fantasía escrita polo compostelán Fernando M. Cimadevila, e titulada O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños (Urco Editora); un libro que só podemos cualificar como extraordinario, e que supón o punto de partida para a saga do profesor Basilius Hoffman: historiador, arqueólogo, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa. Nestas páxinas asistiremos á viaxe do protagonista e do seu sobriño Peter na procura do lendario Diario do Cartógrafo, na que descobriremos cidades perdidas no profundo da noite, sociedades secretas, misteriosas criaturas, poderosas reliquias sagradas...



Para achegarvos un pouco máis a esta apaixonante obra, aquí vos deixamos un booktrailer da mesma:



E se che gusta esta obra, poderás seguir desfrutando das aventuras de Basilius Hoffman grazas aos outros dous libros que completan a saga: Un faro na escuridade e A batalla por Avalon, tamén recén chegados á biblioteca do Fogar.