martes, 18 de mayo de 2021

HOXE FALAMOS DE LIBROS CON... INÉS SIXTO

Hoxe temos o inmenso pracer de falar de libros cunha das persoas que máis sabe de literatura no noso colexio: a nosa compañeira Inés Sixto, profesora de Lingua Castelá e Literatura. Desde o seu fondo coñecemento do mundo literario, Inés ofrécenos aquí un percorrido por algúns dos autores e obras máis destacados da literatura universal, desde Rodari, Borges, Delibes, Saramago, Cunqueiro ou Machado, ata Stephen King. Aquí vos deixamos con ela! 


1.O libro da túa infancia…

Contos por teléfono de Gianni Rodari. Historias curtas e sorprendentes que adoraba me lesen antes de durmir e que despois lin aos meus fillos antes de se durmiren…

Os 8 curmáns, de Louise May Alcott. Non tan coñecida como Mulleriñas, é uhna historia sobre a importancia dos lazos familiares.

Calquera tomo de Astérix e Obélix ou Tintin, que se podían coller na biblioteca da aula ao rematar as tarefas do día e que supuña o mellor momento do día.

 

2.Cales son os xéneros que máis che fan desfrutar?

Son moitos os xéneros, todo depende do momento. Pero gústame especialmente o conto literario hispanoamericano: Ficciones de J.L. Borges, Cuentos de la selva de Horacio Quiroga, Historias de cronopios y de famas de Julio Cortázar… Así como as novelas de Vargas Llosa como La tía Julia y el escribidor, La casa de los espíritus o De amor y de sombra de Isabel Allende… encántame a visión dunha natureza poderosa e salvaxe onde se mesturan universos reais e imaxinarios.

Encántame a novela do século XIX, tanto española como europea en xeral: Galdós, Pardo Bazán, Dostoievski… así como a novela española do século XX: Cela, Delibes, Eduardo Mendoza…

E tamén os clásicos de aventuras: Salgari, Julio Verne…

O misterio e as novelas policíacas son a mellor escolla para o tempo de lecer e as vacacións: as novelas de Elizabeth George, por exemplo.

E sempre poesía, tanto lida como escoitada en forma de canción. Bécquer, Machado, Gil de Biedma…

O teatro, mellor representado, tanto me ten unha compañía de afeccionados como unha compañía profesional. Sempre é unha experiencia fantástica. As miñas favoritas son as versións de Lorca pero desfuto con todo.

 

3.Se puideses coñecer a un escritor ou escritora, a quen escollerías?

Gustaríame ter coñecido a moitos, o mero feito de adicarse a ese oficio, fai atractiva para min a figura de calquera persoa, pero Miguel Delibes sería un deles. A través da súa obra e das entrevistas que se lle fixeron transmite a imaxe dun home honesto e sensible, cun grande sentido da xustiza e do amor pola natureza e a terra e coido que sería un privilexio compartir algún momento con él.

 

4.O teu libro favorito…

Memorial do convento, de José Saramago. A historia da construción do Mosteiro de Mafra (Portugal) a través dunhas personaxes certamente sorprendentes. Conéctame coa devoción que sinto polo país, a súa xente e a súa lingua.

Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. Unha peculiar visión do personaxe artúrico transmutado nun menciñeiro afamado e prodixioso.  Foi unha lectura obrigatoria no Bacharelato, e a partir dela, descubrín a obra de Cunqueiro que é un dos meus escritores favoritos.

Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. A historia de Hispanoamérica a través de varias xeracións da familia Buendía. Un referente fundamental da novela contemporánea.

 

5.Se tiveses o poder de converterte nunha personaxe literaria, cal elixirías?

En Alicia a do país das marabillas, con esa capacidade de soñar e vivir en mundos fascinantes pero coa poibilidade de voltar ao mundo real, como facemos coas historias que lemos.

 

6.Unha obra para tremer de medo…

O misterio de Salem’s Lot de Stephen King. A historia dunha vila aterradora. Lido na adolescencia; aínda que só con lembrar o título xa me dan arrepíos…

 

7.Un libro para escachar co riso…

Sen noticias de Gurb, de Eduardo Mendoza. A historia dun extravagante extraterrestre que pode mimetizarse con calquera e que chega a Barcelona en plenas Olimpíadas no ano 92.

 

 8.Que supón para ti a lectura dun libro?

A inmersión nun universo paralelo, a posibilidade de vivir outras vidas, o pracer do coñecemento, as emocións compartidas con persoas aparentemente estrañas ou afastadas no espazo e no tempo pero que senten cousas moi semellantes, a verbalización de ideas que eu non sería quen de expresar…

 

9.Lectura en papel ou dixital?

O papel, sen dúbida. Nada pode compararse co ritual de pasar as páxinas e ir desequilibrando o peso ata ese punto en que, cando un libro absorbe moito, se sente unha certa angustia por ir chegando ao final. O dixital, só para consultas ou lecturas breves e pouco profundas.

 

10.Para despedirnos, uns versos ou un pequeno fragmento que leras nalgún libro e que che gustase especialmente:

«Quisiera que mi libro» de Juan Ramón Jiménez

Quisiera que mi libro
fuese, como es el cielo por la noche,
todo verdad presente, sin historia.

Que, como él, se diera en cada instante,
todo, con todas sus estrellas; sin
que niñez, juventud, vejez quitaran
ni pusieran encanto a su hermosura inmensa.

¡Temblor, relumbre, música
presentes y totales!
¡Temblor, relumbre, música en la frente
—cielo del corazón— del libro puro.

Tomado de Piedra y cielo, 1917-1918.


No hay comentarios:

Publicar un comentario